Que sucede cando un territorio comeza a poñer a súa vivenda, a súa auga, a súa costa e o seu espazo público ao servizo dunha demanda turística que non deixa de medrar? Galicia debería facerse esa pregunta antes de chegar demasiado tarde
Hai imaxes que explican un modelo mellor ca unha estatística. En Ibiza, unha festa privada para unhas 350 persoas construíu como decorado un lago artificial en plena situación de escaseza de auga. A empresa organizadora sostén que utilizou menos de 60.000 litros e que posteriormente os recuperou; outras estimacións elevaron inicialmente a cifra. O propio Concello de Sant Antoni considerou aquel uso da auga innecesario e difícil de xustificar.
Pero o importante non son os litros exactos nin a extravagancia dunha festa. A pregunta é outra: que sucede cando un territorio comeza a poñer a súa vivenda, a súa auga, a súa costa e o seu espazo público ao servizo dunha demanda turística que non deixa de medrar?
Galicia debería facerse esa pregunta antes de chegar demasiado tarde.
A vivenda, a gran sacrificada da festa turística
O turismo crea actividade económica e ingresos, pero tamén demasiado emprego precario e estacional. Negar os seus beneficios sería absurdo. Pero tampouco ten sentido actuar como se todo aumento do número de visitantes fose necesariamente unha boa noticia.
O turismo, como calquera actividade económica, ten límites. E un dos primeiros lugares onde eses límites se manifestan é na vivenda.
Un piso pode cumprir dúas funcións moi diferentes: ser o lugar onde unha persoa ou unha familia desenvolve a súa vida ou converterse nun activo destinado a obter a máxima rendibilidade posible alugándoo por días ou semanas, nunha lóxica cada vez máis ultraespeculativa. Cando ambas as funcións compiten por unha oferta limitada, a residencial ten todas as de perder: quen necesita unha vivenda durante todo o ano compite con quen pode pagar en tres ou catro noites unha parte considerable do que un residente pode asumir nun mes.
Galicia contaba xa en outubro de 2025 con 28.383 vivendas de uso turístico (VUT) rexistradas, segundo Turismo de Galicia, cunha forte concentración nas zonas costeiras e particularmente nas Rías Baixas.[1]
As VUT non son a única causa da crise da vivenda. Nela inflúen a falta dun verdadeiro parque público, o elevado prezo dos alugueiros, o encarecemento da compra, a vivenda baleira, a especulación e décadas de políticas insuficientes. Pero as VUT engaden un problema moi concreto: transforman vivenda potencialmente residencial en infraestrutura turística precisamente nos territorios onde a presión sobre a vivenda é maior..[2]
Cando o barrio deixa de ser barrio
A turistificación non remata na porta da vivenda. Cando aumenta a presenza de visitantes temporais cambian os baixos comerciais, os prezos, os horarios e os usos do espazo público. A tenda de proximidade, a froitaría ou o bar pensado para quen vive alí todo o ano deixan paso progresivamente a negocios orientados ao visitante que permanece tres días. Tamén cambia a convivencia nos edificios: onde antes había veciños aparecen entradas e saídas constantes de persoas diferentes.Pouco a pouco, o barrio deixa de estar organizado para quen vive nel e pasa a adaptarse a quen o visita. E chega un momento no que quen traballa na cidade xa non pode permitirse vivir nela.
O turismo masivo pode acabar convertendo o veciño nun estraño no seu propio barrio.
Esta é unha das contradicións máis profundas do turismo sen limites : necesita traballadores aos que pode acabar expulsando dos lugares onde traballan. Ibiza coñece ben esta situación: traballadores estacionais con emprego que non poden asumir os alugueiros e acaban vivindo en vehículos ou asentamentos improvisados.
Non deberiamos esperar a chegar a ese punto.
Unha cidade pode conservar os seus edificios, as súas rúas e mesmo a súa aparencia e, ao mesmo tempo, perder os seus veciños. Ese proceso ten un nome: turistificación. E cando provoca a expulsión ou substitución progresiva da poboación residente, falamos tamén de xentrificación.
O territorio tamén ten límites
A turistificación non ocupa unicamente vivendas. Ocupa territorio.
As zonas costeiras soportan tráfico, aparcadoiros, residuos, consumo de auga e unha presión crecente sobre praias e espazos naturais.
