As mulleres que construíron a cidade da Coruña: "Non somos ovellas, somos lobas de mar"

No roteiro relatouse a vida e o traballo das mulleres do mar CC-BY-SA Praza Pública

Este 8 de marzo, por segundo ano consecutivo, A Coruña escolleu o Día da Muller como festivo local, unha iniciativa á que tamén se sumaron Coirós, Culleredo, Curtis e Paderne. Dentro das actividades organizadas para conmemorar esta data destacou un roteiro que buscaba rescatar a memoria das mulleres anónimas, invisibles, que ao longo da historia conformaron a cidade da Coruña. Se o ano pasado un roteiro semellante percorreu as vidas de boticarias, parteiras, traballadoras de servizo, lavandeiras ou cigarreiras, desta volta o obxectivo era afondar na memoria de todas aquelas mulleres que vivían do mar: mariscadoras, mariñeiras, salgadoras, estibadoras, redeiras, pescantinas ou comerciantes. Un roteiro con aroma a salitre e co recordo de mulleres bravas, mulleres mariñas.

A Coruña naceu no mar e os seus habitantes viviron do mar durante séculos. E, como noutros lugares, as mulleres cargaban cunha parte fundamental do traballo fóra das casas (e, por suposto, dentro). "Estas son mans de traballar, non son mans de tomar o té no salón", dicía unha pescantina nunha das performances que acompañaron á ruta, na que se explicou o percorrido que as pescantinas tiñan que realizar todos os días, dende as seis e media da mañá e ata a noite. "Son as mulleres que mellor poderían representar a nosa cidade, xente mariñeira, coñecidas pola sua bravura e mal falar", díxose no roteiro. "E logo din que falamos mal, pero a lingua é a mesma para homes e para mulleres. E temos que ser duras cando estamos aí fóra. Non somos ovellas, somos lobas, lobas de mar", dicía igualmente a pescantina da performance.

Nun comezo as mulleres mariñeiras da Coruña facían de todo: eran redeiras, mariscadoras, descargaban os barcos, limpaban, salgaban, transportaban e vendían o peixe. E mesmo saían ao mar

Nun comezo as mulleres mariñeiras da Coruña facían de todo: eran redeiras, mariscadoras, descargaban os barcos, limpaban, salgaban, transportaban e vendían o peixe. E mesmo saían ao océano. Porén, esta explotación tradicional do mar, na que os traballos, os elementos do barco (remos, redes) e o peixe eran compartidos, cambia coa chegada dos empresarios cataláns e a industrialización do proceso. Nese momento imponse unha maior especialización, entre redeiras, pescantinas e mariscadoras. 

Falouse tamén das mariscadoras, traballo duro que acababa por magoar os ósos das mulleres que deste oficio vivían. Tamén das comerciantes de produtos de ultramar. E, por suposto, das redeiras, "que pasaban o día tecendo, tecían o mar coa terra e a casa co traballo, tecendo todo o día". Tamén entre o traballo coas redes había xéneros e unha división sexual do traballo: as mulleres reparaban as redes de baixura, coma as empregadas no xeito, uns elementos máis lixeiros e de menor tamaño, que podían ser amañados na casa. Os homes encargábanse das redes máis grandes, utilizadas na pesca de altura (cerco, palangre, arrastre...), que se reparaban no propio barco e no peirao.

As redeiras "pasaban o día tecendo, tecían o mar coa terra e a casa co traballo"

O roteiro rematou na Fábrica de Tabacos, que chegou a acoller a máis de 4.000 cigarreiras (nun momento no que A Coruña tiña 25.000 habitantes), procedentes de todas as localidades da contorna. Mulleres que tamén se organizaron, chegando a convocar importantes folgas, coma as convocadas en 1857. Mulleres "responsables de facer unha A Coruña mais digna e máis solidaria" que chegaban todos os días coas súas saias longas dende distintos puntos da comarca.

Outras das figuras destacadas foron as redeiras, ao pé do monumento que as lembra no Porto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.