O grupo Ataque Escampe comezou a ser coñecido no 2007 cando publicaron a súa primeira maqueta Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos. Un ano máis tarde chegaría o seu primeiro disco, Galicia es una mierda. Logo virían A grande evasión, Violentos anos dez, Noites de agosto con Ataque Escampe e o seu último traballo, O Disco Vermello .
Despois dun ano sen facer un gran concerto na súa cidade, Santiago de Compostela, volven o venres á Capitol, un concerto especial no que despedirán ao cantante desde os albores do grupo, alá polo 2002, Álex Charlón. Pero antes teñen unha parada no Numax para presentar Relatos Americanos, un traballo en colaboración co artista Misha Bies Golas.
Como van sobrevivindo as Ataque Escampe nos, aínda, Violentos anos dez?
Miguel: Pois agora facemos mellores directos e tamén, se cadra, temos menos concertos, pero mellor remunerados, entón é unha vida máis cómoda como grupo.
Samuel: Menos concertos tampouco porque, normalmente vai por épocas, cando sacas disco tes máis e os anos que non sacas disco menos. En 2013 tivemos moi poucos concertos, logo tivemos en 2014 e este ano tamén. Si que están mellor remunerados e, dalgún xeito, témolo asumido máis como unha rutina. Antes, se cadra, collíanos máis de sorpresa, había que preparalo nesa semana e demais pero agora vai todo máis rodado.
"Temos os concertos máis asumidos como unha rutina, antes collíannos máis de sorpresa"
Mantedes desde xa hai unha década os mesmos postulados estéticos e éticos que vos diferenzan moito na escena, isto reportouvos máis satisfaccións ou máis quebradeiros de cabeza?
S: Nós seguimos sendo o mesmo en canto a que seguimos facendo música independente, facémola nós, e nunca recorremos a terceiras persoas, agás en casos técnicos puntuais. O problema é que a categoría esa que usábamos de rock de serie B tiña unhas connotacións como graciosas cando, realmente, hai anos era todo un pouco como un espectáculo de paiasos, os concertos saían ás veces mal e entón salvagardábamonos nisto, non, tranquilos, facemos rock de serie B. Hai uns anos isto xa non tiña sentido, os concertos saían ben e a categoría estábanos servindo para que a xente nos tivera algo de medo pensando que nos concertos pasaban cousas malas ou que podían saír mal, non oírse nada en todo o concerto ou cousas así, e desde hai anos xa non a estamos usando, renunciamos, era unha cuestión de slogan, de publicidade.
"Xa non usamos o slogan de serie B porque nos nosos concertos xa non pasan cousas malas"
No reducido circuíto do indie galego, vós credes que se asocia este estilo ao castelán e non ao galego?
M: Si, o castelán ou o inglés, fundamentalmente por unha cuestión cuantitativa porque tampouco hai moitos grupos que fagan algo que se poida recoñecer dentro do indie en galego e os medios de difusión do que é a escena indie tampouco están en galego, están en español. Que conste que o termo indie connota certa estética e ética coa que non nos sentimos identificados aínda que si, somos máis indies que folkies.
"O termo indie connota certa estética e ética coa que non nos sentimos identificados aínda así, somos máis indies que folkies"
S: Por algunha razón o indie ou o pop en Galicia, cando se fai en galego ou é algo moi ruidoso, moi experimental ou algo que xa é música de festival, estilo ska, entón o que queda no termo medio, que sería basicamente o que se apoia máis no formato canción, si que dá máis a sensación de que a súa lingua natural é o castelán, entón nós vémonos un pouco a medio camiño. Dicía Gato Pérez nunha entrevista que lle lin hai pouco que, hai anos, pasáballe o mesmo coa música en catalán, que todos os que facía rumba o miraban raro e logo os catalanistas que lles gustaba o folk e a nova cançó, tampouco acababa de convencerlles.
O bravú provocou que se identifique o galego cun tipo de música e de clixés moi concretos?
M: Entre o bravú e nada eu prefiro o bravú porque, polo menos, ofrece un referente, á parte de que dinamizou a vida cultural de moitos sitios, si que serviu como referencia do rock ou a música popular en galego. Se fose outro grupo tamén ía crear unha connotación, se fosen Los Planetas, en galego, pois ía direccionar cara un sitio os grupos posteriores.
"Entre o bravú e nada eu prefiro o bravú porque, polo menos, ofrece un referente"
S: Iso é un pouco o caso de Asturias que, nesa época, a música que se puxo de moda foi o indie e entón hoxe, dalgún xeito, imitan máis ese estilo. Aquí séguese imitando máis esa música dos 90 e, se cadra, ese é o problema porque, aínda que nos 90 era complexa a adquisición dunha gran cultura musical, porque o acceso non era directo, tiñas que ter interese e cartos, pecábase moito dunhas temáticas moi repetitivas, copiándose uns a outros, bastante sexismo e si, certos clichés, que ao mellor hoxe nalgúns ámbitos, sobreviven un pouco. Ese concepto de música para festival do que falaba antes é un pouco herdanza do bravú.
