“O poder é poder de morte neste momento”. Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) considera que a encrucillada na que estamos “era algo anunciado”. Analizando as últimas décadas, vai ata os anos setenta para valorar a aniquilación de todo vestixio do “movemento de liberación” que houbera nos sesenta e a posibilidade do que se chamaba “un mundo multipolar”. Aí empeza a fraguarse o que agora coñecemos como neoliberalismo e esa gran concentración de poder financeiro e de poder militar que temos. “Agora o gran poder é o que ten a máquina de destrución máis forte: é Israel e son os EUA, é así. Cousa que como tal non se chega a dar en ningún outro momento da historia”.
Todos estes movementos inflúen en profundidade na creación da mentalidade da poboación. “Nos oitenta intentaron que nos afastásemos da política, que nos dedicásemos a unha vida de confort.... E logo está a cuestión do fútbol, con esa mafia interna que estamos agora coñecendo, que se converteu nun continuo”, advirte, para dar conta de que a creación dun sistema mediático dependente tamén é unha peza fundamental deste ecosistema.
“A finais dos oitenta falábase do ‘xornalista doce’, aquel que se deixaba engaiolar”, lembra Ledo, que conta como os códigos deontolóxicos da profesión xornalística comezaban a advertir das distintas maneiras que había de ‘mercar’ a un xornalista por parte dos poderes. A evolución a partir dos anos noventa e a primeira guerra de Iraq, para a xornalista, cineasta, poeta, catedrática de Comunicación Audiovisual e ensaísta xa é unha concatenación de feitos en cascada e a toda velocidade que nos levan ao que enfrontamos hoxe: “O de agora é a fin de partida deste movemento. Ou ben hai un retroceso moi forte, no que se impón o fascismo; ou ben hai unha oportunidade de buscar unha saída, que é un cambio de modelo”.
“Ou hai unha volta atrás, que vai ser dramática, ou hai un xiro”, incide Ledo Andión. E un xiro para ela é a vitoria de Lula da Silva nas recentes eleccións do Brasil. “É a demostración de que se pode reverter o algoritmo”, asevera de maneira apaixonada. “En Galicia a mensaxe de esperanza é que se parou Altri”, concede. “A catástrofe é o meu. Aprendín a moverme nas catástrofes”, afirma a lucense. O seu exemplo é claro, como sinala Eva Veiga, “hai que facer como Margarita, erguernos na catástrofe”.
Este xoves viviuse no Consello da Cultura Galega unha xornada de análise e reflexión arredor da obra de Margarita Ledo, e tamén de celebración dos afectos. O punto de vista involucrado no feito. Margarita Ledo Andión foi o título que lle deron dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, que quixo homenaxear á artista da Terra Chá no marco do ciclo De pioneiras e andainas, iniciado hai dezasete anos coa poeta Xohana Torres.
"Eu na pandemia non me sentín pechada. De todas as experiencias sacas algo e eu na clandestinidade habitueime a estar pechada", contou Margarita Ledo
A xornalista Mar Mato entrevistouna para tratar de repasar os feitos que marcaron a súa carreira dende a infancia. A prematura morte do pai nun accidente de coche no que tamén viaxaba ela, a fraxilidade das súas irmás maiores, a educación igualitaria que recibiron na súa casa e a figura da nai, coa que tivo que aprender a entenderse por seren ambas mulleres de fortes conviccións. “Non me deixaba cortar o pelo, a ela gustáballe a melena. E tardei moito en cortalo. Cando pasei á clandestinidade mandábame mensaxes de que non depilara as cellas, e non as depilei! Ela impoñía moito o seu criterio, entón, tardas máis en establecer ese afecto ‘automático’. Obviamente era unha muller dunha coraxe extraordinaria, que vivía con moita empatía o que facían os seus fillos e foi unha axuda moi grande”, recordou Ledo cunha anécdota que fixo sorrir a toda a sala.
Aínda non sabemos cantas veces cruzou o río Miño naqueles anos finais da ditadura franquista e de inicio da chamada Transición, pero si que o fixo con métodos que considera “inacreditables” e, se cadra, hoxe practicamente inverosímiles. É Saleta Goi quen a convida formalmente a entrar na UPG, despois de que ela lle escribira un poema a Manuel María dende Barcelona para preguntarlle como podía entrar en contacto coa organización, da que soubera estando en Catalunya. Aqueles primeiros anos de significación política cualifícaos agora como “a etapa doce”, cando tiña todo un sistema para que lle chegara propaganda dende Galicia a Catalunya e repartila alí, incluíndo a complicidade dunha traballadora da galería de Sargadelos daquela época, que lle gardaba o material.
