Máis alá da saudade. Ana Kiro e a emigración

Ana Kiro ©

 

Texto publicado no número 240 de Grial

A produción musical de Ana Kiro, cuxa carreira floreceu poucos anos despois do cumio de éxito comercial de Do Barro e Los Tamara, tomou unha nova dirección no tratamento da emigración, ao incidir con menor intensidade na nostalxia e tratar os seus efectos dun xeito máis combativo

A emigración cara a Europa promovida polo réxime franquista desde finais dos anos cincuenta foi unha das pedras angulares do seu chamado período “desarrollista”. Esta “emigración asistida” afectou principalmente aos habitantes do rural, considerados man de obra excedente creada polo Plan de Estabilización Económica, que era necesario canalizar cara ao exterior (Sanz Díaz, 2001: 317). Debido ao atraso da súa economía, Galicia volveu ser unha das grandes fornecedoras de emigrantes, por exemplo, coa marcha de 58.549 persoas entre 1960 e 1964 (Sixirei Paredes, 1988: 145-146). Paradoxalmente, a época do tardofranquismo coincidiu co desenvolvemento do pop galego por parte de artistas que acadaron unha gran popularidade cantando moitos dos seus éxitos total ou parcialmente na nosa lingua. 

O caso de “O tren” (1969), de Andrés do Barro, é paradigmático. Ademais, tanto o artista ferrolán como o grupo Los Tamara tiveron unha importante acollida na comunidade galega emigrada (Fernández Rego, 2019: 115). Isto é en parte atribuíble ás referencias á experiencia migratoria que podemos atopar nas súas cancións, a miúdo cheas de nostalxia pola terra deixada atrás, e que condensan de xeito accesible, e ao mesmo tempo poético, tanto o sufrimento da emigración como o desexo de volver.  No caso de Los Tamara, non é de estrañar que unha das súas cancións máis lembradas sexa “A Santiago voy” (1967). Malia que nalgunhas ocasións apareza a crítica ao estereotipo do emigrado morriñento, como en “Galicia non ten morriña” (1979), deste mesmo grupo, a tendencia é a de evocar sentimentos de padecemento provocados pola separación do fogar.

Discos de Ana Kiro ©

Malia que no seu momento a mensaxe transmitida nas cancións de Kiro non incitaba á revolución política e social que concibían artistas abertamente reivindicativos, a súa música xogou un papel significativo na renovación da cultura popular galega, e desde unha clara conciencia de clase

A produción musical de Ana Kiro, cuxa carreira floreceu poucos anos despois do cumio de éxito comercial de Do Barro e Los Tamara, tomou unha nova dirección no tratamento da emigración, ao incidir con menor intensidade na nostalxia e tratar os seus efectos dun xeito máis combativo. A mesma cantante viviu a emigración en primeira persoa, cando a súa familia marchou a Barcelona sendo ela nena, e aparece como tema recorrente no seu catálogo musical, como nos discos Homenaxe os emigrantes (1978), A miña aldea (1979), e Unha emigrante máis (1980).

 

Éxito entre a comunidade emigrada

Kiro acadou grandes cotas de popularidade durante as primeiras décadas do período posfranquista, especialmente despois de decidir (en contra da opinión da súa discográfica) cantar en galego. Coma os artistas mencionados anteriomente, chegou a ter un grande éxito entre a comunidade emigrada, por exemplo, cun multitudinario concerto para vinte e catro mil persoas organizado pola Irmandade Galega de Valle Fresco en Caracas (Fernández Rego, 2019: 115). Malia que o movemento migratorio a destinos europeos minguara en 1973, polo peche de fronteiras por parte de países como Alemaña e Francia en resposta á crise do petróleo (Álvarez Silvar, 2002: 159), de 1974 a 1985 os emigrantes galegos aínda representaban o 40 por cento da emigración española (Álvarez Silvar, 2002: 83). 

