Andrés do Barro (Ferrol 1947- Madrid 1989) segue a ser o único autor galego que conseguiu ser número un en vendas no Estado Español cantando en galego. Fíxoo en catro ocasións. Temas como O Tren, Corpiño xeitoso, San Antón, Teño Saudade ou Pandeirada convertérono inmediatamente nun ídolo de masas con apenas vinte anos, vendendo decenas de miles de copias dos seus discos -Me llamo Andrés Lapique do Barro (1970) ou ¡Pum! (1971)- e protagonizando películas como La red de mi canción con Concha Velasco.
"O feito de que en plena ditadura, Andrés do Barro acadara catro números unha en vendas cantando en galego é un fito para a cultura galega e é algo que temos que reivindicar, unha reivindicación que as institucións teñen que apoiar"
A España dos últimos anos do franquismo cantaba en galego en Andrés Lapique viaxaba polo mundo (Arxentina, Brasil, Uruguai, México, Italia...), gravaba versións dos seus temas noutros idiomas (ou eran gravadas por outros artistas) e protagonizaba as portadas das revistas -musicais ou do corazón- máis vendidas.
Depois chegaron diversas crises persoais e artísticas: a morte do seu pai, unha depresión, un terceiro álbum mal producido e promocionado que non tivo éxito e unha estadía mexicana que resultou un fracaso. Ao seu regreso ao país, atopou o silencio e o esquecemento. Unha falta de recoñecemento que se estendeu máis aló da súa morte con só 42 anos e do que nas últimas décadas foi sendo rescatado por dous discos de homenaxe -Manifesto Dobarrista (2007) e Andrés do Barro: Pop, Saudade e Memoria. Unha Ollada Dende Ferrolterra (2021)-, a exposición Andrés do Barro: Pop, saudade e memoria (2021) ou a publicación en 2020 de varias cancións inéditas que ían compoñer o seu cuarto álbum.
Nesta recuperación de Andrés do Barro xoga un papel fundamental Fernando Fernández Rego, autor en 2015 de Saudade (La Fonoteca), a primeira biografía oficial de Andrés do Barro, e que agora vén de publicar en Galaxia Andrés do Barro. A xénese do pop en galego. A obra vén sumarse a outros libros que o autor foi editando nos últimos anos, como Unha Historia da música en Galicia 1952-2018 (2019), Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo (2022) e Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground (2024), cos que vai debullando a historia da música popular no país. Falamos con el sobre Andrés do Barro, a súa música e o seu legado.
Como foi o proceso de creación deste libro? Foi unha proposta túa ou un encargo de Galaxia?
Os catro libros de música que levo realizados en Galaxia foron sobre todo unha aposta de Francisco Castro, que era o director xeral de Galaxia cando asinei aqueles contratos. Foi unha aposta que fixo pola música, porque hai que ter en conta que este tipo de libros e formatos non son habituais no mundo editorial en Galicia, porque son ambiciosos, porque son edicións caras, cunha calidade de papel moi boa. A miña idea foi ir cubrindo todos estes libros que eu consideraba que faltaban. Seguen faltando moitísimos, pero fun facendo os que consideraba máis urxentes.
"É importante que se poña en valor a cultura popular, tamén a nivel institucional e académico. Non é só o caso de Andrés, senón tamén de Ana Kiro, de Pucho Boedo, de Suso Vaamonde... A cultura popular é a que máis chega á xente. A xente coñeceu moitas das poesías dos nosos poetas coa música popular, coas orquestras..."
Que novidades achega este libro en relación á biografía que publicaches en 2015 en La Fonoteca?
En 2015 eu sacara aquela biografía de Andrés Dobarro na Fonoteca coa idea de reivindicar a súa figura. É un libro do que estou moi satisfeito, que chegou ás catro edicións e do que se venderon milleiros de exemplares por toda España. Pero eu quería publicalo en galego e, sobre todo, nos últimos once anos as investigacións sobre Andrés foron medrando. A raíz de que morreu unha tía de Andrea Lapique, filla de Andrés, accedeuse a unha serie de material familiar no que apareceron moitas cartas manuscritas de Andrés e outros documentos e imaxes. Aí lemos, por exemplo, as intervencións do pai para frear os problemas que tivo Andrés para poder actuar mentres estaba facendo a mili, porque os sarxentos consideraban inaceptable que alguén que estaba baixo a custodia militar se dedicase a cantar en galego ou a dar concertos. Tamén apareceron moitas cartas persoais de Andrés durante as xiras que realizou por Brasil, Arxentina ou Uruguai.
Realmente foi un libro novo, no sentido de que é un libro que, con respecto a anterior, ten 150 páxinas máis e inclúe moitas cousas novas, tanto do pasado coma do presente: a aparición do Master perdido, o cuarto disco de Andrés, do que se editaron cinco cancións inéditas en 2020; tamén o novo disco homenaxe e a exposición que realizamos en Ferrol en 2021.
