A Galicia xentrificada: dos barrios populares ás zonas vellas e universitarias

Mapas sobre áreas en xentrificación en Vigo, Santiago e A Coruña sobre unha imaxe do barrio de Monte Alto CC-BY-SA Foto: Concello da Coruña / Montaxe: Praza.gal

A xentrificación é ese proceso polo cal a poboación orixinal dun barrio é desprazada e substituída por novos residentes de maior nivel socioeconómico ante a revalorización do solo e da vivenda. Zonas tradicionalmente populares tórnanse en áreas con veciñanza de maior capital económico ante a imposibilidade das clases traballadoras de afrontar o incremento nos prezos dos pisos ou do alugueiro. 

O estudo de dous investigadores galegos identifica áreas vulnerables á xentrificación en Santiago, Vigo e A Coruña e advirte de procesos moi diferentes segundo o contexto local

Desde hai tempo, a xentrificación non é un problema exclusivo de grandes cidades ou das súas áreas metropolitanas, senón que afecta moitas urbes medias, tamén en Galicia. O centro histórico perde as tabernas, bares e colmados tradicionais, substituídos por restaurantes máis caros, espazos gourmet ou tendas de souvenirs para turistas. Barrios populares van mudando a súa identidade, con residentes de moita maior capacidade adquisitiva, menor presenza na rúa e unha vida menos comunitaria, con vellos edificios rehabilitados pero inaccesibles. Todo marcado por unha situación común: a revalorización inmobiliaria. 

Agora, un estudo de dous investigadores galegos afonda nos padróns de xentrificación de tres cidades do país (Vigo, A Coruña e Santiago) a partir da adaptación dun indicador cuantitativo internacional ás urbes medias. Abordan as características da transformación das cidades e as causas que levan a este proceso, moi diferentes segundo o contexto local no caso galego: desde a turistificación ou o factor estudantil ás intervencións de rexeneración urbana ou novas infraestruturas, que mesmo viran zonas degradadas en barrios de moda. 

Mentres en Vigo e na Coruña hai máis zonas en proceso de xentrificación, con moitos barrios afectados ou expostos, o proceso é moito máis intenso en Santiago, con subas de prezos máis acusadas e o impacto do turismo como clave. O paradoxo: a mellora de zonas degradadas a través do investimento público despraza a veciñanza tradicional se a planificación urbana non vai acompañada doutras políticas. 

Áreas xentrificables e en proceso de xentrificación CC-BY-SA Scripta Nova

O estudo sinala os barrios xa xentrificados ou aqueles que están en claro proceso de xentrificación. Alberto Rodríguez Barcón, da Universidade da Coruña (UDC) e Pablo Villar Abeijón, da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), son os autores desta investigación que pretende "afondar na especificidade galega, con urbes medianas, dun fenómeno que se dá xa en todas partes" pero que estaba pouco analizado a escalas menores. 

Adaptación do índice Ding

Así o explica en conversa con Praza.gal Pablo VIllar, que aclara que as tres cidades analizadas son diferentes xa na súa composición socioeconómica, pero tamén moito nos procesos de xentrificación en varios dos seus barrios. 

O estudo adapta o Índice Ding —moi habitual para medir cuantitativamente o proceso— á realidade de Galicia. Analízanse os cambios, no período 2015-2021, das rendas medias por fogar, do número de residentes con estudos superiores e da evolución do prezo do alugueiro por sección censais e en base aos datos do  Instituto Nacional de Estatística (INE) e do Ministerio de Vivenda. 

Se a área analizada presenta ao inicio do período unha renda mediana por fogar inferior á media do conxunto da cidade enténdese como potencialmente xentrificable. Se nese período analizado o incremento dos prezos da vivenda (neste caso do alugueiro ao simplificarse o método) soben por riba da media e o aumento na proporción de veciñanza con estudos superiores tamén se incrementa máis da media, inclúese o barrio entre os que están en proceso de xentrificación. A intensidade da suba dos prezos determina logo a intensidade tamén deste proceso. 

Vigo e A Coruña teñen máis zonas en xentrificación pero o proceso dáse con moito máis intensidade en Santiago

Os resultados indican que Vigo ten a maior porcentaxe de seccións censais en proceso de xentrificación (máis do 12%), seguida da Coruña (case o 10%) e Santiago (7,2%). No entanto, a intensidade desta xentrificación é moito maior en Compostela, dun 40%, por riba da que se dá na urbe coruñesa (algo por baixo do 30%) ou viguesa (rozando o 28%). 

"O proceso é moi dinámico e cambiante e puido mudar nos últimos anos pero, á espera de analizar datos posteriores e pola experiencia acumulado, parece evidente que a xentrificación non vai menos, senón que se mantén ou vai a máis nestas cidades galegas", explica Pablo Villar, que insiste nas "características diferentes" que o fenómeno presenta nas tres urbes. 

Concentración espacial das áreas en proceso de xentrificación na Coruña, Santiago e Vigo CC-BY-SA Scripta Nova

Santiago, o impacto do turismo e a universidade

Así, en Santiago o proceso é moi particular ao estar influenciado claramente por dos factores fundamentais: o turismo e o estudantado. "A poboación flotante na cidade, durante nove meses coa mocidade universitaria e por días ou semanas cos viaxeiros, supón unha presión moi importante", explica Villar sobre un estudo que tamén sinala algunhas políticas de rehabilitación no centro histórico que inflúen na xentrificación. 