No caso da emigración, as letras cantadas por Kiro permiten aos oíntes identificarse cos efectos prexudiciais da emigración cara ao exterior na sociedade galega, podendo polo tanto ser interpretadas como unha expresión de inconformismo e resistencia

Mentres que en 1988 Carlos Sixirei Paredes criticaba a falta de atención que se prestaba á situación das persoas emigrantes galegas por parte dos partidos políticos (1988: 173), as letras das cancións pop de Kiro puxeron a diáspora e as súas consecuencias no centro da súa proposta artística. Porén, a artista foi tamén criticada anos despois polo nacionalismo galego de esquerdas debido ao seu “carácter conservador e o seu vínculo cultural e político cos Gobernos de Manuel Fraga” (Tenreiro Uzal, 2021: 73). Fillo de emigrantes, Fraga deulle grande importancia á diáspora, facendo campaña activa no exterior para conseguir o voto das comunidades galegas. Estas consideracións, xunto coa aparente superficialidade das brillantes melodías en ton maior que caracterizan as cancións de Kiro, e o menor valor artístico tradicionalmente atribuído á música pop, levaron a ignorar a mensaxe social das súas letras, que parecen afastadas da suposta ideoloxía conservadora da cantante. 

As cancións, que aquí serán mencionadas, foron escritas por varios compositores (incluída a propia Ana), destacando entre eles, pola súa asiduidade, Manuel Muñiz. Ritmicamente tenden a un ritmo de 3/4 semellante á rancheira valseada mexicana, en ocasións combinada con ritmos da música tradicional galega (como no coro de “Homenaxe os emigrantes”). Do mesmo xeito, os seus arranxos fusionan frecuentemente melodías de inspiración latinoamericana, interpretadas por violíns e trompetas, con frases que semellan traídas da tradición galega, tamén presentes na voz de Kiro. A mestura de influencias autóctonas e externas, un elemento básico tamén dos estilos de Do Barro e Los Tamara, fai eco da consideración de George Lipsitz de que a música “altera a nosa comprensión do local e do inmediato, permitíndonos experimentar un estreito contacto con culturas remotas” (1994: 3). Neste caso, a música tamén reflicte como os emigrantes entran en contacto con outras culturas, e serven como vía de transmisión destas dentro da súa propia. 

Non obstante, ao aparente brillo das melodías de Kiro xustaponse á escuridade dalgunhas das súas letras. En “Os que non volveron” (1980), canta: “Moitos fillos de Galicia que emigraron desta terra / morreron lonxe da patria / nunca volveron a ela”, e “longos anos noutras terras / son como noite sen lúa / a vida dos emigrantes é como unha terra escura”. O feliz camiño do retorno imaxinado en “O tren” e “A Santiago voy” é aquí substituído por “duros camiños” onde os emigrantes están “sempre loitando”. En “Morreu pensando en Galicia” (1979), este tamén é “o camiño do desterro”, facendo fincapé nunha visión da migración como desprazamento forzado. 

 

Visión de xénero e Galicia como "nai"

Outra característica que distingue as letras de Kiro de cancións anteriores sobre a emigración galega é a introdución dunha visión de xénero que fora ignorada polos artistas masculinos, para quen as mulleres principalmente agardaban en Galicia o regreso do protagonista

Outra característica que distingue as letras de Kiro de cancións anteriores sobre a emigración galega é a introdución dunha visión de xénero que fora ignorada polos artistas masculinos, para quen as mulleres principalmente agardaban en Galicia o regreso do protagonista. Pola contra, nas composicións de Kiro aparece unha perspectiva que foi tamén historicamente desatendida nos discursos académicos e políticos. Como argumenta Carmen V. Valiña (2019: 21) no seu estudo sobre a emigración feminina a Suíza, a atención que se lle presta á experiencia migratoria das mulleres segue sendo escasa. O ton co que as cancións de Kiro abordan este asunto é novamente de denuncia social. “Homenaxe os emigrantes” (1978) lembra que os efectos da emigración tamén son sufridos polas mulleres: “Terra de homes que emigran / e de mulleres que deixan / a súa patria querida”. Pola súa parte, “Galega traballadora” (1982) pon o foco no papel activo das mulleres en ausencia dos seus maridos emigrados: “Sacan adiante a familia /  porque o home está emigrado […] as mulleres de Galicia / son a máis traballadoras / van á feira, fan o caldo / e tamén son labradoras”. 

