O pasado 17 de xuño o Goberno do Reino Unido aceptou a petición de extradición aos Estados Unidos de Julian Assange, que dende o 2019 está encarcerado na prisión de alta seguridade de Belmarsh, despois de que o Goberno de Ecuador lle denegase o asilo que lle permitira vivir na embaixada deste país en Londres dende o 2012. De completarse a extradición, o director de WikiLeaks enfróntase a unha condena de 175 anos de prisión nos EUA pola filtración en 2010 de 700 mil documentos militares e diplomáticos estadounidenses confidenciais que amosaban e demostraban violacións de dereitos humanos (especialmente na Guerra de Afganistán) e escándalos de corrupción.
O pasado 17 de xuño o Reino Unido aceptou a petición de extradición aos Estados Unidos de Julian Assange, que se enfronta a unha condena de 175 anos de prisión pola filtración en 2010 de 700 mil documentos militares e diplomáticos confidenciais que amosaban e demostraban violacións de dereitos humanos
Dende entón os Estados Unidos iniciaron unha persecución xudicial e política do activista, acusado ademais dunha agresión sexual en Suecia. A súa detención no ano 2019 e a aceptación agora da súa extradición completan un proceso que fora freado nestes tres últimos anos pola xustiza ante o risco que para a vida de Assange suporía o seu confinamento nos Estados Unidos.
Nos últimos días numerosas organizacións e persoeiros pronunciáronse en favor de Assange, reclamando ao Reino Unido a paralización da súa extradición e a súa posta en liberdade. Así o fixeron, por exemplo, sindicatos de xornalistas de toda Europa, que cualifican a actuación do Goberno británico de “decisión vergoñenta” que senta “un precedente terrible para todos aqueles que loitan a diario para dicir a verdade”.

Tamén o fixo Amnistía Internacional, que lembra que "o que fixo Assange é o traballo habitual dos xornalistas de investigación e non debería castigarse" e denuncia que "a persecución de Julian Assange é un ataque á liberdade de expresión". "Se extraditan a Julian Assange ou o trasladan a EEUU, estaría seriamente exposto a sufrir violacións dos dereitos humanos, incluídas unhas posibles condicións de detención que poderían equivaler á tortura ou os malos tratos, como a reclusión prolongada en solitario", lembra a organización.
"A entrega de Julian Assange a Estados Unidos quedará para a historia da ignominia" e "criminaliza a actividade do xornalismo na súa esencia", di o xuíz Baltasar Garzón
Igualmente, o xuíz Baltasar Garzón, que hai anos coordinou a defensa xurídica do director de WikiLeaks, escribiu un artigo en Eldiario.es no que alerta de que "a entrega de Julian Assange a Estados Unidos quedará para a historia da ignominia" e "criminaliza a actividade do xornalismo na súa esencia". "Con ela enténdese que o que fixeron Julian Assange e WikiLeaks, recibir información veraz, que acreditaba crimes de guerra en Iraq e Afganistán, difundila e publicala ao ser de interese público, pode ser sancionado como delito e os seus autores xulgados e condenados", subliña.
"O que fai Wikileaks é inverter a asimetría de transparencia que hai agora: o poder está blindado comunicativamente e nós estamos vendidos, cos nosos datos ofrecidos ao mellor ofertante", di Sampedro
Concorda con estas voces Víctor Sampedro (Viveiro, 1966), catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política (URJC) e autor de obras como El cuarto poder en red: por un periodismo (de código) libre ou Dietética Digital. Para adelgazar al Gran Hermano. "Assange concentra na súa figura todo o poderío cidadán na esfera dixital, representa o usuario máis empoderado e Wikileaks é a comunidade libre na rede máis potente que un pode concibir", destaca Sampedro.
"O nivel de represión é proporcional ao reto que Assange e Wikileaks supoñen, porque o que fan significa liberar información oficial e protexer a privacidade cidadán, unha información que é cada vez máis opaca e que está cada vez máis blindada", incide Sampedro, que destaca que "o que fai Wikileaks é inverter a asimetría de transparencia que hai agora: o poder está blindado comunicativamente e nós estamos vendidos, cos nosos datos ofrecidos ao mellor ofertante".
O catedrático lembra as campañas de descrédito e a persecución política e xudicial que sufriu Assange nos últimos anos. "Hai unha campaña brutal contra Assange na que veñen colaborando de forma consciente as instancias máis ameazadas pola súa actividade: os exércitos e as grandes corporacións transnacionais. Estes actores, sobre todo as grandes tecnolóxicas, xogan nun ámbito de alegalidade e, mentres, os cidadáns que os desafían sofren campañas públicas de desprestixio e o lawfare, a represión xurídica", denuncia.
