O 'número 2' de Medio Rural atribúe a sentenza a “actuacións de empregados públicos” e di que “asociar iso cunha errática política de persoal da consellería é unha extrapolación prexudicial” para todo o funcionariado
Hai un mes Praza.gal revelou que a Xunta foi condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por tardar dous anos en resolver a situación de acoso laboral que sufriu un traballador xefe dunha brigada forestal por parte de dous subordinados de actitude violenta. O PSdeG preguntou pola cuestión no Parlamento de Galicia o pasado venres e pediu unha rectificación da política laboral da Consellería de Medio Rural tras lembrar outras varias sentenzas condenatorias previas do mesmo departamento por outras vulneracións de dereitos dos seus empregados.
A resposta da consellería correu por conta do seu número 2, o secretario xeral técnico, Nicolás Vázquez, quen asegurou que o seu departamento actuou “de forma dilixente” malia que o TSXG criticou en varios puntos da súa sentenza a súa “demora”. Vázquez relativizou a postura do TSXG co argumento de que un xulgado de primeira instancia non vira tal demora, obviando que a segunda sentenza invalida a primeira e non poden ser equiparadas. Tamén atribuíu o ocorrido a “actuacións de empregados públicos” que participaron na tramitación do caso e dixo que "asociar iso cunha errática política de persoal da consellería é unha extrapolación prexudicial” para todo o funcionariado.
A sentenza do TSXG que condenou á Consellería de Medio Rural a indemnizar o traballador acosado admite que “é verdade que non houbo unha absoluta inacción na actuación dos mandos á vista das denuncias realizadas”, “pero tamén é verdade que esa actuación resentiuse da ausencia de formación específica na medida en que, en particular, demorouse en exceso a resolución do conflito, desde as denuncias acaecidas desde o primeiro semestre de 2013 ata a súa resolución definitiva no segundo semestre de 2015”.
"O que para un tribunal pode parecer unha demora, noutro tribunal, en primeira instancia, non se consideraba iso", di o secretario xeral da consellería equiparando dous pronunciamentos xudiciais malia que o do TSXG invalida o de primeira instancia
A sentenza tamén fala dunha “demora especialmente relevante” no proceso disciplinario que finalmente se lle abriu aos acosadores porque en setembro de 2013 xa se constataran os problemas de convivencia” pero o expediente “non se acordou incoar ata novembro de 2014, e a sanción acordada tras a súa tramitación non foi efectiva ata o 1 de agosto de 2015”.
Malia estes pronunciamentos do TSXG, a resposta do número 2 de Medio Rural este venres no Parlamento foi que “neste tipo de apreciacións non todo é branco nin negro, e o que efectivamente para un tribunal pode parecer unha demora, noutro tribunal, en primeira instancia, non se consideraba iso”. O secretario xeral equiparou así os dous pronunciamentos xudiciais malia que o do TSXG invalida o de primeira instancia.
Vázquez tamén argumentou que a consellería debía “respectar os tempos dos procedementos” e que “co cronograma” do caso, que citou parcialmente, “vese perfectamente que se actuou de forma dilixente na tramitación do expediente disciplinario” e “buscando en todo momento o benestar de todos os traballadores”. Porén, non foi iso o que considerou o TSXG tras analizar o procedemento.
O alto cargo da Xunta considera a demora do seu departamento "unha cuestión moi subxectiva, fíxese que estamos falando dunha sentenza deste ano, pero estamos falando dun caso de 2013 a 2015, o atraso por desgraza se produce en moitas instancias”
Tras esa intervención inicial do secretario xeral, a deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta afeoulle que falase de xeito retórico “de respecto á xustiza” cando o que reclaman os socialistas é que a Xunta cumpra a lei e respecte os dereitos dos traballadores. “Se declaramos ese respecto ás sentenzas pero despois o que aquí xustifica é que non está para nada de acordo con esa sentenza, parece que non imos mudar a política de persoal”, dixo, para engadir que o responsables da Xunta “non recoñece erros, o que sempre manifesta é o respecto pero desconformidade coas sentenzas do Tribunal Superior”.
“En ningún momento dixen que estaba desconforme con ningunha sentenza”, foi a resposta de Vázquez, que a continuación insistiu en equiparar pronunciamentos xudiciais de distintas instancias dicindo que “en primeira instancia dise unha cousa, o TSXG di outra e nós tamén temos a nosa opinión”. “Obviamente acatamos”, engadiu, pero incidindo en que “neste tipo de cuestións non hai branco e negro”. Foi nese punto cando Vázquez, ante unha sentenza que criticou a “demora” do seu departamento, mesmo reprochou a lentitude da xustiza: “Canto ao atraso, incluso é unha cuestión moi subxectiva, fíxese que estamos falando dunha sentenza deste ano, pero estamos falando dun caso de 2013 a 2015, o atraso por desgraza se produce en moitas instancias”.
O secretario xeral de Medio Rural tamén puxo como exemplo do dificultoso que foi o caso de acoso que na súa tramitación participaron ata 15 empregados públicos. “Penso que neste caso os empreados públicos actuaron perfectamente sen demora desde que se iniciou o expediente”.
A Vázquez a deputada socialista preguntoulle por este caso concreto, pero tamén lle lembrou outras sentenzas previas contra a mesma Consellería de Medio Rural igualmente reveladas por este diario nos últimos meses, como unha condena por negarse a sequera negociar a conciliación familiar que lle pedía un bombeiro forestal, a condena a readmitir e indemnizar unha traballadora á que despediu en represalia por reclamar os seus dereitos laborais ou a condena por cubrir unha praza con contratos temporais 16 anos tras non incluíla nunha oferta pública de emprego.
Pero para Vázquez “asociar unha serie de sentenzas” ao que o PSdeG denominou como “errática política de persoal” da consellería é “unha valoración subxectiva”. E foi máis alá, poñendo o foco no propio funcionariado e volvendo salientar a actuación de 15 persoas na tramitación do expediente polo caso de acoso: “asociar o que son actuacións derivadas de traballos de empregados públicos que fan coa súa boa fe, asociar iso cunha errática política de persoal da Consellería de Medio Rural creo que é unha extrapolación que é un pouco prexudicial para todos os empregados públicos”, concluíu.
Na súa intervención o secretario xeral mesmo chegou a identificar as dúas brigadas forestais nas que estiveron destinadas as persoas implicadas nos feitos, omitidas por Praza.gal xunto con outros datos para preservar as súas identidades.
A Xunta non aprobou o seu protocolo contra o acoso na administración xeral, non aplicable aínda noutros departamentos, ata 2016, e a súa aplicación segue a presentar notables demoras e eivas
Malia as xustificacións que tentou ofrecer o secretario xeral de Medio Rural, a loita contra o acoso laboral na Xunta vén experimentando todo tipo de demoras. O Goberno galego non se dotou dun protocolo específico de loita e prevención do problema na administración xeral -non noutros departamentos- ata 2016, e a súa aplicación segue a rexistrar todo tipo de eivas, como vén contando Praza.gal. O Goberno galego ampliou de un a seis meses o prazo para investigar as denuncias e esixe silencio aos denunciantes. Ademais, malia pedilo expresamente a Valedora do Pobo, non se están a cumprir os prazos, como constatou este diario noutro caso no que a Xunta tardou máis de dous anos en ditar medidas correctoras tras unha denuncia de acoso.