Os desaloxos de vivendas alugadas duplican os hipotecarios en Galicia

Desfiuzamento de María e Carlos en Compostela CC-BY-NC-SA Anova

A escena é xa tristemente coñecida. Activistas de colectivos sociais e políticos tentan protexer a familia que está a piques de ser desaloxada da súa vivenda por motivos económicos mentres, no exterior, un enorme dispositivo de antidisturbios lle abre o paso á comisión xudicial encargada de executar o desafiuzamento. A última ocasión en que isto se produciu foi o pasado venres na parroquia compostelá de Aríns. A afectada era a familia de María e Carlos, "estafada" por un prestamista e na que se integra unha anciá con fortes problemas de mobilidade, e para culminar o desaloxo os axentes cargaron con dureza contra as persoas que tentaban evitalo. Estas persoas ficaron na rúa e a casa, baleira, como máis de 3.000 en Galicia no último ano, segundo uns datos oficiais que indican, no entanto, que os desaloxos de vivendas alugadas duplican os desafiuzamentos hipotecarios.

Dende o inicio da crise o Consello Xeral do Poder Xudicial recompila trimestralmente diversos indicadores dos tribunais vinculados ás dificultades económicas. Entre eles están os lanzamentos, isto é, as resolucións xudiciais que implican a entrega da propiedade. Aínda que estas cifras non reflicten exactamente a totalidade dos desafiuzamentos -inclúen algunhas propiedades que non son vivendas e tamén os desaloxos adiados, por exemplo- si poden servir como referencia nesta suposta saída da crise, toda vez que dende o inicio de 2013, cando se comezaron a medir, o seu número non variou en exceso.

No país prodúcese unha media de 7 lanzamentos diarios

Así, os lanzamentos rexistrados en Galicia durante o pasado ano e durante o primeiro trimestre de 2014 -último dato dispoñible- chegan aos 3.067 e deles máis de 2.000 corresponderon a resolucións derivadas da lei de arrendamentos, polo tanto, a propiedades alugadas, o que supón un 66% do total. Fronte a esta cifra os desaloxos hipotecarios foron neste período 824 e os derivados doutros motivos -laudos ou conflitos familiares, por exemplo- quedaron en 211. Deste xeito, cabe concluír que durante o ano 2013 producíronse en Galicia case 7 desaloxos ao día e, no primeiro trimestre de 2014 esta media non só se mantivo, senón que se incrementou levemente.

A resposta da Xunta

Neste contexto colectivos como Stop Desafiuzamentos chaman a atención sobre o que, ao seu xuízo, é unha ausencia de medidas reais para atallar o problema dende as administracións, caso por exemplo do Instituto Galego da Vivenda e Solo e, en xeral, da Xunta. O Goberno galego, precisamente, vén de asegurar que é consciente de que "moitas persoas e familias, por mor da crise económica, precisan dun reforzo social e económico ao estar en situación de dificultades para afrontar o pagamento das obrigas hipotecarias adquiridas". "A Xunta -afirman dende a Vicepresidencia e a Consellería de Benestar- está a afrontar esta situación no marco das súas competencias" con "recursos e servizos dirixidos ás persoas que contrataron un préstamo hipotecario sobre a súa única vivenda" e "non poden facer fronte" ás cotas.

A Xunta asegura que está "a afrontar esta situación no marco das súas competencias"

Nunha resposta parlamentaria á vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, o Goberno galego cita entre estas medidas recursos xenéricos para persoas sen recursos económicos, como a Renda de Inserción Social (Risga), as "axudas a persoas emprendedoras", a "colaboración cos concellos para o financiamento dos servizos sociais" ou os "convenios de colaboración cos concellos, asociacións" e "organizacións non gobernamentais". "Como resposta directa", aos desafiuzamentos o Executivo lembra "o Programa Reconduce de apoio ás persoas e aś familias para a prevención do risco de desafiuzamento por execución hipotecaria", que inclúe servizos como a mediación coas entidades financeiras, apoio psicolóxico ou busca de "vivenda alternativa".

O Goberno central aposta por axilizar os desafiuzamentos de pisos alugados

Segundo a Xunta "ata o momento" este programa "tivo 199 solicitudes, das cales 90 acadaron un expediente completo". A avaliación destas actuacións é "nestes momentos, positiva, non existindo constancia de ningún desafiuzamento das familias con expeidente formado e defendido pola oficina do Programa Reconduce, a pesar de que houbo varias situacións nas que dito desafiuzamento estaba xa previsto". Na resposta o Goberno non cita o programa de pisos públicos para persoas desafiuzadas, presentado en 2012, nin a aposta do Goberno central por axilizar os desafiuzamentos en pisos alugados, os maioritarios en Galicia.

Intres previos ao desaloxo na parroquia compostelá de Arins CC-BY-SA GZ Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.