Aurelia non será desafiuzada pero a presión social continúa

Peche na Concellería de Servizos Sociais CC-BY-SA M. Pereira

Uns trinta activistas de Stop Desafiuzamentos permaneceron pechados desde as 10 da mañá e ata arredor das cinco da tarde na Concellería de Servizos Sociais da Coruña á espera de poder ser recibidos por algún responsable do departamento. Agardaban unha xuntanza, que non chegou, co obxectivo de que o Concello lle garantise a Aurelia Rey "unha vivenda digna", logo de que o seu desaloxo fose paralizado este luns ao chegar a un acordo o avogado da anciá coruñesa coa familia propietaria.

O avogado de Aurelia Rey cualifica de "fito" a paralización "dun desaloxos forzoso con sentenza firme"

Porque a presión social funcionou desta vez. O avogado de Aurelia, Antonio Vázquez, anunciou pola mañá "a solución amigable" á que se chegara cos propietarios para "poñer fin ao conflito de forma pactada". Os donos do piso da Padre Feijoo no que a muller de 85 anos vive desde hai máis de 35 anos retiraron a denuncia, polo que se conseguiu deter un desafiuzamento que xa fora paralizado pola mobilización social en dúas ocasións. "É un fito nesta loita para que unha lei manifestamente inxusta sexa modificada, un pacto que evita un desaloxo forzoso e a primeira vez que se logra frear un desaloxo forzoso con sentenza firme", aclarou o letrado, que non aclarou os detalles do acordo, pero que si insistiu en que a saída da anciá da súa vivenda "será voluntaria" e nun prazo de dous meses.

Segundo puido saber Praza, o acordo consiste en que Aurelia contará agora con oito semanas para abandonar a súa actual vivenda, período no que deberá buscar outra casa, ao tempo que a familia González-Pereira -a propietaria- compensará economicamente unha muller que cobra unha pensión de 375 euros e paga 125 polo aluguer do piso.

"Non remata aquí o traballo; loitamos por unha vivenda digna e a Administración ten moito que dicir"

"Non remata aquí o traballo; seguiremos loitando por unha vivenda digna para Aurelia", asegurou o seu avogado. Precisamente, esa é a intención de Stop Desahucios e do peche que varios activistas mantiveron na Concellería de Servizos Sociais. "A Administración ten moito que dicir", engade o letrado. Mentres, Héctor Tejón, un dos voceiros do colectivo concentrado desde hai unha semana fronte ao portal da vivenda, agradeceu visiblemente emocionado "a implicación da cidadanía, dos manifestantes e dos bombeiros" e insistiu en que "non hai vontade política" para axudar a muller afectada.

No peche púidose ver o bombeiro que se negou a colaborar no desafiuzamento o pasado luns

"O poder político prefire salvar bancos a salvar persoas", insistiu, tras engadir que a loita "só acaba de comezar". "Exiximos unha vivenda digna para Aurelia", asegurou, momento no que os trinta activistas alí concentrados decidiron trasladar a súa protesta ao gabinete da Concellería de Servizos Sociais, no que se pecharon logo dunha negociación cos axentes da Policía Local que alí chegaron. Pasadas dúas horas de peche, os congregados arrincaron o compromiso de fixar unha reunión do concelleiro Miguel Lorenzo ou dalgún responsable do seu departamento con dous representantes do colectivo. No entanto, e transcorridas cinco horas máis sen comer e sen que se lles permitise ir ao baño, abandonaron o peche solicitando "a dimisión do concelleiro" e insistindo nunha reunión á que se nega a administración local.

Stop Desahucios pide a dimisión do concelleiro de Servizos Sociais "por lavarse as mans" no conflito da anciá coruñesa

Ademais, Adolfo Naya, un dos voceiros de Stop Desafiuzamentos, explicou que a Policía Local lles comunicou que estaban incorrendo en tres delitos, entre eles o de desobediencia e ocupación de espazo público, tras ser identificados varios activistas e logo dun amplio despregamento policial. "Non pode ser que laven as mans", insistiu o portavoz, que teme que dous dos presentes no encerro poidan ser denunciadas tras o atestado aberto polos axentes locais.

Aurelia Rey rexeitou a pasada semana dúas vivendas ofertadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) xa que os dous inmobles estaban situados ás aforas da Coruña, o que podería provocar, segundo o seu propio avogado, "un forte desarrraigo social". Tanto a afectada, como o seu representante legal e Stop Desafiuzamentos pídenlle ás administracións unha solución para que a muller poida residir nunha vivenda digna e na propia cidade, tal e como leva facendo desde hai máis de trinta anos. A residencia, opción que contempla o Concello da Coruña, sempre foi rexeitada pola anciá.

Entre berros de "Aurelia por ti, estamos aquí", "nin xente sen casa, nin casa sen xente" ou "onde están os Servizos Sociais?", varias ducias de persoas mantiveron o peche no que tamén se encontraban os voceiros do BNG e Esquerda Unida no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril e César Santiso. No encerro tamén se puido ver ao bombeiro que no primeiro intento de desaloxo se negou a cortar a cadea que impedía o paso da comisión xudicial e que suxeitou un cartel de Stop Desafiuzamentos para mostrar o seu apoio ao movemento.

Peche na Concellería de Servizos Sociais CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.