Non sei se queda moito por saber de Andrés Do Barro, que probablemente si, pero o que é seguro é que queda moito por reivindicar. A música e a cultura galega no seu conxunto débelle unha maior reivindicación da súa traxectoria, de todo o que fixo escribindo cancións e cantando en galego?
A situación da música galega mellorou moito nos últimos anos sobre todo porque houbo unha maior dose de orgullo e xa non se escoitan esas preguntas aos artistas sobre por que cantan en galego, asúmese como algo normal. Isto non pasaba nos anos 80, 90 ou nos 2000, décadas nas que a presenza do galego na música pop era moi minoritaria.
É importante que se poña en valor a cultura popular, tamén a nivel institucional e a nivel académico. Non é só o caso de Andrés, senón tamén de Ana Kiro, de Pucho Boedo, de Suso Vaamonde... A cultura popular é a cultura que máis chega á xente, parece algo obvio pero a veces esquecémolo. A xente aprendeu e coñeceu moitas das poesías dos e das nosas poetas coa música popular, coas orquestras... As adaptacións de Curros, de Rosalía ou de Pondal que fan Los Tamara, primeiro, ou Los Españoles, despois, fan que moita xente coñeza e reivindique eses textos. E o mesmo pasou despois con Suso Vaamonde e os textos de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro ou Bernardino Graña.
"Andrés merece un Día das Letras Galegas e unha Medalla de Galicia, merece un recoñecemento que nunca tivo. O bo que ten Andrés é que é eterno, quero dicir, as súas cancións non van morrer, a súa música vai quedar sempre aí, e por iso Andrés é eterno dentro da cultura popular galega. Ese é o gran logro de Andrés"
Creo que é importante que valoremos a cultura popular dentro das institucións. Non só con premios ou coa homenaxe nas Letras Galegas, que é un recoñecemento que merece Andrés Do Barro e moitos outros, pero Andrés especialmente porque ademais de cantante foi letrista e súas son as letras dos catro números un que conseguiu. Creo que neste ámbito os anglosaxóns nos levan moita vantaxe, porque para eles a cultura popular é cultura con maiúsculas. E esa é unha das razóns da relevancia pública que teñen Joy Division, Nirvana, os Rolling Stones ou os Beatles.
O feito de que en plena ditadura, Andrés do Barro acadara catro números unha en vendas cantando en galego é un fito para a cultura galega e é algo que temos que reivindicar, unha reivindicación que as institucións teñen que apoiar. Se queremos normalizar a lingua, temos que nos dotar de orgullo a nivel institucional. A min paréceme unha vergonza que Ana Kiro ou Andrés do Barro non teñan aínda unha estatua en Galicia, no caso de Andrés singularmente en Ferrol. A cultura popular é o termómetro do nivel de saúde da cultura dun país; se queremos a nosa cultura teña unha boa saúde, é fundamental valorar a eses pioneiros e pioneiras que se sacrificaron e dedicaron as súas carreiras a isto.
Andrés merece un Día das Letras Galegas e unha Medalla de Galicia, merece un recoñecemento que nunca tivo. O bo que ten Andrés é que é eterno, quero dicir, as súas cancións non van morrer, a súa música vai quedar sempre aí, e por iso Andrés é eterno dentro da cultura popular galega. Ese é o gran logro de Andrés.
"A min sorpréndeme moito a conexión que tivo Andrés coas distintas xeracións que viñeron despois. Hai que ter en conta que Andrés ten dous discos de homenaxe, realizados por artistas e bandas do país en dous tempos distintos"
Andrés, alén do éxito que acadou e na popularidade que acadou neses anos, abriu camiño para moitos outros artistas galegos que viñeron despois, mesmo na actualidade. Demostrou que iso se podía facer...
A min sorpréndeme moito a conexión que tivo Andrés coas distintas xeracións que viñeron despois. Hai que ter en conta que Andrés ten dous discos de homenaxe, realizados por artistas e bandas do país en dous tempos distintos: o Manifesto Dobarrista en 2007 e o que fixemos en Ferrol no ano 2021. Aínda despois, en 2023, os composteláns The Eskarallas fixeron Demoler o tren, na que mesturan O Tren de Andrés Do Barro e Demoler de Los Saicos. Podemos ver referencias e influencias moi claras, por exemplo entre Andrés Do Barro e as cancións de Emilio José.
O libro titúlase A xénese do pop en galego porque Andrés foi esa xénese. Andrés foi o primeiro que fixo pop en galego. E foi o primeiro fenómeno fan da cultura galega e en galego. Andrés Do Barro tiña clubs de fans por toda España, recibía miles de cartas semanais de fans, era portada de revistas tanto musicais como de prensa rosa, converteuse nunha icona pop.