Por outra banda, mentres que en “O tren” e “A Santiago voy” a patria galega é soñada como un obxecto erotizado, identificado coa muller deixada atrás e coa que o home desexa reencontrarse, as cancións de Kiro dan paso á visión recorrente de Galicia como nai

Por outra banda, mentres que en “O tren” e “A Santiago voy” a patria galega é soñada como un obxecto erotizado, identificado coa muller deixada atrás e coa que o home desexa reencontrarse, as cancións de Kiro dan paso á visión recorrente de Galicia como nai, unha “naiciña” como se chama en “Homenaxe os emigrantes”, deixada soa pola súa prole: “Galicia estás quedando solíña / sin fillos que tanto sufren / para voltar á terriña”. Esta imaxe conecta as súas cancións con “unha das metáforas centrais do nacionalismo galego, a de Galicia como a venerada terra nai […] un símbolo dun fogar, fogar e paisaxe de connotación feminina, que historicamente se opuxo aos espazos masculinos da emigración, a pesca de altura e o desprazamento forzoso”, e que se prestou a unha apreciación feministas das imaxes da nación no discurso nacionalista galego” (Miguélez-Carballeira, 2013: 32-33). 

A visión de Galicia como unha nai abandonada tamén chama a atención sobre as devastadoras consecuencias da emigración para os que non marcharon. Esta idea explórase con detemento en “O rapaciño” (1980), a historia dun neno de oito anos cuxos pais levan moitos anos fóra. A letra destaca que non se trata dun caso illado, senón que “separados dos seus pais / hai moitos nenos galegos”, unha realidade examinada tamén na novela Adiós María (1989), de Xohana Torres. A canción non só se centra na separación, senón tamén nos seus efectos no neno, que apenas foi á escola, xa que debe axudar aos seus avós. O último verso refírese a que este é coñecido polos veciños como “o fillo da emigración”, alcume que salienta un envelenado legado deixado pola ausencia dos pais. 

Carente de reivindicación?

En contraste coas críticas posteriores polo seu apoio ao Goberno de Manuel Fraga, e que describiron as súas cancións como carentes de “reinvindicación”, as súas letras non só funcionan como acto de lembranza, senón que ás veces mesmo culpan o sistema político e chaman á acción

En contraste coas críticas posteriores polo seu apoio ao Goberno de Manuel Fraga, e que describiron as súas cancións como carentes de “reinvindicación” que supostamente non reaccionan nin tratan de explicar as causas da emigración (Tenreiro Uzal, 2021: 74), as súas letras non só funcionan como acto de lembranza (“recordemos sempre / ós que non volveron”, canta en “Morreu pensando en Galicia”), senón que ás veces mesmo culpan o sistema político e chaman á acción. “Historia da emigración” afirma que “Hai unha historia en Galicia / que nunca foi ben contada / a historia da emigración / desta terra escravizada”, e suxire que a emigración é causada “por culpa dalgúns que viven / neste país emigrante”. 

En “Popurrí” (1980), Galicia é “sempre asoballada polos mandamais”, unha clara alusión ao estamento político, aínda que proclamada antes de que Fraga chegase ao poder en Galicia. Esta mesma canción chama ao pobo galego a loitar contra a emigración: “Coa bandeira azul e branca / loitaremos noite e día / por ver os nosos irmáns / na terra de Rosalía”. Do mesmo xeito, en “Historia da emigración”, Kiro rebélase contra o desprazamento forzado, presentado como unha forma de escravitude: “Nunca consintamos que nos escravicen / na nosa Galicia pola emigración / todo aquel que quere separa-los fillos / xa non é galego nin ten corazón”. 

