Este martes 27 de xaneiro celebrouse o Día Internacional da Reciclaxe de Móbiles, unha iniciativa impulsada polo Instituto Jane Goodall e apoiada por entidades coa ADEGA, que busca concienciar "da necesidade de aproveitar o noso lixo tecnolóxico" e, de paso, "evitar a deterioración de valiosos ecosistemas (principalmente africanos) nos que se ubican as reservas dos chamados minerais estratéxicos: coltán, casiterita, etc.". En efecto, a loita polo control destas terras raras, necesarias na fabricación de compoñentes de última tecnoloxía, está detrás de numerosos conflitos armados, por exemplo os que se rexistran na República Democrática do Congo, onde se concentra o 80 por cento das reservas mundiais de coltán. O coltán acada prezos superiores aos 400 dólares o quilo.
ADEGA lembra que en Galicia "temos tamén experiencia do que significa a minaría salvaxe, mesmo dos chamados minerais tecnolóxicos dos que hai xa proxectos de exploración e explotación en marcha"
Pero non é necesario ir a África para atopar as negativas consecuencias da carreira por dispor de máis e máis barato acceso aos materiais empregados na produción de compoñenentes tecnolóxicos. ADEGA lembra que en Galicia "temos tamén experiencia do que significa a minaría salvaxe, mesmo dos chamados minerais tecnolóxicos dos que hai xa proxectos de exploración e explotación en marcha". "Litio, estaño, wolframio e mesmo coltán ameazan con trasladar a Galiza o modelo de explotación salvaxe dos minerais de sangue que está a acabar coas selvas tropicais e os grandes primates en África", destaca.
É por iso que a esta campaña busca promover a reciclaxe dos móbiles e tablets usadas, así como fomentar o seu uso en en periodos máis prolongados. Lembran que en España hai 50 millóns de liñas de teléfonos móbiles, e que a maior parte dos aparellos son substituídos con moita frecuencia, cunha taxa de reciclaxe inferior ao 5%. Outras entidades, coma Enxeñeiros sen Fronteiras ou Equo xa denunciaron esta situación no pasado, promovendo unha maior concienciación sobre as condicións laborais nas que estes aparellos se producen, os efectos que ten esta produción para o medio ambiente e, ademais, os efectos negativos que provocan unha vez que os gadgets son simplemente residuos. En España só se trata axeitadamente, levándoo a puntos limpos, o 30% de todo o lixo tecnolóxico.
En España só se trata axeitadamente, levándoo a puntos limpos, o 30% de todo o lixo tecnolóxico
Neste senso, xa hai dous anos Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra presentaron un informe que subliñaba que nos vertedoiros -legais ou ilegais- de toda España había máis de 275 millóns de toneladas de materias primas valiosas. Ou, como sinalara nunha presentación pública Manuel Soto, "hai máis ouro nos residuos que botamos ao lixo que no interior destas minas que pretenden explotar".
A campaña impulsada polo Instituto Jane Goodall anima a reciclar de balde os móbiles, descargando unha etiqueta pre-franqueada, pegándoa nun sobre para llo enviar por correo sen custe ningún. Tamén se pode deixar nun punto de recollida ou solicitar unha recollida a domicilio. Dende o inicio da campaña recolléronse xa máis de 45 mil móbiles.