Estamos dentro

CC-BY CPXG

Manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo Día Internacional da Liberdade de Prensa, da autoría de Anxo Quintela. 

A maioría da información esvara agora a unha velocidade inaudita a través desas pantallas. Cantidades nunca vistas de imaxes, mensaxes, audios, noticias, comentarios, alertas. Todo o imaxinable. Todo supostamente ao alcance dun xesto

Cinco, catro, tres... Remata a conta atrás e o realizador avisa: “Estamos dentro”. Durante a época na que presentei informativos na Televisión de Galicia, esta frase chegoume a causar unha certa estrañeza. De acordo, estamos dentro, pero dentro de que? Que é ese dentro? Como podemos estar dentro e ao mesmo tempo estar no aire? Estar dentro é estar protexido, estar illado ou estar atrapado?

Cando os monitores de televisión eran como unha caixa, todos pensaban que estabamos dentro. Nós imaxinabámonos dentro das casas e os espectadores víannos dentro dos monitores. Agora os que saen na tele aparecen sobre unha gran pantalla lisa, delgada e impoluta. Unha superficie sen fondo, sen corpo, sen volume.

A maioría da información esvara agora a unha velocidade inaudita a través desas pantallas. Cantidades nunca vistas de imaxes, mensaxes, audios, noticias, comentarios, alertas. Todo o imaxinable. Todo supostamente ao alcance dun xesto.

Ao mesmo tempo, nunca tivemos tantas posibilidades de informarnos sobre calquera cousa con tanto rigor e claridade e, porén, teño a impresión de que nunca sentimos unha vertixe maior fronte á avalancha global de estupidez, vulgaridade, cinismo e crueldade.

O apagamento masivo destes días demostrounos ata que punto a información realmente relevante é escasa e díficil de obter, que desvelar as auténticas causas do que acontece é un proceso arduo que se enfronta á opacidade e ao ocultamento interesado

Por outra parte, o apagamento masivo destes días demostrounos ata que punto a información realmente relevante é escasa e díficil de obter, que desvelar as auténticas causas do que acontece é un proceso arduo que se enfronta á opacidade e ao ocultamento interesado e que as autoridades, que viven rodeadas de supostos expertos en comunicación, teñen serias dificultades para medir os tempos, seleccionar a información e transmitila con eficacia e claridade.   

Tamén demostrou que cando a realidade manda e o que cómpre contar é o que precisa coñecer a sociedade, o xornalismo ten aínda a capacidade de activarse como servizo público. E que se pasa algo grave, o mellor é esquecer ChatGPT e ter unha radio-transistor a man coas pilas cargadas.  

Porén, sabemos que a ese primeiro momento no que prima a información de servizo, séguelle pouco despois a lea partidaria, a construción interesada do relato, a intoxicación en redes e a proliferación de mentiras e disparates. Decote comprobamos que consumir unha gran cantidade de información non só non garante ter unha idea máis cabal do que acontece, senón que é a mellor maneira de habitar na confusión ou escorregar cara ao fanatismo.

No Día Mundial da Liberdade de Prensa podiamos preguntarmos en que medida colaboran os medios a alimentar ese fluxo nocivo de comunicación. Seguen asumindo o papel que lles asigna o novo Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de “gardiáns públicos” e “piares principais da democracia e do Estado de Dereito”?

No Día Mundial da Liberdade de Prensa podiamos preguntarmos en que medida colaboran os medios a alimentar ese fluxo nocivo de comunicación. Seguen asumindo o papel que lles asigna o novo Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de “gardiáns públicos” e “piares principais da democracia e do Estado de Dereito”?

Se teñen tan alta función, por que aumenta a desconfianza dunha parte cada vez maior da sociedade sobre os medios e os xornalistas? Son só campañas de descrédito perfectamente deseñadas ou pode ser tamén que algo renxe de máis no funcionamento dos medios? Eses cidadáns críticos teñen algo de razón cando describen os medios de comunicación convencionais como parciais, aliados cos poderosos e defensores de intereses opacos?

Esa desafección, non a sentimos tamén moitos xornalistas? Cantos deixaron xa de ler, ver ou escoitar o propio medio no que traballan? Cantos abandonaron nos últimos anos a profesión, prepararon unhas oposicións ou buscaron a vida lonxe das redaccións ou dos gabinetes de comunicación?

A aprobación da nova Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia é, como afirma o CPXG, unha pésima noticia para os medios públicos galegos, que perden a maioría dos contrapesos profesionais e sociais que se poderían activar para garantir a súa, xa de seu precaria, independencia

Neste contexto, a aprobación da nova Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia é, como afirma o CPXG, unha pésima noticia para os medios públicos galegos, que perden a maioría dos contrapesos profesionais e sociais que se poderían activar para garantir a súa, xa de seu precaria, independencia. Pero tamén é unha advertencia para os demais medios e, sobre todo, para o conxunto da sociedade galega que contempla, con certa indiferenza, cómpre dicilo, como o poder político recorta a posibilidade de avanzar no exercicio do xornalismo libre.

Non vou describir aquí as incertezas e horrores destes tempos atroces en moitas partes do mundo. Os delirios dunhas elites mundiais voraces que consideran a democracia como un estorbo. Non é só que aumenten perigosamente as ameazas ás liberdades de expresión e de prensa, senón que mesmo nos países nos que aínda gozan de amparo institucional, o seu exercicio por parte de cidadáns, medios e xornalistas é cada vez máis estéril, pero imprescindible.

A imaxinación é unha facultade subestimada no xornalismo porque nos afasta da obxectividade e do rigor. Porén, a imaxinación é o que nos permite poñernos no lugar do outro, en disposición de escoitar, unha das cualidades do mellor xornalismo. Tamén estaría ben exercitala para imaxinar outro xornalismo posible nestes tempos complicados. Poderiamos comezar por aí. Ao fin e ao cabo, estamos dentro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.