En Galicia hai 2.130 núcleos de poboación deshabitados, que podemos identificar na maior parte dos casos como "aldeas abandonadas", aínda que en moitas ocasións se trata de grupos de vivendas dispersas nas que xa non reside ninguén
En Galicia hai 2.130 núcleos de poboación deshabitados, que podemos identificar na maior parte dos casos como "aldeas abandonadas", aínda que en moitas ocasións se trata de grupos de vivendas dispersas nas que xa non reside ninguén. Os datos no nomenclátor que todos os anos publican INE e IGE amosan o continuo crecemento do número destes núcleos sen poboación, dende os 1.236 do ano 2000 ata a cifra actual.
Ademais, noutros 1.142 núcleos de poboación só reside unha persoa e 1.314 máis teñen unicamente dous habitantes, polo que estes lugares corren o risco de ficar tamén deshabitados nun futuro próximo, se temos en conta que unha parte importante deles están poboados por persoas de idade avanzada.
Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras setentrionais. Ortigueira (126), As Pontes (86), Muras (56), Ourol (51) son os concellos que concentran un maior número de núcleos deshabitados
Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras setentrionais. Algunhas comarcas do interior de Pontevedra e do sur de Lugo tamén suman un bo número de núcleos sen habitante ningún. Ortigueira (126), As Pontes (86), Muras (56), Ourol (51), As Somozas (46), A Lama (43), Palas de Rei (41), Viveiro (41), A Fonsagrada (34), A Cañiza (34), Friol (33), Vilalba (32) e O Valadouro (32) son os concellos que concentran un maior número de núcleos deshabitados.
Galicia conta con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado Español; algo máis de 10.000 corresponden a núcleos e outros 20.000 están definidos como poboamentos diseminados.
Valga (20), Ortigueira (19), Silleda (18), Oia (16), As Somozas (14), O Valadouro (14), A Laracha (14) e A Fonsagrada (13) son os concellos nos que máis aumentou na última década o número de núcleos sen poboación
En xeral, as zonas que hai unha décadas contaban con máis núcleos habitados foron as que máis incrementaron o seu número de aldeas abandonadas. Trátase de comarcas caracterizadas por un tipo de asentamento da poboación disperso no territorio, o que leva a que existan moitos núcleos con pouca poboación en cada un deles. En cambio, no sur do país, sobre todo na provincia de Ourense, é máis habitual que a poboación se estruture en núcleos algo máis grandes, o que leva a que haxa poucos totalmente despoboados (a pesar de que Ourense é a provincia que máis poboación está a perder).
En cambio, atopamos un feixe de localidades nas que o número de núcleos deshabitados mesmos se reduciu na última década. Son 40, exactamente, encabezados por O Carballiño, con 3 aldeas baleiras menos
En toda Galicia está a incrementarse por igual o número de núcleos deshabitados? Se tomamos como referencia os datos de hai unha década, do ano 2012, vemos como hai 130 concellos no que a cifra de aldeas abandonadas aumentou e só 40 localidades na que esta descendeu.
Valga (20), Ortigueira (19), Silleda (18), Oia (16), As Somozas (14), O Valadouro (14), A Laracha (14), A Fonsagrada (13), Sarria (13), Alfoz (13), Sober (12), O Vicedo (11), O Incio (11), A Pontenova (11), San Sadurniño (10) e Ribadeo (10) son os concellos nos que máis aumentou na última década o número de núcleos sen poboación. A provincia de Lugo é onde máis se incrementa a cifra de aldeas abandonadas.
En cambio, atopamos un feixe de localidades nas que o número de núcleos deshabitados mesmos se reduciu na última década. Son 40, exactamente, encabezados por O Carballiño, con 3 aldeas baleiras menos, e Moeche, Monfero, Ribeira, Guntín, A Merca, Ourense, Bande, Barreiros e A Coruña, con dous núcleos deshabitados menos en cada caso.