"A familia de Ana Kiro está emocionada porque a senten de volta grazas á intelixencia artificial"

Joel Cava, na presentación da edición 2023 do AI Song Contest, que se celebra na Coruña CC-BY-SA Vinte

O vindeiro 4 de novembro A Coruña acollerá a edición 2023 do AI Song Contest, o festival de Eurovisión das cancións compostas por intelixencia artificial que xa ten 35 cancións candidatas, das que dez chegarán á gran final. Galicia, como organizadora, está xa nesa última rolda co novo proxecto do equipo PAMP! (Proxecto Ana María Prieto), titulado Florespiña. Trátase dunha homenaxe a Ana Kiro, finada hai 13 anos, que grazas á intelixencia artificial regresa cunha nova canción, baseada no seu estilo e a súa voz. 

"Pensamos: 'por que non facer unha homenaxe?' e non hai na música galega unha figura tan transversal e tan importante como Ana Kiro"

Na presentación do proxecto, hai dúas semanas, os seus responsables destacaron que o seu obxectivo era  "inmortalizar e resignificar para as novas xeracións o legado" de Ana Kiro, "unha muller adiantada ao seu tempo" e "un exemplo de resiliencia". Florespiña é o resultado de meses de traballo a cargo dunha ducia de expertos e expertas nas súas áreas, dende a informática á musica. Falamos co coordinador do proxecto, Joel Cava.

Como xorde a idea de facer a Ana Kiro protagonista absoluta da canción que representará a Galicia no concurso? 

Toda esta idea xurdiu hai un ano, en setembro. Na edición anterior acadamos un moi bo resultado con AI-LALELO e comezamos a pensar en facer algo máis grande, máis ambicioso, e sempre coa lóxica de promocionar a lingua e a cultura galega a través da intelixencia artificial. E pensamos: 'por que non facer unha homenaxe?' e non hai na música galega unha figura tan transversal e tan importante como Ana Kiro. Ademais da súa valía artística, Ana Kiro ocupou os corazóns de moita xente polos valores que transmitía e pola maneira como conectaba co público. 

Que valores representaba a artista arzuá?

"Hai unha serie de valores na figura de Ana, de progresismo, de feminismo e de galeguismo que pensamos que era importante que chegasen ás novas xeracións, que en moitos casos non coñecen a súa figura"

Hai unha serie de valores na figura de Ana, de progresismo, de feminismo e de galeguismo que pensamos que era importante que chegasen ás novas xeracións, que en moitos casos non coñecen a súa figura. Cremos que a candidatura deste ano ten unha carga social e política moito maior que a do ano pasado. Nós estamos reivindicando unha nova Galicia.

Por exemplo, nas súas entrevistas na TVG plantaba cara a homes machistas. E quixemos que fose a protagonista da canción, ligada á figura da flor do toxo, que nace mesmo nos terreos máis complicados e superando as adversidades, por exemplo cando un terreo se queima. Representa a resistencia e a resiliencia e iso extrapolámolo ao pobo galego, igualmente resistente e resiliente, que sempre consegue saír adiante e reinventarse.

Como se crea unha canción con intelixencia artificial. Dende logo non é darlle a un botón e agardar, senón que constitúe un proceso complexo, pero que é o primeiro? Como se empeza a traballar e como chegades ao resultado final?

"Para facer a letra, o que fixemos foi adestrar un algoritmo para que falase galego e interiorizase un conxunto de 400 cantigas populares galegas que falan sobre o toxo e despois delimitamos unha serie de parámetros para que a máquina xerara a partir de aí versos novos"

Non foi un proceso de composición lineal, comezando pola letra, despois a música e o videoclip, senón que as distintas fases se foron solapando en todo momento. Hai que entender que somos 12 persoas e cada membro do equipo ten a súa área de traballo. 

Os distintos procesos foron semellantes aos que xa puxéramos en práctica con AI-LALELO. Por exemplo, para facer a letra, o que fixemos foi adestrar un algoritmo para que falase galego e interiorizase un amplo conxunto de 400 cantigas populares galegas, extraídas de Volai-vai, que falan sobre o toxo e despois delimitamos unha serie de parámetros para que a máquina xerara a partir de aí versos novos. 

Pero á vez que empezas coa letra, tes que comezar a pensar na música: na melodía, nos acordes, nas harmonías... As liñas melódicas partiron de 'Viva Galicia', de Ana Kiro, pero a partir de aí fixéronse moitas variacións e foron engadíndose instrumentos a esa liña melódica.

E a voz? Porque no tema escoitamos a voz de Ana Kiro, tanto falando como cantando...

"Defendemos unha idea social da intelixencia artificial, unha idea respectuosa coas persoas e coa cultura propia. Usamos a IA cun obxectivo de promover a nosa lingua e a nosa cultura e sempre coas persoas no centro"

Si, despois estaba o reto de poder crear unha voz artificial de Ana Kiro, cantada e falada, porque queríamos facer unha primeira parte da canción na que se presentase ao público por primeira vez despois de 13 anos. Todo isto é un proceso complexo (e dobre, porque os modelos de voz cantada e falada son distintos) que fai que o proxecto se alongue no tempo. 

Foron tantos os procesos paralelos no proceso de composición que á altura de xuño tiñamos moitas cousas abertas, pero incompletas, e chegamos a pensar que non iamos chegar a tempo, porque o algoritmo en si ten limitacións. Ademais, sempre pensabamos que o que non queriamos era que esta homenaxe acabase convertida nunha caricatura, un meme, porque a liña que as separa sempre é moi delgada. Podía quedar mal por non ser respectuoso co legado de Ana ou por non reflectir fidedignamente a súa música. 