"O libro titúlase A xénese do pop en galego porque Andrés foi esa xénese. Andrés foi o primeiro que fixo pop en galego. E foi o primeiro fenómeno fan da cultura galega e en galego"
Que pasa a partir dese segundo disco? Como pasa de ser unha estrela a sufrir o esquecemento durante anos?
Andrés é certo que era unha alma libre e que acabou mol farto de pregarse á industria. Aquí houbo varios problemas, un anímico, pois despois do segundo disco morre o seu pai e tamén un dos seus tíos, que era unha persoa moi próxima a el; Andrés entra nunha depresión e ten que parar a xira.
Ten mala sorte, ademais, coa elección dalgún dos seus managers; nun momento dado marcha a México para relanzar a súa carreira, pois alí tivera moito éxito no pasado, pero é estafado e as circunstancias cambian, con cinco fillos ao cargo e el traballando nunha sala de festas. Ese parón en México foi negativo para el. Volve a Galicia nos 80, pero é un momento complicado, no que non hai discográficas en Galicia e resultaba difícil gravar un disco.
Parece que pasa moito tempo, pero a realidade é que Andrés morre con 42 anos, moi novo. A cousa é que comezou moi novo, pois comezara a ter números un con 18 ou 19 anos. Nunha entrevista con Xosé Ramón Gayoso en Corazonada confésalle: “tes 18 anos, lévante a Marbella, lévante a Uruguai, es un monigote en máns da xente e chega un momento en que cansas e eu cansei”. E é certo que Andrés acabou moi canso de ser un títere máis na industria. É unha pena, posibilmente, que non pillara outros tempos, por exemplo se existira antes a TVG ou se houbera un maior desenvolvemento da industria discográfica en Galicia pode que Andrés puidera ter relanzado a súa carreira.
Vendeuse ese relato de heroe caído e parece que Andrés desaparece da faz da Terra no ano 1972, aínda que morre en 1989, parece que neses 17 anos Andrés non fixo nada. Pero eses anos, a etapa de Andrés en Belter, é a menos coñecida e é a que máis reivindico eu porque as cancións da etapa de Belter son totalmente brutais. Hai cancións de Bossa Nova, de Gospel, de folk americano, cancións máis costumistas e festeiras... Que pasou? Que Belter era un selo que tiña artistas como Manolo Escobar que vendían millóns de copias, mentres que Andrés vendía uns cantos centos de miles e importaba menos. Ademais, interesáballes menos ese lado intimista de Andrés, cando el cansa un pouco do exhibicionismo do pop e comeza a compoñer cancións de autor, como se ve nese disco de Belter ou nese cuarto disco do que en 2020 coñecemos algunhas cancións. Nese momento deixou de interesar a esa industria musical que movía os fíos a nivel comercial.
"Eu sempre o vin como unha figura comparable con Johnny Cash, porque hai moitas semellanzas estre ese heroe caído que despois de toda aquela etapa gloriosa co country sofre tamén as súas horas baixas, coa sorte de que apareceu Rick Rubin para dar lugar a aqueles American Recordings que o sacan do buraco"
Na entrevista que fixemos en 2015 dicías -así o poñías tamén no libro- que Andrés do Barro tiña máis en común con Johnny Cash que con Manolo Escobar, e reclamabas xa que se lle recoñecese ese papel de 'autor', por riba da imaxe que del se ten de 'intérprete' e de estrela pop...
Eu sempre o vin como unha figura comparable con Johnny Cash, porque hai moitas semellanzas estre ese heroe caído que despois de toda aquela etapa gloriosa co country sofre tamén as súas horas baixas, coa sorte de que apareceu Rick Rubin para dar lugar a aqueles American Recordings que o sacan do buraco e o devolven á condición de heroe americano. A mágoa é que Andrés non tivo ningún Rick Rubin que o rescatase nese tempo. Realmente foi unha mágoa porque hai grandes cancións de Andrés que ficaron inéditas en manuscritos; algunhas apareceron gravadas, que foron as que se rescataron hai uns anos, pero moitas outras non.
Hai moitas outras conexións con Johnny Cash. Por exemplo, Andrés tocou nun cárcere de Carabanchel, sempre estivo moi pegado aos desamparados. Tamén tocou en psiquiátricos, en hospitais infantís, fixo galas benéficas, era unha persoa moi empática e sensible.
A música de Andrés na etapa de RCA é un pop máis inmediato, pero xa na etapa de Belter estamos ante cancións máis intimistas, de saudades, máis introspectivas..., porque Andrés era unha persoa moi introspectiva. A min gústame reivindicar a súa figura como autor, abonda con mirar as sinaturas dos seus discos e das cancións que ten rexistradas ante a SGAE e o 95% teñen letra e música de Andrés, comezando polos seus catro números un. Isto para min é moi importante á hora de reivindicar a súa figura, porque non só foi un intérprete, como foron tamén Pucho Boedo ou Suso Vaamonde, senón tamén compositor.