Claro que pide non ‘romantizar’ eses tempos, pois despois tivo que marchar a Portugal tras permanecer meses pechada nun piso da Avenida dos Mallos da Coruña, escondida e recibindo só a prensa e algo de comida sen poder falar con ninguén. “Eu na pandemia non me sentín pechada. De todas as experiencias sacas algo e eu na clandestinidade habitueime a estar pechada. De feito, agora cando teño que concentrarme moito nun traballo gústame ir para a casa de Castro de Rei e pecharme alí sen que nada me moleste”, razoa Ledo, que chegou a Porto en medio do “spinolazo” e a levaron a unha barricada baixo a ponte Don Luís I para controlar se pasaban fascistas: “Quedei cos ollos abertos tres días”.
O mesmo día no que asasinan a Moncho Reboiras en 1975, a policía estaba agardando por Margarita Ledo no enterro da súa irmá Amparito. Ela cruzou o Miño e chegou ata Vigo, pero lograron avisala do perigo e tivo que dar a volta, nunca chegou ao enterro. As lembranzas daqueles días deben ser agridoces en moitos aspectos, mais sen dúbida configuraron a personalidade dunha muller que xa chegou ao mundo coas ideas moi claras e que quixo ser xornalista dende moi pequena. Foi a primeira muller en dirixir (1977-1980) o xornal semanal A Nosa Terra, cabeceira que logra recuperar nun intento por manterse na profesión tras non atopar traballo na prensa escrita ao regreso do exilio.
Tivo que abandonar o xornalismo, ou o xornalismo abandonouna a ela. Reconduciuse, de novo na Universitat Autònoma de Barcelona, e especialízase en fotoxornalismo. Todo o seu periplo vital está agora ao noso alcance grazas á cartografía realizada polo equipo do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG e que se pode consultar no seu sitio web, xunto aos máis de 200 documentos con referencias á súa biografía, á súa obra cinematográfica e escrita. Buscaron poñer ao dispor do público aquela obra de Ledo Andión que non estaba dixitalizada e accesible, segundo explicou Mariám Mariño, que deu conta de dúas curtametraxes que a artista lles cedeu e que xa se poden visionar: Para Líster (2007) e Illa (2008), en homenaxe ás republicanas exiliadas.
"A arte e o traballo intelectual serven para abrir outras vías de coñecer e de sentir, por iso a súa pegada é transformadora. Sempre estivo na vangarda e sempre vai estar", salienta Eva Veiga
Na vangarda do cinema
Carmen Ciller, socia de Margarita Ledo na produtora audiovisual Nós, profesora da Universidad Carlos III de Madrid e directora na mesma universidade da Escuela de Posgrado de Humanidades y Comunicación, encargouse de debullar a cinematografía da homenaxeada. Dende a vontade de axitar conciencias da súa primeira longametraxe, Santa Liberdade, pasando polo retrato poliédrico do histórico militante comunista de Liste, pronunciado Líster.
O que Ciller chamou o “ciclo da memoria” péchase con A cicatriz branca, onde brilla unha Eva Veiga que agradeceu o “privilexio” de interpretar a “unha muller que tiña que loitar contra os seus propios límites”. “Con Margarita mudei a camisa varias veces. Transformarnos. Reconverternos. É das cousas polas que máis paga a pena vivir”, salientou a poeta.
Veiga celebrou o distinguido proceder ético e estético de Margarita Ledo, de quen destacou que sabe “compartir o seu saber e o seu talento coa naturalidade de quen partilla viño”. “A arte e o traballo intelectual serven para abrir outras vías de coñecer e de sentir, por iso a súa pegada é transformadora. Sempre estivo na vangarda e sempre vai estar, regresando ás pegadas do vivido”, detallou.
"Hai algo verdadeiramente estimulante no estilo cinematográfico de Margarita que é que ela non se acomoda a unha linguaxe xa conquistada, as súas películas seguen procurando novas formas de expresión e demostrando que a madurez artística non ten por que significar estabilidade", di Xisela Franco
“A partir de A cicatriz branca, a directora toma unha decisión, que marcará o resto da súa carreira, comprometéndose cos relatos das mulleres galegas”, relatou Carmen Ciller, que puxo en valor o ensaio que Ledo publica en 2020, El cuerpo y la cámara, en paralelo á estrea do seu xa icónico filme Nación.
“Lembro estar no cine, unha compañeira e mais eu, fundidas nas butacas, que non podiamos parar de chorar. Coa certeza de que nós somos elas, ese lema que a partir desta película inundará o seu cinema”, contou Ciller sobre a película que recupera a dignidade das traballadoras de Pontesa. Do imperio das mulleres de Nación, Ledo Andión pasou á reivindicación do desexo en Prefiro condenarme, “un cine político que representa a aquelas que loitaron polos dereitos aínda non escritos”, definiu a profesora, que non esqueceu un dos últimos proxectos da lucense, a Fundación Margarita Ledo Andión na Casa da Galería en Castro de Rei, declarada de Interese Cultural pola Consellería de Cultura.
