Galicia cumpre unha semana con máis dun cento de novos casos diarios de coronavirus e a Coruña estabilízase

Nas dúas últimas xornadas rexistrouse un descenso no número de PCR realizadas tanto no total de Galicia como na área da Coruña. Na imaxe, un mercado da cidade. CC-BY-SA Foto: Concello da Coruña | Montaxe: Praza Pública

O brote da área coruñesa rexistra un lixeiro descenso de diagnósticos pero tamén de probas PCR e as persoas hospitalizadas redúcense nunha, cun total de 47, catro delas en UCI

O pasado mércores día 12 o Sergas comunicaba que o día anterior se rexistraran en toda Galicia 110 novos casos de coronavirus. Nestes sete días a cifra nunca baixou do cento de casos, e así segue a ser este martes, coa suma de 122 novos casos. A maioría deles, 75 este martes, son da área sanitaria da Coruña, pero alí a situación parece estabilizarse despois de que esa cifra veña baixando nos tres últimos días, do pico de 97 novos casos rexistrados o sábado pasando por 94 o domingo e 84 o luns. O total de casos positivos actualmente activos na área coruñesa, indica a Xunta, é de 921, fronte a 1.505 no total de Galicia.

O descenso do número de novos casos diarios na Coruña prodúcese ao tempo que tamén se estabilizan na última xornada as hospitalizacións, de xeito que se este luns o Sergas informaba para a área coruñesa de 44 persoas en planta e 4 en UCI, este martes cifra en 43 os casos en planta e os mesmos 4 en UCI. Porén, a redución ou estabilización dos novos casos diarios prodúcese ao tempo que se rexistra tamén un descenso no número de probas PCR realizadas, de xeito que fronte ás máis de mil das que se chegou a informar o domingo este luns baixaron a 836 e este martes comunícanse 762.

No global de Galicia, onde tamén hai un descenso na realización de probas PCR, pasando do pico de 2.723 comunicadas o domingo ás 1.918 do luns e 1.678 deste martes, os 122 novos casos comunicados na última xornada elevan a 1.505 os casos activos, dos que 55 están en hospitalización ordinaria (12 no resto do país sen ter en conta a área da Coruña) e 6 en UCI (un máis que o luns, e catro deles na Coruña e os outros dous no resto do país).

Xa son 11 os residentes con coronavirus no centro Orpea de Culleredo, onde a pasada fin de semana se rexistrou un primeiro caso nun traballador

Canto ás residencias, seguen a rexistrarse novos casos de coronarivus na Orpea Coruña de Culleredo despois de que a pasada fin de semana se informase en primeiro lugar dun positivo entre o persoal. Se este luns eran oito as persoas residentes que deran positivo, este martes a cifra elévase a 11, ademais dun segundo traballador. Non hai máis persoas residentes afectadas en Galicia e entre o persoal mantense estable a cifra, cun total de 5 xa rexistrados en xornadas anteriores. Nese eido, este luns a Consellería de Política Social anunciou que agora si, unha vez que así se acordou a nivel estatal, realizará probas PCR ao persoal das residencias que reincorpore tras vacacións ou permisos. 

Fóra da Coruña, a área sanitaria de Ourense segue amosando unha tendencia á alza superior ás demais, ao duplicar en cinco días os casos activos, que se sitúan xa en 131

Por áreas sanitarias, os 921 casos activos da Coruña supera xa amplamente a cifra rexistrada no comezo do desconfinamento hai tres meses. No resto de áreas, Ourense segue amosando unha tendencia á alza superior ás demais, ao duplicar en cinco días os casos activos, que se sitúan xa en 131, preto dos 139 que ten Vigo, que parece estabilizarse. Tamén Ferrol aumentou significativamente ao pasar dos 11 casos o 11 de agosto aos 59 este 18 de agosto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.