Aínda que nestas cancións o sentimentalismo xoga un papel fundamental, as referencias directas á saudade e á morriña son substituídas por recorrentes alusións á loita: "Non chores galego / non chores irmán / non gaste-las forzas / gárdaas pra loitar”

A referencia á escravitude tamén aparece na xa mencionada “Morreu pensando en Galicia”, a historia dun emigrante que morre lonxe de Galicia e dos seus seres queridos. Aínda que nestas cancións o sentimentalismo xoga un papel fundamental, as referencias directas á saudade e á morriña son substituídas por recorrentes alusións á loita, como en “Homenaxe os emigrantes”: “Non chores galego / non chores irmán / non gaste-las forzas / gárdaas pra loitar”. 

Nesta mesma canción, a cantante concibe a súa música como unha forma de resistencia: “eu tamén loito cantando / coma vos ó traballar / pra volver un día á terra / e non volver a emigrar”. O contraste entre as “melodías alegres” das cancións e os infortunios que narran tamén leva estas cancións máis alá da saudade, poñendo o  acento na reacción máis que no loito pola terra deixada atrás.

Ana Kiro hoxe, escoitada e reinterpretada

A popularidade da música de Ana Kiro continúa con forza hoxe. No momento de publicación deste texto, Spotify rexistra máis de vinte mil oíntes mensuais no seu perfil. E, como sinala Tenreiro Uzal, as novas xeracións están a reinterpretar a súas cancións en clave contemporánea

A popularidade da música de Ana Kiro continúa con forza hoxe. No momento de publicación deste texto, Spotify rexistra máis de vinte mil oíntes mensuais no seu perfil. E, como sinala Tenreiro Uzal, as novas xeracións están a reinterpretar a súas cancións en clave contemporánea: "A pesar de que o discurso e a traxectoria de Ana Kiro teñan un compoñente conservador, a recepción […] foi separándose de lecturas máis elitistas para facer emerxer a través dela discursos que abordan a identidade galega en relación ao feminismo, o movemento LGTBIQ ou a revalorización da cultura popular" (páx. 78). 

Malia que no seu momento a mensaxe transmitida nas cancións de Kiro non incitaba á revolución política e social que concibían artistas abertamente reivindicativos, a súa música xogou un papel significativo na renovación da cultura popular galega, e desde unha clara conciencia de clase. No caso da emigración, as letras cantadas por Kiro permiten aos oíntes identificarse cos efectos prexudiciais da emigración cara ao exterior na sociedade galega, podendo polo tanto ser interpretadas como unha expresión de inconformismo e resistencia.

Obras citadas

  • Álvarez Silvar, Gabriel (2002). La migración de retorno en Galicia (1970-1995). Tese de dutoramento. Madrid: Universidad Complutense de Madrid.
  • Fernández Rego, Fernando (2019). Unha historia da música en Galicia, 1952-2018. Vigo. Editorial Galaxia.
  • Lipsitz, George (1994). Dangerous Crossroads. Popular Music, Postmodernism and the Poetics of Place. Londres / Nova York: Verso.
  • Miguélez-Carballeira, Helena (2013). Galicia, A Sentimental Nation: Gender, Culture and Politics. University of Wales Press.
  • Sanz Díaz, Carlos (2001): “Emigración económica, movilización política y relaciones internacionales. Los trabajadores españoles en Alemania, 1960-1966”, Cuadernos de Historia Contemporánea 23, pp. 315-341.
  • Sixirei Paredes, Carlos (1988). A emigración Vigo, Editorial Galaxia.
  • Tenreiro Uzal, Cibrán (2021). “La voz de Galicia: Ana Kiro, recepción e identidad nacional.” AusArt Journal for Research in Art 1, pp. 69-83.
  • Valiña, Carmen V. (2019). Elas, as emigrantes. Mulheres da Terra de Soneira na Suíça. ATravés.
  • Torres, Xohana (1989). Adiós María. Vigo, Editorial Galaxia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.