Hai dous anos que Julian Assange pediu asilo na embaixada de Ecuador en Londres. O fundador de Wikileaks refuxiouse para evitar a súa extradición a Estocolmo. E de alí, segundo as leis antiterroristas, a EE.UU. onde enfrontaría un proceso secreto aberto contra el e os seus colaboradores. Con case toda seguridade, acabaría ante un tribunal castrense. Como mínimo, privaríaselle de liberdade (35 anos caéronlle a Manning) e, como máximo, aplicaríaselle a pena de morte (xa reclamada por varios cargos norteamericanos, en forma de asasinato sumarísimo ao estilo Bin Laden).
Como mínimo, privaríaselle de liberdade (35 anos caéronlle a Manning) e, como máximo, aplicaríaselle a pena de morte (xa reclamada por varios cargos norteamericanos, en forma de asasinato sumarísimo ao estilo Bin Laden)
O problema, polo tanto, non reside nuns supostos delitos de agresión sexual. Nin sequera existe unha acusación formal contra Assange; tan só a petición de que testifique en persoa e en territorio sueco. A reiterada negativa a que o fixese na embaixada ou a través de Skype revela que os dereitos das mulleres, supostamente violentadas, son o último que lles importa. Levan dous anos desprotexidas; mentres a prensa facía que as defendía, caía na trampa. Quen loita polas nosas liberdades civís foi presentado violando a liberdade sexual.
A reiterada negativa a que o fixese na embaixada ou a través de Skype revela que os dereitos das mulleres, supostamente violentadas, son o último que lles importa
Un tema de dereitos colectivos transfórmase en dereitos individuais. Os hackers non actuaron como xornalistas con coraxe, cuxo primeiro labor sería aumentar a transparencia do poder. Os hacktivistas (non os espías da NSA) acosan e violentan a nosa intimidade. Ese é a mensaxe dun contacontos (storytelling, din os pedantes) acorde á hexemonía neoliberal. Hipersexualizados, reclamamos o dereito de entreperna antes que o de expresión. Individualizados, elevamos o albedrío sexual á máxima expresión de liberdade. E, de paso, restrinximos a noción de igualdade á de xénero. Tamén o burka xustificou a invasión de Afganistán, lembráballes Noemi Klein ás súas compañeiras. Tentaba arrincarlles o veo e que se declarasen humanistas antes que feministas: que antepuxesen a non violencia e o dereito á vida.
A corrección política imponse porque funciona ben no mercado de información e votos. Pero subverte o feminismo (e calquera outro -ismo emancipador), normalizándoo
A corrección política imponse porque funciona ben no mercado de información e votos. Pero subverte o feminismo (e calquera outro -ismo emancipador), normalizándoo. Convérteo en mordaza de disidentes e heterodoxos. E emprégao de distractor con espaventos, que serven de pantalla de simulación progresista. Encobre así temas e competidores de maior calado. Isto explica, dito sexa de paso, a banalidade das estratexias dos candidatos do PP e o PSOE na campaña das eleccións europeas.
A primeira certeza, tras dous anos de peche de Assange (e case un de exilio de Snowden), é que o neoliberalismo aprendeu a limarlle e, chegado o caso, arrincarlle os dentes ao xornalismo convencional. Ofrécelle críticas banais a cambio de que se esqueza das estruturais. Mentres, suspende ou rebaixa os dereitos civís da disidencia interna. A regresión de liberdades constátase coa imposibilidade de que Manning, Assange e Snowden encabecen campañas de desobediencia civil nas súas nacións ou outras democracias. A lexislación antiterrorista leva o illamento forzoso e a prohibición de realizar declaracións; de igual modo que erradicou de facto o dereito de asilo político.