O Nao mas tardar en um ano era premonitorio do tempo que iades tardar en volver con todo á vosa cidade, con ese concerto na Capitol…
M: Nós sacamos o Disco Vermello nunha época un pouco mala para sacar discos, que é xuño, e despois fóisenos pasando a ocasión de tocar aquí en Santiago, e claro, ao final pensamos, bueno hai que tocar aquí en Santiago e, de paso, facer a despedida do cantante, matar dous paxaros dun tiro, vaia.
Intentamos non tocar en Santiago moi seguido, para non queimar á xente, para non queimarnos nós
S: Intentamos non tocar en Santiago moi seguido, para non queimar á xente, para non queimarnos nós. Cadrou que polo medio saíunos un acústico na zona C, non é o mesmo que o que vai haber na Capitol, porque hai menos músicos, menos repertorio, e como fixemos iso, non tivemos présa ata agora.
O concerto vai ser un remexe de todos os traballos?
M: Imos tocar máis tempo que outras veces, e iso daranos espazo para facer un pouco de todo, pero máis do último disco, que nunca o presentamos en Santiago, claro. Haberá o factor importante de que será o último concerto de Álex como cantante, entón iso dálle un carácter especial.
Vós sempre dicides que sodes cooperativas, pero a voz dun cantante identifica, en boa parte, a un grupo… Hai unha historia truculenta de celos ou cartos detrás da marcha de Álex?
M: (ri) Non, era, sobre todo, unha cuestión de tempo del, que non atopaba moito para as cuestións artísticas, para ensaiar, para ir tocar, que é bastante traballo. Evidentemente nós intentámolo convencer de que non se fose porque é a voz recoñecible do grupo pero, ante a súa convicción en marchar pois dixemos ou seguimos, cousa que era posible porque el non era o compositor principal, e o traballo do grupo sempre o fixemos entre todos ou deixamos o grupo. A ver, tampouco vou mentir, o de deixar o grupo nunca se formulou, realmente, entón o que faremos é seguir sen el, a ver que tal.
"O de deixar o grupo nunca se formulou, realmente, entón o que faremos é seguir sen Álex, a ver que tal"
S: Pero dalgunha maneira levabamos xa tempo, porque xa sabiamos que isto ía pasar, traballando como se o predicíramos, sempre intentamos, varios de nós, cantar, para ir metendo outras voces. E que conste que, bueno, levamos xa uns 15 concertos en 2015 sen el.
Faládeme dos teloneiros.
S: Por un lado temos a Vozzyow, que é un grupo que, antes facían un rock duro, baixo outro nome, pero agora fan unha especie de noise, e vímolos hai pouco no Cachán e quedamos gratamente sorprendidos, e o curioso é que son os nosos compañeiros de local de ensaio, pero nunca nos coincidira de cruzármonos.
The Lost Omelette-Makers son un proxecto de folk ou freak folk, cun pouco de música máis indie. Son compañeiros nosos do selo de Discos da Máquina.
O, xa alcalde de Compostela, Martiño Noriega, incorporou ao seu discurso reiterativamente o dos violentos anos dez, e outras frases como a dos señores que viven atrás das luces, sentídesvos responsables da victoria?
M: É un avance este cambio, pero responsables tampouco porque Compostela Aberta é un movemento colectivo máis alá dos gustos musicais de Martiño que, eu creo, que as Ataque Escampe, somos minoritarios, dentro do que é o gusto musical da xente das mareas.
Abristes unha web moi pro, como foi ese paso de deixar o voso mítico blog de rock de serie B?
S: Foi por pasos. Había tempo que o blog non se actualizaba e cambiámolo polas redes sociais para dar a información máis inmediata, e iso obrigábanos a ir actualizando. Aí atrás tomamos a decisión de facer a web, ver un blog atrasado dá moita pena, é como cando ves un reloxo parado, dá a sensación de algo deixado.
"Ver un blog atrasado dá moita pena, é como cando ves un reloxo parado"
A idea cooperativa de Relatos Americanos é moi innovadora, como naceu?
R: Pois coa colaboración de Misha Bies Golas na portada do Disco Vermello. El é un artista plástico e tiña un conxunto de collages que fixo a raíz dunhas fotografías dun fotógrafo americano que el modificou e propúxonos facer algo e a idea cristalizou no que é o libro, que é un conxunto de textos no que nós falamos dunha maneira un pouco… literaria das nosas experiencias nos directos.
Que tal funcionou ou crowfundig?
R: Ben, moi ben, pensaramos máis veces en facer algo así e isto serviunos como proba, o público respondeu ben e conseguimos os cartos que era o obxectivo fundamental. Non temos falado se retomalo para vindeiros proxectos, pero visto que funciona, é unha posibilidade a non descartar.
