Colectivos investigadores ven insuficientes as melloras que recolle o 'Plan de choque para a ciencia'

Un laboratorio químico CC-BY-SA Jarmoluk

Hai dúas semanas o Goberno central presentou un "plan de choque" para reforzar o Sistema de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación no Estado español que supón un investimento adicional de 1.056 millóns de euros entre 2020 e 2021. O documento publicado polo Executivo recoñece que España foi un dos países europeos con maiores recortes en educación, formación e xeración de coñecemento entre os anos 2010 e 2017, unha decisión que nos levou á situación actual de deficiencias no sistema de investigación que obriga á aprobación deste plan de choque.

Hai dúas semanas o Goberno central presentou un "plan de choque" para reforzar o Sistema de Ciencia e Innovación que supón un investimento adicional de 1.056 millóns de euros entre 2020 e 2021

Unha ducia de colectivos de persoal investigador de todo o Estado, entre eles o galego Investigal, veñen de pronunciarse sobre o plan de choque, concluíndo que "aínda que recolle medidas necesarias, é, de novo, un parche temporal que poderá mellorar puntualmente algúns dos aspectos afectados polas medidas, pero que está moi lonxe de representar un paso significativo cara á reestruturación que necesita o noso sistema público de I+D+i". As doce entidades sinalan que  "estas medidas non serán suficientes para pornos ao nivel dos nosos veciños europeos, onde o investimento en I+D+i leva desenvolvendo durante anos, xerando unha consolidación e estabilidade que é imposible alcanzar só en ano e medio de medidas a curto prazo". 

Os colectivos investigadores alertan dos efectos dos recortes dos últimos anos CC-BY-SA Jarmoluk

"Aínda que recolle medidas necesarias, é de novo un parche temporal que está moi lonxe de representar un paso significativo cara á reestruturación que necesita o noso sistema público de I+D+i"

Ademais, engaden, "aínda hai moitos aspectos deficitarios como reforzar a conciliación, engadir fondos específicos para investigacións pouco cubertas (engadir medidas para fortalecer a investigación sen impacto económico inmediato, como pode ser a ciencia básica) ou ideas innovadoras que non se viron incluídos neste plan de choque".

Lembran que a pesar do incremento orzamentario previsto neste plan, o orzamento non financeiro do Estado para I+D recortouse en máis dun 30% desde o máximo que tivo en 2008-2009, pasando de 4.176 millóns de euros a 2.844 millóns de euros nos orzamentos de 2018, aínda vixentes. "Agradecemos que se faga este aumento do investimento, aínda queda lonxe dos niveis que tivo antes da crise financeira", sinalan, engadindo que "o conxunto do investimento en I+D+i (público e privado) está estancado desde hai tempo no 1,24% do PIB, moi lonxe do 2% do PIB que se inviste de media na Unión Europea".

Medidas positivas, pero insuficientes

Os colectivos asinantes celebran que no plan de choque se amplían as axudas para prórrogas de contratos con duración determinada financiados por axencias públicas para incluír aqueles que finalicen entre o 2 de abril de 2021 e o 1 de abril de 2023. Esta medida permitirá a un número maior de investigadores afectados polo parón do confinamento prorrogar ata cinco meses os seus contratos. Con todo, sinalan que "resulta aínda insuficiente tendo en conta que quedan excluídos os contratos cuxa data de finalización é posterior ao 1 de abril de 2023, e que tamén foron afectados o parón na investigación".

"Esquécese que hai outras lagoas na lexislación, como unha regulación máis clara da etapa postdoutoral"

Refórmase así mesmo a Lei 14/2011 da Ciencia, a tecnoloxía e a Innovación co obxectivo de deseñar unha carreira científica estable. Con todo, as entidades critican que este aspecto "se limita a corrixir un pequeno aspecto da Lei da Ciencia, mediante a creación dunha figura estable de entrada ao persoal investigador no sistema público de ciencia española". Porén, sinalan, "esquécese que hai outras lagoas na lexislación, como unha regulación máis clara da etapa postdoutoral. Ademais, a reforma anunciada non serve de nada sen un investimento de diñeiro que permita a oferta pública das devanditas prazas, así como a posibilidade dunha estabilización a longo prazo".

O plan contempla así mesmo aumentar nun 30% o investimento nos programas de contratos postdoutorais Juan da Cerva e Ramón e Cajal en 2020 e 2021. As entidade celebran tamén este aumento no investimento "nunha partida crítica para o sistema", pero din que se podería "aumentar bastante máis, xa que o número de contratos concedidos é escasísimo para o sistema, cunha taxa de éxito menor do 15% para un conxunto de candidatos de altísimo nivel curricular". Lembran, neste senso, que a convocatoria Ramón e Cajal estaba dotada con 800 contratos anuais cando se iniciou no ano 2000, cando agora se conceden só 200 por ano, nun contexto de moita maior competitividade. Ademais, os salarios destas convocatorias están conxelados desde hai moitos anos, coa consecuente perda de poder adquisitivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.