"Se analizamos que cancións traspasaron as barreiras da cultura popular e se converteron en cancións populares da cultura galega, pois, ao final foron as de Andrés. Chegar a ser número un de vendas en toda a España en plena ditadura cunha canción en galego e que se coree en discotecas de toda España é algo moi difícil de facer"
Andrés recibiu algunhas críticas no seu momento procedentes dalgúns sectores politizados, por exemplo dende a contorna de integrantes de Voces Ceibes, que lle afeaban falta de compromiso políticos nas súas cancións. Isto pode ser un factor que explique tamén o feito de que non fose máis reivindicado nas décadas seguintes?
Aí hai que entender a situación que había e entender sobre todo que había un conflito que ten que ver con todo aquel desmonte das culturas tradicionais e populares que fai sobre todo a Falanxe e os seus coros e danzas. Iso fai que a cultura tradicional se vise dende algúns sectores como un desarme político da cultura galega.
Houbo algunhas críticas dende algúns sectores, que dicían que as cancións de Andrés estaba desarmando o poder político das cancións de Voces Ceibes. Hai que dicir, en todo caso, que Voces Ceibes non era un colectivo uniforme, houbo moitas disputas e disidencias. Suso Valmonde acaba tendo problemas tamén con Voces Ceibes, o mesmo que Xoán Rubia.
Pero se analizamos que cancións traspasaron as barreiras da cultura popular e se converteron en cancións populares da cultura galega, pois, ao final foron as de Andrés. Ese é o poder da cultura popular e do pop, que con cancións de tres minutos, frescas e tarareables, podes chegar a todo o mundo. Chegar a ser número un de vendas en toda a España en plena ditadura cunha canción en galego e que se coree en discotecas de toda España é algo moi difícil de facer.
"Andrés non era un autor que cantase cousas explicitamente políticas? Non. Hai que ter en conta tamén de onde vén, dunha familia da Armada, castelanfalante... E mesmo nesa contorna el colle unha guitarra e comeza a cantar en galego. Isto hai que valoralo"
No primeiro disco de Andrés el escribe: "Me llamo Andrés y soy Gallego, conocí un gallego que decía que le fastidiaba serlo porque se le notaba. A mí también se me nota, y me siento orgulloso. Adoro mi tierra norteña, verde y lejana, primitiva y olvidada, madre fertilísima de hombres que han ido sembrando sus vidas por tierras de España, Portugal, América... (...) Me llamo Andrés Lapique Do Barro y os presento unas cuantas de mis canciones. Hoy son en gallego porque así las he sentido y porque quiero colaborar con todo interés y cariño a dignificar mi idioma materno, caído durante muchos años en el más cruel menosprecio, orgulloso de pertenecer a esta juventud que creemos en el futuro de estas tierra”. Xa me dirás se isto non é política.
Andrés non era un autor que cantase cousas explicitamente políticas? Non. Hai que ter en conta tamén de onde vén, dunha familia da Armada, castelanfalante... E mesmo nesa contorna el colle unha guitarra e comeza a cantar en galego. Isto hai que valoralo.
Ademais, Andrés tamén sofre a censura. Cando presenta a letra de O tren, en galego, a canción queda rexeitada, non se lle permite publicala. Despois, preséntaa en castelán e tampouco pasa a censura. Finalmente presenta a canción e di que está escrita en portugués e aí si que burla a censura. Hai moitos aspectos que se descoñecen de Andrés, hai moita lenda urbana e cousas que se contan mal.
"Os casos de Andrés do Barro e Serrat son moi rechamantes. As causas non as sei, tamén é certo que eu foron casos de artistas excepcionais que traspasaron as xeracións e que conseguiron chegar ao corazón da xente"
Como se explica que Andrés do Barro acadase catro número un en plena ditadura cantando en galego? E, ademais, que tamén o fixese Serrat. Como é posible que isto sucedese nun momento de persecución e falta de recoñecemento para o galego e o catalán e non sucedese -agás nalgún momento excepcional- nas décadas seguintes, xa en democracia?
Si que é certo que nese momento no que se supón que había unha censura moi marcada e unha persecución contra as linguas distintas do castelán, houbo números un en galego ou catalán. E é certo que agora parece moito máis complicado isto. Ademais, hai que ter conta outra cousa: que eran números un de vendas nun momento que as vendas eran unha loucura con centos de miles de copias vendidas, non como agora.
Os casos de Andrés do Barro e Serrat son moi rechamantes. As causas non as sei, tamén é certo que eu foron casos de artistas excepcionais que traspasaron as xeracións e que conseguiron chegar ao corazón da xente.