A lexislación antiterrorista leva o illamento forzoso e a prohibición de realizar declaracións; de igual modo que erradicou de facto o dereito de asilo político
As únicas saídas para os nativos dixitais disidentes parecen ser o acoso, o cárcere e o exilio forzoso. Entre tanto, Assange segue coa súa actividade desde a embaixada. Ocupa un pequeno departamento con cama, cociña, baño, ducha, unha cinta de correr e o máis importante: teléfono e conexión a internet. Os seus veciños aseguran que dedica 17 horas diarias para manter Wikileaks en pé . A súa reclusión física non diminuíu a súa presenza na Rede con entrevistas, declaracións ou conferencias.
Está a emerxer un Cuarto Poder en Rede, no que o protagonismo reside nos documentos liberados por cidadáns normais, funcionarios ou traballadores, que manexan grandes bases de datos
Xorde entón a segunda certeza. Está a emerxer un Cuarto Poder en Rede, no que o protagonismo reside nos documentos liberados por cidadáns normais, funcionarios ou traballadores, que manexan grandes bases de datos (elaborados con diñeiro público en moitas ocasións). Están dispostos a transformar ignominiosos secretos de Estado en información de código libre (que circule e sexa reutilizada sen molestias) e aberto (susceptible de ser contrastada cos documentos orixinais). En suma, a información concibida como un ben común e non simple mercadoría. Un fluxo de contrapoder mancomunado, autoxestionado pola cidadanía coa axuda de xornalistas con coraxe; máis necesarios en número e verdadeiro compromiso profesional que nunca.
En 2010, o Cablegate foi liberado gratis valendo 5.000 millóns de dólares no mercado negro, segundo os xornalistas de The Guardian no seu libro Inside Wikileaks. Os medios de comunicación tradicionais que publicaron estas informacións (lucrándose, por suposto) nin sequera ofreceron a posibilidade dun botón de doazóns para Wikileaks nos seus portais como agradecemento. Esas (micro)doazóns permiten que o cidadán común financie a información en lugar dalgunha quenlla dos mercados. Para despois prover o xornalista de información crítica, incontestable e case en tempo real.
Os medios de comunicación tradicionais que publicaron estas informacións (lucrándose, por suposto) nin sequera ofreceron a posibilidade dun botón de doazóns para Wikileaks nos seus portais como agradecemento
En xuño de 2013, Edward Snowden desvelou a maior trama de espionaxe masiva da historia mostrando que internet se converteu nunha plataforma onde a monitorización corporativa e a espionaxe estatal se dan a man. O futuro do xornalismo reside en darlles voz a estes cidadáns, que desde o seu posto de traballo forman unha redacción estendida da que cada un de nós sería un nodo de contrapoder. Se estivésemos dispostos, está claro, a filtrar os datos ao noso alcance. E entón, como Snowden, necesitariamos moitos xornalistas ao estilo de Glenn Greenwald. Non o dubiden quen queiran imitalo: como el, faríanse valedores de premios Pulizter e encabezarían os proxectos de xornalismo de denuncia mellor financiados e pensados. Bótenlle unha ollada.
España tampouco se mostra allea ao legado de Assange e os seus colaboradores
España tampouco se mostra allea ao legado de Assange e os seus colaboradores. En abril deste ano nacía aquí un proxecto impulsado pola Associated Whistle-Blowing Press (AWP). Trátase da caixa de correos de filtracións (www.filtrala.org), que se compromete a manter en segredo a identidade dos filtradores e aseguran que xornalistas de ElDiario, Mongolia, LaMarea e Diagonal verificarán as informacións. Medios que, non por casualidade, se sosteñen con achegas dos lectores e sen grandes capitais.
Os avogados de Assange pedíronlle á ONU unha investigación independente sobre os supostos delitos polos que lle reclama Estocolmo, revisando as actuacións da Fiscalía e das autoridades suecas. Até nova orde, Julian Assange seguirá retido na embaixada e libre na Rede de contrapoder que axudou a construír. E o seu proxecto de transparencia radical seguirá crecendo; polo menos, ao ritmo do tema que fixo con Calle 13. Póñano ben alto para apagar, como fago agora, o ruído do helicóptero que vixía o cortexo real nun Madrid asediado. “Unha noticia mal contada é un asalto a man armada”