Entendemos perfectamente que non podemos ir todos ás Illas Cíes o mesmo día. Aceptamos un límite de visitantes porque comprendemos que un espazo natural ten unha determinada capacidade de carga.
Por que nos resulta tan difícil aceptar o mesmo principio cando falamos dunha praia, dunha vila costeira ou dunha cidade?
Poñer límites non é turismofobia. É planificación.
Sanxenxo permite velo con claridade. O concello ten arredor de 18.300 habitantes censados, pero durante a temporada alta pode achegarse ás 120.000 persoas. Durante unhas semanas a súa poboación multiplícase por máis de seis. E estes días, nun contexto de seca na comarca de Pontevedra, coñeciamos consumos de arredor de 16 millóns de litros de auga nun período de máxima afluencia.
A resposta non pode ser adaptar indefinidamente o territorio para recibir cada vez máis visitantes. O principio debería ser o contrario: o turismo debe adaptarse aos recursos e aos límites do territorio.
Por iso tamén é razoable unha taxa turística, non como castigo ao visitante, senón para que a actividade turística contribúa aos custos que produce e, nos lugares ou épocas de maior saturación, poida cumprir tamén unha función moderadora.
O éxito turístico non pode consistir simplemente en bater cada ano o récord de visitantes do anterior.
Cando Galicia se converte nun produto
Galicia aparece cada vez máis como destino atractivo fronte ás temperaturas extremas doutras zonas da Península e do sur de Europa. Mesmo comeza a utilizarse a expresión “refuxio climático” como argumento turístico.
Para algúns pode representar unha magnífica oportunidade económica. Para a maioría social debería ser tamén motivo de preocupación.
O cambio climático pode modificar os fluxos turísticos europeos e aumentar a presión sobre territorios atlánticos precisamente cando moitas das nosas cidades e zonas costeiras xa padecen graves dificultades de acceso á vivenda.
Temos, por tanto, a oportunidade de decidir agora que modelo queremos, antes de que o mercado decida por nós.
Vivendas para vivir
O turismo pode formar parte da vida de Galicia, pero non a costa de converter as nosas vivendas en aloxamentos, os nosos barrios en decorados e degradar o noso maior tesouro: o territorio no que vivimos. Porque, ao final, a pregunta decisiva non é cantos Pisos Turísticos caben nunha cidade. É cantas vivendas estamos dispostos a perder antes de que deixe de ser unha cidade para vivir
E volvemos ao principio: á vivenda.
Necesitamos limitar —e cando sexa necesario prohibir— novas Pisos Turísticos (VUT) nas zonas onde comprometan a función residencial, e inspeccionar as que operan ilegalmente. Non falamos dun fenómeno menor: en 2025 Consumo detectou en Galicia 6.956 anuncios ilegais de aloxamentos turísticos afectados polo expediente contra Airbnb, a inmensa maioría sen o número de rexistro obrigatorio.[3]
Porque unha vivenda non é simplemente un activo económico que deba destinarse automaticamente ao uso que produza maior rendibilidade. A vivenda cumpre unha función social.
Primeiro chegan máis visitantes, despois medran as VUT, atopar un alugueiro estable faise máis difícil, parte da poboación vese obrigada a marchar. O turismo pode formar parte da vida de Galicia, pero non a costa de converter as nosas vivendas en aloxamentos, os nosos barrios en decorados e degradar o noso maior tesouro: o territorio no que vivimos.
Porque, ao final, a pregunta decisiva non é cantos Pisos Turísticos caben nunha cidade. É cantas vivendas estamos dispostos a perder antes de que deixe de ser unha cidade para vivir.
Referencias
[1] Turismo de Galicia. Rexistro de vivendas de uso turístico, outubro de 2025: 28.383 VUT rexistradas en Galicia.
[2] Praza.gal, Nas cidades galegas hai case catro pisos turísticos por cada vivenda de alugueiro dispoñible, agosto de 2024: 5.382 VUT fronte a 1.480 vivendas ofertadas para alugueiro de longa duración nas sete cidades galegas. Nas sete cidades galegas había xa en 2024 5.382 VUT rexistradas fronte a só 1.480 vivendas dispoñibles para alugueiro de longa duración.
[3] Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, decembro de 2025. O expediente sancionador contra Airbnb incluíu 6.956 anuncios ilegais en Galicia; 6.897 carecían do número de rexistro obrigatorio e 59 empregaban un número falso.