O Goberno galego obrigouse por lei hai dous anos e medio a crear unha plataforma informática que non activou ata o pasado xuño e á que só se incorporou o Concello de Sober
A finais do pasado xuño a conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, organizou un acto nunha aldea abandonada de Sober para presentar unha web pública na que publicitar inmobles sen uso no rural co obxectivo de que poidan resultar atractivos para algún posible comprador ou investidor. A web foi activada máis de dous anos despois de que a propia Xunta se obrigase por lei a si mesma a creala e presentouse como un paso máis para “loitar contra o despoboamento”. Medio ano máis tarde segue a recoller unicamente os tres inmobles de dúas aldeas de Sober cos que foi presentada en xuño.
A conselleira presentou a web como un paso máis para "loitar contra o despoboamento"
Foi na Lei de rehabilitación de Galicia, aprobada polo PP en abril de 2019, hai máis de dous anos e medio, na que a Xunta incluíu o compromiso de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) crearía “unha plataforma informática a nivel autonómico” na que divulgar os núcleos rurais que os concellos poidan declarar como abandonados para facilitar así o seu coñecemento por parte de posibles compradores interesados en rehabilitalos, que posteriormente terían que negociar directamente cos propietarios dos inmobles, non sempre coñecidos.
Esa web (https://vivendasnucleosrurais.xunta.gal) foi activada máis de dous anos despois, o pasado xuño, nun acto no que a propia conselleira animou a concellos e particulares a que incorporen información “sobre as zonas e lugares en situación de abandono” e asegurou que “vivir no medio rural e rodeada de natureza” é “unha alternativa que a raíz da covid conta cada vez con maior aceptación e demanda”.
Porén, a inclusión de inmobles na web, que depende dos concellos e dos propietarios, non avanzou desde aquela e segue a reflectir dúas únicas aldeas de Sober cun total de tres inmobles distintos. O fracaso da iniciativa da Xunta contrasta coas ducias de aldeas completas e casa abandonadas que se poden atopar en webs privadas especializadas, que aínda que de xeito illado cada certo tempo acaban concretándose en compras e rehabilitacións.
A web da Xunta foi publicitada como unha “aposta firme pola rehabilitación residencial” da consellería mentres centra os esforzos da súa axenda política pública en loitar contra a ocupación de vivendas malia que as cifras dese problema social son moi inferiores ás de desafiuzamentos.