Neste caso, a intelixencia artificial foi unha ferramenta máis, imprescindible pero sempre dependente das accións do equipo, non si?

Nós, como equipo, defendemos unha idea social da intelixencia artificial, unha idea respectuosa coas persoas e coa cultura propia. Usamos a IA cun obxectivo de promover a nosa lingua e a nosa cultura e sempre coas persoas no centro. A intelixencia artificial é unha ferramenta complementaria, non substitutiva das persoas. Para nós isto é fundamental.

Imaxe de Ana Kiro xerada pola intelixencia artificial para o vídeo de Florespiña © PAMP!

A canción navega entre estilos, vai dende o máis tradicional e esperable nun tema de Ana Kiro ata a incorporación de ritmos que ela nunca empregou. Por que tomastes esta decisión?

"Ana soubo reinventarse musicalmente moitas veces. Por iso a canción vai dende os estilos máis tradicionais dela, de música de verbena, ata a electrónica e o trap, porque nós coidamos que Ana, de seguir viva, podería ter experimentado con isto"

Ana soubo reinventarse musicalmente moitas veces. Por iso a canción vai dende os estilos máis tradicionais dela, de música de verbena, ata a electrónica e o trap, porque nós coidamos que Ana, de seguir viva, podería ter experimentado con isto. Teríase reinventado, como fixo Pili Pampín con Ortiga. Queríamos resignificar o seu legado e traelo á actualidade e iso facémolo atribuíndolle a Ana Kiro unha serie de rexistros e sonoridades nunca vistas antes. E para iso usamos a intelixencia artificial, que nos permite atopar novos matices, inventar cousas novas.

O reto era crear algo novo, porque non servía de nada recrear unha canción tradicional de Ana Kiro se non lle podíamos engadir novos matices e estilos, para que Ana puidese facer algo que nunca fixo. Dixemos: imos adestrar a IA para que aprenda quen é Ana Kiro para que poida facer algo novo, como o que Ana podería ter feito, resignificando a Ana cantando trap ou electrónica.

Tedes o apoio expreso da familia de Ana Kiro para este proxecto. Como recibiron a canción? Gustoulles?

"A necesidade era ter a aprobación previa e final da familia, pero tamén facelos partícipes do proceso: queríamos coñecer o que pensaban en cada un dos pasos e ter o seu feedback"

Para nós era fundamental ter o apoio da familia, sen iso non podiamos facer nada. Cando falo de apoio falo dunha aprobación por escrito a través dun avogado e, despois, de facer partícipe á familia de todo o proceso de composición.

E si, gustoulles. Eu teño contacto directo coa familia, coa súa filla, o seu neto e o seu viúvo, aínda que falo sobre todo con Carmen, a filla, porque é a que ten os dereitos de imaxe e artísticos de Ana. A necesidade era ter a aprobación previa e final da familia, pero tamén facelos partícipes do proceso: queríamos coñecer o que pensaban en cada un dos pasos e ter o seu feedback. Queríamos que a canción fose de todos, de todos e para Galicia. E queríamos que a familia estivese plenamente convencida do proxecto. 

E cando chegou o resultado final o que me dixeron é que senten que isto é un agasallo para eles, que están todos moi emocionados porque senten a Ana de volta. É moi interesante traer a unha persoa de volta a través da intelixencia artificial. Todo isto foi moi emocionante para nós e estamos moi contentos co resultado porque fixemos todo con moito amor.

A canción e vídeo da candidatura galega foron presentados este venres no CiTIUS da USC © USC/Santi Alvite

O certame vai situar A Coruña (e Galicia no seu conxunto) na vangarda do traballo con IA, un fito que se vén unir a outros coma a concesión da sede da AESIA para a cidade herculina. Neste ámbito Galicia é cada vez máis centro e non periferia?

"Este proxecto e a propia organización do festival na Coruña son proxectos de país, unha oportunidade de dicirlle ao mundo que somos Galicia, que traballamos a intelixencia artificial e que temos ferramentas propias para podelo facer"

Galicia no seu conxunto, e sobre todo A Coruña, son xa referentes internacionais en intelixencia artificial. Hai unha estratexia cara a poñer Galicia no mundo neste eido e estamos despuntando grazas ás sinerxías de diferentes actores moi diversos entre si e de cores políticas distintas. E este festival é unha mostra máis de que podemos poñer Galicia no mapa e de que Galicia non é periferia, senón que é un actor punteiro, neste caso na intelixencia artificial. 

Este proxecto e a propia organización do festival na Coruña son proxectos de país, son proxectos de Galicia para o mundo, unha oportunidade de explicarnos e de dicirlle ao mundo que somos Galicia, que traballamos a intelixencia artificial e que temos ferramentas propias para podelo facer.

"O congreso académico enfocámolo deste xeito, explorando as distintas maneiras de crear música a través da intelixencia artificial, como unha celebración da diversidade"

O concurso vai ser unha festa, pero tamén terá a súa parte académica e de punto de encontro entre investigadores e profesionais. Que pode saír de aquí?

Imos recibir dez finalistas de todo o mundo que van coñecer de primeira man que estamos facendo en Galicia. E é ao tempo unha grande oportunidade para ter aquí a expertos internacionais no campo da intelixencia artificial, especialmente da IA xerativa no eido da música e isto vai axudar a tecer redes. O congreso académico enfocámolo deste xeito, explorando as distintas maneiras de crear música a través da intelixencia artificial, como unha celebración da diversidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.