"Hai unha campaña brutal contra Assange na que veñen colaborando de forma consciente as instancias máis ameazadas pola súa actividade: os exércitos e as grandes corporacións transnacionais", denuncia Sampedro
Sampedro destaca que "poucas campañas de descrédito son comparables á que sufriu Assange". "Trátase dunha persoa cunhas enormes competencias intelectuais tecnolóxicas e cunha ética insubornable, pero é presentado como un violador, cando en realidade se tratou dunhas acusacións fabricadas sobre as que Assange sempre se amosou disposto a dar explicacións, sempre que se garantira que non ía ser extraditado aos Estados Unidos", di. E conclúe: "non podemos tratar isto en termos xurídicos nin persoais. Hai que darlle un alcance político e de ética cidadá, dunha cidadanía que se reivindica como dixital e que defende internet como territorio de liberdade".
A persecución contra Assange uniuse ás sufridas por Edward Snowden (exiliado en Rusia) e Chelsea Manning (en prisión)
O investigador viveirense destaca que no caso de Assange "tiñan que realizar unha crítica persoal, non ideolóxica, unha campaña que destruíse o personaxe público mesmo ante a cidadanía progresista". "E poucos temas hai tan atractivos mediaticamente como un ataque sexual, transmitindo a mensaxe de que Assange é alguén que viola a túa intimidade, ata o punto de violar o teu corpo", di
Assange, Snowden e Manning
A persecución contra Assange uniuse nos últimos anos ás sufridas por Edward Snowden (que revelou os programas de espionaxe empregados polo Goberno estadounidense) e Chelsea Manning (que filtrou a WikiLeaks os documentos clasificados e incriminatorios sobre a acción dos militares dos EUA en Afganistán e Irak). Manning acumula doce anos en prisión e Snowden só puido fuxir dunha condena segura grazas ao asilo que lle concedeu Rusia, onde reside dende hai nove anos.
"Nos anos setenta eran considerados heroes, como Daniel Ellsberg, en cambio agora acaban encarcerados ou teñen que exiliarse. O trato é completamente antagónico", di Sampedro
"Assange, Snowden e Manning son os heroes da era dixital, son os modelos a seguir. Snowden e Manning son dous funcionarios públicos que filtran unha información por criterios estritamente democráticos para denunciar violacións sistemáticas de dereitos humanos e crimes de guerra", destaca Sampedro, que subliña a gran diferenza existente entre o tratamento público a este tipo de personaxes hai unhas décadas e na actualidade. "Nos anos setenta eran considerados heroes, como Daniel Ellsberg, en cambio agora acaban encarcerados ou teñen que exiliarse. O trato é completamente antagónico", di.
O futuro dunha rede para as liberdades
"Non nos podemos permitir non ser optimistas. Se asumimos a derrota, todo o que fixeron e o que sufriron Assange, Snowden e Manning non tería sentido", di Sampedro
Internet cambiou moito nas últimas décadas, deixando atrás un funcionamento ideal como espazo de liberdade e de intercambio virtuoso de ideas para converterse nun escenario no que prima a procura do lucro económico e o control exercido polos grandes poderes, dende as grandes tecnolóxicas ao goberno dos Estados Unidos e doutras superpotencias.
WikiLeaks forma parte do mellor dos ideais iniciais da Internet e o seu funcionamento como espazo para a revelación de informacións que os grandes poderes queren ocultar supón unha fenda inaceptable para estes actores, que puxeron a organización no seu punto de mira.
"As tecnolóxicas están xa a ser reguladas e poden ser completamente substituídas por ferramentas baseadas en redes descentralizadas e a encriptación, as mesmas ferramentas empregadas por Assange, Snowden e Manning", afirma Sampedro
Malia todo, Víctor Sampedro amósase optimista. "Non nos podemos permitir non ser optimistas. Se asumimos a derrota, todo o que fixeron e o que sufriron Assange, Snowden e Manning non tería sentido", di. O catedrático augura neste senso que as grandes tecnolóxicas que na actualidade dominan e monopolizan as redes "van petar", porque "o seu modelo de negocio é demasiado negativo para o benestar individual e colectivo".
"As tecnolóxicas están xa a ser reguladas e poden ser completamente substituídas por ferramentas baseadas en redes descentralizadas e a encriptación, as mesmas ferramentas empregadas por Assange, Snowden e Manning", di Sampedro, que conclúe: "se empregamos estas ferramentas, se lle damos un uso que vaia máis aló das criptomoedas e as utilizamos con fins colectivos e sociais estaremos facendo real o legado destes tres heroes".