The New York Times vs. Snowden. Cal é o futuro do xornalismo?

Protesta en Alemaña pedindo asilo político para Snowden CC-BY-NC ubiquit23

A treboada iniciada polas revelacións de Edward Snowden sobre as manobras continuadas de espionaxe levadas a cabo polos Estados Unidos a través da NSA continúa achegando titulares todas as semanas, como unha bola de neve que non deixe de crecer. En paralelo, o propio Snowden segue baixo o dedo acusador de gobernos e de medios de comunicación, nuns ataques que, con todo, non negan a veracidade das informacións do ex espía ou fracasan á hora de desmentilas. Ao igual que noutros recentes casos de coñecidos whistleblowers, dende as filtracións de Wikileaks e Chelsea Manning, até os datos achegados por Falciani, búscase matar o mensaxeiro como unha forma de ocultar o pecado orixinal, o verdadeiro delicto.

Esta semana o debate sobre este tipo de filtracións e a súa relación co xornalismo chegou aos medios. E non a un medio calquera nin con protagonistas de segunda fila. O avogado constitucionalista Glenn Greenwald, apoderado dos documentos de Snowden, foi o destinatario dun artigo escrito en The New York Times por quen foi durante anos o seu editor executivo, Bill Keller. No texto, Keller preguntábase se “De verdade é Greenwald o futuro da información?", analizando como afectan as filtracións "ao traballo e ao modelo de negocio" dos medios de comunicación tradicionais.

Hai un mes Greenwald criticara o traballo de xornalistas de medios coma The New Yor Times, aos que cualificou de “totalmente partidistas e ao servizo dos Gobernos”

Hai un mes Greenwald criticara o traballo de xornalistas de medios coma The New Yor Times, aos que cualificou de “totalmente partidistas e ao servizo dos Gobernos”. Ao tempo anunciaba que estaba a preparar un novo proxecto comunicativo cunha forte base económica (250 millóns de dólares achegados por Pierre Omidyar, de eBay), que poría en marcha unha "nova práctica xornalística" que botaría por terra "as vellas regras”. Non foi o único que nos últimos tempos puxo en comparación o modelo xornalístico das vellas cabeceiras, co ideal de responsabilidade social dos medios. Jack Shafer atacou o "idel corporativo" de medios coma o NYT e Henry Farrell acusou a este e outros xornais de "manter relacións políticas cos goberno, que os fan reacios a dar por válidas e publicar certas informacións". E apostou por un novo modelo de xornalismo.

Molesto, Keller defendeu a decisión do seu xornal de non publicar durante meses a información sobre a espionaxe levada a cabo pola NSA, antepoñendo a "seguridade nacional" ao "interese público". “Os críticos coma vostede consideraron atroz que The New York Times levara investigando un ano o caso de espionaxe da Axencia de Seguridade Nacional (NSA) e non publicara nada até doce meses despois”, dixo.

Keller defendeu a decisión do seu xornal de non publicar durante meses a información sobre a espionaxe levada a cabo pola NSA, antepoñendo a "seguridade nacional" ao "interese público"

Greenwald contestou rapidamente, recoñecendo os moitos logros dese modelo de xornalismo e dos seus medios de referencia, pero lembrando tamén que son da mesma maneira responsables dos "hábitos tóxicos que están debilitando a profesión". Tamén recoñeceu "o dereito" dos gobernos, e en concreto da Casa Branca, de dar a súa opinión sobre se se poden ou publicar informacións “secretas ou sensibles” antes de que un medio as difunda. E lembrou que Wikileaks remitiulle ao goberno norteamericano os datos que tiña sobre a guerra de Afganistán, pero non recibiron resposta ningunha. Tamén recoñece que todas as revelacións sobre a NSA publicadas por The Guardian foron remitidas previamente polos editores á Casa Branca. Greenwald concluía que o importante non é se os gobernos poden ou non "dar a súa opinión", senón se “finalmente se omite e censura información que debe ser pública e todos os cidadáns deben coñecer”.

Keller pasou daquela á ofensiva, acusando a Wikileaks pola publicación de información sensible sobre as fontes secretas presentes nos cables das embaixadas. E sinalando que a "esencia" dos xornalismo é a investigación continuada e o coidado de "fontes sólidas e fiables", e non a filtración puntual de moreas de datos. E remataba preguntándose se "realmente son os Snowden, Manning e compañía o futuro do noso xornalismo?".

Pola súa banda Greenwald pechou este intercambio de cartas, destacando que "a miña visión do xornalismo require absolutamente de obxectividade e de precisión sobre os feitos. Pero creo que estes valores fortalécense sendo honestos coas perspectivas e asuncións persoais, moito máis que converténdonos nunha 'voz divina', un ton por riba do ben e do mal, que falsamente asume que os xornalistas están por riba dos puntos de vista da cidadanía e das fidelidades partidarias en maior medida que os non xornalista e os activistas".

Mobilización en Hong Kong a favor de Snowden CC-BY See-ming Lee
Activistas a favor de Snowden en Nova York CC-BY-NC Michael Fleshman
Stencil de Snowden en San Francisco CC-BY-NC-ND Steve Rhodes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.