A contorna da rúa Vista Alegre, da praza de Abastos ou do parque de Belvís son das zonas máis afectadas pola xentrificación en Santiago

A investigación sitúa o proceso en auxe en varias zonas e unha das máis impactadas a contorna da rúa Vista Alegre, próxima a un dos campus, a zona da praza de Abastos, do parque de Belvís ou a rúa Castrón Douro até rematar na Ponte do Sar. "Santiago presenta un contexto urbano no que converxen fortemente presión turística, especialización funcional e dinámicas vinculadas ao sistema universitario", di o estudo. 

En Vigo, "núcleo industrial" e a urbe máis poboada, o proceso de xentrificación é moito máis fragmentado que nas outras dúas cidades e ten que ver, fundamentalmente, coas políticas públicas que impulsaron a rehabilitación do Casco Vello e tamén con novas infraestruturas ou servizos que atraeron veciñanza a zonas antes de paso. 

"No caso de Vigo e da zona histórica, houbo un investimento público bastante importante e xa había un proceso declarado de mudar o barrio e a súa xente, impulsar unha maior mestura social e cambiar a sona de deteriorado que tiña", explica Villar. 

En Vigo o proceso de xentrificación é moito máis fragmentado que noutras cidades

Fóra da zona vella e histórica, as áreas máis vulnerables á xentrificación son os barrios máis achegados ao centro, como Teis, Lavadores, Bouzas ou Coia, aínda que tamén o efecto se dá no monte do Castro, ao sur da estación intermodal de Urzáiz (coa inauguración do centro comercial Vialia en 2021 como "elemento impulsor de novos procesos de centralidade comercial e residencial), na rúa Pizarro, en Castrelos ou perto do centro comercial Gran Vía.

O 'efecto Inditex' en Monte Alto

Por outra banda, na Coruña —definida como "cidade portuaria e de servizos" no estudo—, a investigación confirma un o proceso de xentrificación paradigmático que desde hai anos centra o debate na cidade e sinala o efecto Inditex: o do barrio de Monte Alto. É o que conta con máis concentración de zonas en proceso de xentrificación, vinculado "á atracción dun perfil de traballador moi cualificado, tamén internacional", aínda que co influxo tamén de novas obras municipais de mellora. 

Intensidade dos procesos de xentrificación na Coruña, Compostela e Vigo CC-BY-SA Scripta Nova

O barrio popular, obreiro e de forte identidade e raizame, tornouse en barrio de moda e preferido por persoal novo da multinacional téxtil, con superior capacidade adquisitiva e posibilidade de pagar alugueiros inaccesibles para unha boa parte da veciñanza. 

Na Coruña, a xentrificación que afectaba o centro histórico dáse agora en Monte Alto, pero tamén na Sagrada Familia ou nos Mallos

O estudo destaca que, mentres non  hai moitos anos a xentrificación sitúabase principalmente no centro histórico —desde a Cidade Vella até o Orzán, pasando por Pescaría ou As Atochas—, Monte Alto afronta agora "o cambio máis acusado". 

A análise apunta a "unha posible reconfiguración espacial dos procesos de xentrificación na cidade, caracterizada pola expansión das dinámicas de revalorización residencial cara a barrios non estritamente centrais, como Monte Alto, a Sagrada Familia ou Os Mallos". Nestes dous últimos, dos máis degradados e sinalados durante décadas na cidade, a intervención con políticas públicas de mellora e rehabilitación, a rexeneración da zona de Vioño e a construción da nova estación intermodal (a terminal de buses inaugúrase en novembro e a de trens ten previsto botar a andar en poucos meses) "contribúen indirectamente á transformación socioespacial destes ámbitos urbanos". Pero tamén expulsa e despraza veciñanza. 

E velaí o paradoxo, sobre o que reflexiona tamén Pablo Villar: zonas antigamente máis degradadas, con peores servizos e menos demandadas, pasan agora a ver melloradas as súas condicións e os seus servizos, pero moita da veciñanza tradicional ou con familia no barrio non goza desta evolución positiva porque os prezos da vivenda e do alugueiro llo impiden. 

"Ese é o gran paradoxo e a gran cuestión: non sempre que se mellora un barrio se produce este fenómeno de xentrificación, pero si hai veces nas que sucede", explica Villar, que alude á súa tese para explicar como ben Barcelona, a peonalización e mellora de moitas rúas e barrios "desembocou nestas dinámicas" que levaron ao encarecemento de prezos e desprazamento de poboación. 

Casas rehabilitadas no Casco Vello de Vigo CC-BY-SA Xunta

A clave para evitar estes procesos, indica Villar, é engadir ás políticas de planificación urbana outras relacionadas coa vivenda. En definitiva, que os poderes públicos interveñan para que as melloras sociais e de servizos nun barrio non acaben por prexudicar os seus habitantes. 

A mellora nos servizos e condicións dun barrio degradado acaba ás veces desprazando a súa veciñanza pola suba de prezos; ese paradoxo é un dos grandes retos da planificación urbana

"Se a planificación urbana mellora a calidade de vida pero non vai acompañada doutras políticas a prol da veciñanza e outra xente quere ir vivir alí, a demanda incrementarase e os prezos subirán; é así" engade Pablo Villar, que vai máis aló. 

Este paradoxo, indica, ten parte das súas causas en concibir as diferentes políticas a aplicar nunha cidade "como departamentos estancos". "Habería que enfocalo todo dunha maneira máis global, que aqueles que se encargan da planificación urbana, da vivenda, de políticas sociais falen máis entre eles para analizar os impactos que unha mellora no barrio pode ter, por exemplo, no acceso á vivenda", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.