S: Houbo unha tempada na que se abusou demasiado do crowfunding, porque ti poñías os cartos pero non había unha compensación. Agora parece que volve, porque faise menos e é recuperable, pero vaia, tampouco é o único xeito.
Relatos Americanos é unha viaxe a través de paisaxes agrarias e industriais, como é ese universo?
R: As fotos debuxan unha paisaxe diferente á que vivimos nós nos concertos en Galicia pero digamos que o espírito dos collages é o que nos contaxiou a nós para dar o ton, o punto de vista desde o que naramos a nosa experiencia. Hai unha vivencia un pouco derrotista, desencantada ou polo menos irónica, desa experiecia musical.
"Tocar nun concerto non é só subir a un escenario senón o que fas antes, o que fas despois, a xente coa que tratas, e iso convértese nunha rutina que quen sexa músico entenderá"
M: Si bueno, máis que experiencia musical é experiencia do lugar en si. Tocar nun concerto non é só subir a un escenario senón o que fas antes, o que fas despois, a xente coa que tratas, e iso convértese nunha rutina que quen sexa músico entenderá. E de aí extraemos a anécdota, non do que pasa no escenario, senón do que pasou antes ou despois. Normalmente son cousas anecdóticas pero que poden ter un significado máis profundo. E máis que derrotista é un pouco un xogo entre o triste e o cómico, que é o territorio no que nos movemos nós, tanto nas cancións como aquí.
"En Relatos Americanos hai unha vivencia un pouco derrotista, desencantada ou polo menos irónica, desa experiecia musical"
Como credes que deberían funcionar as subvencións na música?
R: Pola experiencia noutros ámbitos que eu coñezo, como o teatro, as subvencións teñen o perigo de que haxa persoas, ou empresas ou grupos que se relaxen, que se distraian un pouco de facer un produto interesante, todo isto dígoo desde a defensa do apoio da administración á cultura, por suposto. Entón creo que se hai subvencións deberían centrarse moito na promoción, e en abrir medios de comunicación especializados. O que non pode ser é que haxa axudas á producción e non á promoción e que non haxa unha aposta clara pola cultura en galego.
M: Hai, ou eu teño percibido, certo desprezo dos grupos galegos que cantan en español cara os que cantan en galego: "claro é que na Radio Galega hai que poñer música cantada en galego, para axudalos...". Radio 3 leva 30 anos sendo o difusor principal da música cantada en español, e está financiada con fondos públicos. É música subvencionada de maneira en directa e se non houbese Radio 3 ou se o Estado Español non subvencionase a música española en español sería irrelevante, non habería escena, non habería cultura musical española.
"Se non houbese Radio 3 ou se o Estado Español non subvencionase a música española en español sería irrelevante, non habería escena, non habería cultura musical española"
S: Sería en inglés, como pasa en Portugal, porque eles practicamente só usan o portugués para o hiphop, ou en Grecia ou en Alemaña.
M: Os grupos da Movida emerxeron a través do público, e se pasa no Estado Español con éxito, porque compite cun mercado que serían os 40 Principales, aquí tamén debería pasar, pero non hai interese.
"Os grupos da Movida emerxeron a través do público, e se pasa no Estado Español con éxito, porque compite cun mercado que serían os 40 Principales, aquí tamén debería pasar, pero non hai interese."
R: É máis, hai interese de que non pase.
S: Hai tamén un discurso que había na Cataluña dos 80 ou 90 que era que había uns grupos moi coñecidos, que cantaban en catalán pero que eran moi malos ou moi rancios. Entón había o discurso por parte dos medios alternativos españois de que era música subvencionada, ese discurso estrapolouse a Galicia tal cal, dicindo non, non, é que os grupos que cantan en galego é porque están subvencionados. Como? Cando? Cando se subvencionaron grupos en galego?
Galicia es una mierda, anos despois, seguides tendo esa visión?
M: O de Galicia es una mierda saíra porque nesa época empezaban os precedentes de Galicia Bilingüe e sacaran un blog que era Tan gallego como el gallego ou algo así e había esa reacción desde este sector súper españolista e entre iso e que, nese momento, sentíamos certa decepción cara o que era o goberno da Xunta pois compuxemos Galicia es una mierda, pero era un pouco para chamar a atención, para que se nos vise como un grupo agresivo, porque no disco anterior parecíamos un grupo de pop moi amable.
"Compuxemos Galicia es una mierda para que se nos vise como un grupo agresivo, porque no disco anterior parecíamos un grupo de pop moi amable"
S: Visto agora si, era un discurso moi do tempo, pero vaia, que eu non me arrepinto, alégrame telo feito e tamén de non seguir facéndoo, tampouco a tocamos xa en directo.
R: Fartámonos moito de tocala porque moita xente identificábanos por ela e claro, tiñamos que tocala sempre, sempre, sempre, e desde hai non tanto tempo xa nos liberamos desa obriga.