'Nacer todas as mañás': Berro contra o xornalismo "anestesiado" na honra de José Couso

Concentración en memoria de José Couso CC-BY-NC-ND Adolfo Luján

Xornalismo "anestesiado, acrítico, insolidario, obediente, que acata as ordes, incapaz de erguer outro relato colectivo que non sexa o da súa propia desgraza". Fronte a todo isto erguerá a palabra este martes o xornalista Fran P. Lorenzo, autor do texto que, no nome da organización, será lido na entrega do duodécimo Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que promoven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol na memoria do cámara galego asasinado polo exército estadounidense en Iraq.

Durante o acto, no que recibirá o galardón o xornalista Miguel Ángel Aguilar, Lorenzo realizará un alegato sobre o oficio de "contar o que pasa", "misión suprema do xornalismo" que, di, "nunca foi tan complexa e, á vez, tan necesaria", toda vez que "nunca tan expostas, indefensas e desposuídas estivemos as xornalistas e os xornalistas na batalla diaria da información". "Sen armas case, esquivando imposicións e directrices censoras, vetos lingüísticos e liñas vermellas", di, o xornalista e escritor coida que "cómpre ollar cara ás empresas" que editan a gran maioría dos medios, porque "nelas", no "estado de excepción" que "impoñen" ao seu persoal, "radica hoxe o perigo real".

"A ameaza provén dunhas empresas xornalísticas que son, hoxe, a eficar correa de transmisión dun poder político e económico satisfeito coa nosa docilidade e a nosa indefensión"

"Os ataque á liberdade de prensa" que este 3 de maio se reivindica "non proveñen das declaracións dun deputado". Nin sequera, advirte, "do descrédito social que suscitan opinadores e tertulianos intrusos, que se arrogan a representatividade deste oficio e ofrecen circo e especulación no canto de rigor e datos contrastados". A "ameaza", resalta, "provén dunhas empresas xornalísticas que son, hoxe, a eficaz correa de transmisión dun poder político e económico satisfeito coa nosa docilidade e a nosa idefensión".

Neste contexto, subliña Fran P. Lorenzo, é obriga das e dos xornalistas exercer a protesta, pero tamén "esixirse autocrítica e exercitar ese acto supremo de liberdade e independencia que é dicir NON". "Non -debulla- á manipulación informativa, non á censura, non á precariedade laboral, non á vulneración por lei do noso dereito a informar". "Contemos o que pasa. Sen ilusións pero sen desilusionarse", exhorta.

Fran P. Lorenzo apela a "esixirse autocrítica e exercitar ese acto supremo de liberdade e independencia que é dicir non"

Só deste xeito, coida, será posible pasar por riba da "desidia intelectual duns editores que entregaron as súas cabeceiras aos bancos", dos "empresarios-gurú que non saben interpretar o presente e que só ven en Internet unha fonte de males" ou "a coartada para os seus recortes", e poder exercer mentres se bate "de cara con EREs, impagos, desigualdades salariais, contratos abusivos e bolseiras e bolseiros que realizarn traballos sen apenas remuneración".

Todo nun panorama, lamenta, no que o xornalismo perdeu tamén, "na lameira do espectáculo e da banalización dos titulares e dos contidos" mesmo o "talismán" da linguaxe, do rigor das palabras. "E foi así como os desafiuzamentos, os despedimentos, a corrupción, os espolios empresariais, os crimes de violencia machista, o terrorismo bancario, a persecución da disidencia política ou as leis que vulneran dereitos fundamentais da cidadanía adquiriron denominacións eufemísticas" nos medios. "O asasinato premeditado de José Couso por parte do exército estadounidense converteuse, por exemplo, nunha morte desafortunada". E ante todo isto, di parafraesando o portugués Miguel Torga, só cabe "dicir NON e nacer todas as mañás".

'Ás ceibes', escultura que recibe o galardoado co premio Couso © CPXG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.