“Hai algo verdadeiramente estimulante no estilo cinematográfico de Margarita que é que ela non se acomoda a unha linguaxe xa conquistada, as súas películas seguen procurando novas formas de expresión e demostrando que a madurez artística non ten por que significar estabilidade, senón que pode seguirse nun territorio de experimentación e risco”, razoou Xisela Franco, cineasta e profesora da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que está a piques de ler a súa tese de doutoramento, que lle dirixen a propia Margarita Ledo e Mar Caldas.
"O que fixo Ledo coa súa narrativa foi furar o silencio. Cando Margarita publica 'Mamá-Fe' tan só nove escritoras publicaran un libro de narrativa en galego", sinala Lorena Souto
Franco rodou a peza audiovisual Margarita Ledo. Parolar cun eu, na que procuran as voces das traballadoras que aínda habitan as ruínas da abandonada fábrica de porcelana Álvarez, en Vigo. “Desafiar ao Estado, desafiar aos corruptos fixérono elas, as miñas Antígonas”, afirma Ledo nesta fermosa peza. Non é casualidade que este xoves dixera que “o feminismo libera a toda a humanidade”.
A escrita de Margarita Ledo
“O que fixo Ledo coa súa narrativa foi furar o silencio. Cando Margarita publica Mamá-Fe (Edicións Xerais) tan só nove escritoras publicaran un libro de narrativa en galego”, revelou Lorena Souto, que traballou coa narrativa de Ledo para a súa tese de doutoramento. É dicir que entre 1920 e 1983 nove mulleres publicaran narrativa na nosa lingua.
“A partir do ano 2000 foi cando comezou a crearse un espazo para as narradoras en galego”, apuntou Souto, quen confesou que a novela Trasalba ou Violeta e o Militar Morto (Edicións Xerais, 1985) foi o seu crush da tese porque como nun quebracabezas encaixa a historia do galeguismo a comezos do século XX, as vangardas europeas e as historias de vampiros. “Encaixan –incidiu– pero tes que facelo ti, non cho dan feito”.
Margarita Ledo, que comezara a súa andaina literaria publicando o poemario Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, despois de Porta blindada (1990) deixa de publicar narrativa. “Deixei de escribir por sentirme fóra da literatura que se facía”, contestou en 2013 nunha entrevista en Galiza Ano Cero.
"Unha rampa de lanzamento"
A súa afouteza é unhas das cualidades que máis salientan as que foron as súas alumnas. Como primeira decana da Faculta de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela converteuse nunha referente para as xeracións que viñeron despois.
A escritora Rosa Aneiros levounos con ela de volta ás aulas de Mazarelos, que Ledo converteu en “cédula de universalidade”. Lembrou a súa “docencia descarada, suxestiva e provocadora” e como as axudou a “ensanchar as marxes” e “ollar polas fisgas”. A pesar de que nunca deixaron de temela un pouco pola súa “presenza desafiante”. “Margarita aprendeume que a imaxe é moito máis que unha imaxe, é un corpo, unha forma de amor, de liberdade”, compartiu Soliña Barreiro, profesora na Facultade de Comunicación da USC.
Tareixa Navaza: "Margarita Ledo Andión é como o Cabo Cañaveral, porque alí a NASA lanza foguetes e fai estudos e avances aeroespaciais; e Marga é unha rampa de lanzamento, é a lanzadeira de proxectos e ideas que algunhas chegan a bo porto e outras non, pero fai un labor titánico"
En 1974, na inauguración do Monumento ao Afiador, de Xosé Cid Menor, na rúa Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, con Otero Pedrayo como mestre de cerimonia, coincidiron as xornalistas Margarita Ledo e Tareixa Navaza. A primeira tomaba notas para o artigo que escribiría no xornal El Ideal Gallego, “é a primeira vez que vai saír nun xornal unha nova en galego” lembra Navaza, que estaba alí co seu magnetófono para Radio Galicia, a actual Cadena Ser. Dúas mulleres nun acto no que só había homes. “Parecemos do KGB”, díxolle Navaza a Ledo aquel día, que quedou inmortalizado nunha imaxe para a historia do país (incluída na cartografía de Ledo no CCG). “Como dúas palmeiras nunha illa deserta, rodeadas de señoros”, resumiu este xoves Navaza.
Aquel día estaba fraguándose unha amizade que chega ata hoxe. Manifestacións, concertos de Lluís Llach, reunións no Senado, momentos compartidos coa familia, accións do movemento feminista, cafés para compartir risas... Toda unha vida... e incluso unha laudatio, a que Navaza lle dedicou en 2017 nunhas xornadas arredor de Otero Pedrayo en Compostela, nas que Ledo interviña como primeira muller en recibir o premio Otero Pedrayo: “Margarita Ledo Andión é como o Cabo Cañaveral, porque alí a NASA lanza foguetes e fai estudos e avances aeroespaciais; e Marga é unha rampa de lanzamento, é a lanzadeira de proxectos e ideas que algunhas chegan a bo porto e outras non, pero fai un labor titánico”. Como concluíu Tareixa Navaza, nesta xuntanza con Margarita Ledo “cargamos as baterías para as batallas” que están por vir.