Vigo únese ás acampadas de Compostela e Pontevedra pola vivenda

Acampada pola vivenda en Vigo, o 12 de outubro á noite CC-BY-SA Amnistía Internacional Vigo

Vigo únese ás acampadas pola vivenda. Arredor de quince tendas ocupan a Praza de Compostela, na Alameda, desde a tardiña deste pasado luns, cando varios activistas decidiron unirse ás reivindicacións que se manteñen en Santiago e en Pontevedra. 

Logo da concentración convocada este luns por Alianza pola Vivenda na rúa Príncipe de homenaxe a Maricarmen —a anciá desafiuzada do seu piso o pasado 23 de setembro e falecida a pasada semana, cuxo caso ergueu as protestas por toda España contra a crise habitacional— varias persoas decidiron comezar unha acampada indefinida. 

Mobilización na acampada pola vivenda do Obradoiro CC-BY-SA Acampada Obradoiro

"Facemos acampada polo dereito á vivenda; convocamos á mocidade de Vigo e a todos os colectivos sociais a loitar polos nosos dereitos. As rúas son nosas", explicaba unha moza desde unha mobilización que se une ás moitas esparexidas por Galicia e todo o Estado contra a especulación inmobiliaria e en apoio da folga xeral convocada para o vindeiro día 11. 

A acampada de Vigo únese á que leva xa seis días en Pontevedra ou a que se desenvolve en Santiago desde o pasado 1 de outubro

A poucos quilómetros, na cidade de Pontevedra, son xa seis os días que levan acampados tamén varios mozos e mozas na Alameda polos mesmos motivos, ao que engadiron a loita contra o racismo e a discriminación por parte do rendismo das persoas migrantes e racializadas nunha concentración este pasado luns e no marco do 12 de outubro. 

Pola súa banda, a acampada do Obradoiro, en Compostela, vai camiño de facer xa dúas semanas tras comezar na madrugada do pasado 1 de outubro. Con cada vez unha maior presenza de tendas e maior organización, os colectivos alí instalados veñen de emitir un comunicado nas redes sociais no que explican as súas demandas "mínimas" ante a crise. 

Demandas desde o Obradoiro

Entre elas reclaman a "expropiación do patrimonio que hoxe teñen os grandes empresarios, como a Igrexa e fondos voitre, para o seu uso por parte da clase traballadora" ou a "ilegalización das empresas de desokupación, que funcionan como brazo armado dos grandes empresarios nos nosos barrios". 

Mobilización pola vivenda en Vigo CC-BY-SA BNG Vigo

Tamén piden a "axilización de trámites e eliminación de cláusulas abusivas" que son usadas "como mecanismo clasista e racista que fai que non se renoven os alugueiros a aqueles que non encaixan cos estándares", din, que algúns propietarios teñen de inquilinos e inquilinas. 

A acampada do Obradoiro difunde unhas demandas "mínimas" como a ilegalización das empresas de 'desokupación', contratos indefinidos de alugueiro ou supresión de cláusulas abusivas

Desde Acampada Obradoiro reclaman tamén o "cumprimento das condicións de habitibilidade" dunhas vivendas que deben estar "adaptadas ás necesidades de quen as habita". 

Ao tempo, demandan contratos indefinidos de alugueiro e a baixada destes "ao 50%", vinculados aos ingresos das persoas inquilinas, así como un "reparto racional do parque de vivenda en resposta ás necesidades da clase traballadora, en relación co exceso de pisos turísticos no caso de Santiago". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.