"No feito está inscrita a experiencia da mirada. O punto de vista que sabe das palabras, pero tamén dos corpos e dos afectos. Escrita, cine e política da experiencia". Así sintetiza o CCG a traxectoria de Margarita Ledo, á que homenaxean este xoves coa xornada aberta 'O punto de vista involucrado no feito'
"A óptica de Margarita Ledo sempre é diferente e fainos pensar. Ela ten unha visión da corporalidade, do feminino, do traballo das mulleres, da emigración... que non é a clásica ou habitual, senón que sempre busca ese punto de vista encarnado no feito", celebra Carme Adán, quen coordina a xornada Margarita Ledo Andión. O punto de vista involucrado no feito, que se enmarca no ciclo De pioneiras e andainas, impulsado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, centrado na recuperación, conservación e difusión da memoria e do pensamento das mulleres do país e do movemento feminista.
Unha xornada única que se celebra este xoves, 29 de outubro, na que se abordarán todas as achegas de Margarita Ledo á cultura ao longo da súa traxectoria, tanto dende o xornalismo como dende a poesía e o audiovisual. A oportunidade de debullar o seu traballo con expertas e compañeiras, e facelo coa propia artista presente, que será entrevistada pola xornalista viguesa Mar Mato.
Carme Adán salienta que foi pioneira en moitos eidos. Comezando polo cinema galego, no que ademais crea escola. Nesta xornada participarán cineastas como Xisela Franco e Adriana Villanueva, de Illa Bufarda. Carmen Ciller, profesora da Universidad Carlos III de Madrid e directora na mesma universidade da Escuela de Posgrado de Humanidades y Comunicación, impartirá a conferencia Margarita Ledo Andión, cineasta da nosa memoria.
Co filme Nación (2021), Margarita Ledo logrou devolver á actualidade a loita que mantiveron as traballadoras da fábrica de louza Pontesa polos seus dereitos. Mostrou ás novas xeracións, apoiada en testemuñas e documentos, que a loita obreira tamén foi das mulleres. Máis recentemente, en Prefiro condenarme (2024), pasou da defensa dos dereitos colectivos ao individual, explorando a heroicidade dunha mariscadora da ría de Ferrol que vogou pola igualdade na ditadura franquista dende a convicción do seu dereito ao amor e ao desexo.
Carme Adán, Eva Veiga, Tareixa Navaza, Xisela Franco, Rosa Aneiros, Carmen Ciller, Lorena López, Rexina Vega, Soliña Barreiro, Adriana Villanueva, Belén Puñal, Mariám Mariño e Mar Mato acompañan a Margarita Ledo nesta xornada do ciclo 'De pioneiras e andainas', impulsado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
Santa Liberdade (2004) foi a súa primeira longametraxe, na que recuperou a memoria do secuestro do buque 'Santa María' en xaneiro de 1961, cando antifascistas galegos e portugueses se organizaron con fin de denunciar as ditaduras de Franco e Salazar, e lograron ser reconecidos en medio mundo. En Liste, pronunciado Líster (2007), traza un retrato fragmentario do dirixente militar republicano Enrique Líster no que denomina "un palimpsesto con todos os Líster posibles". A forzosa migración de moitas mulleres galegas nos inicios do século XX centra a trama do filme A cicatriz branca (2012).
No xornalismo, Ledo Andión participou en proxectos estimulantes como A Nosa Terra, que dirixe, e convértese na primeira decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, da que é catedrática emérita de Comunicación Audiovisual e na que impulsou o Seminario Permanente en Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO, entre outras moitas accións. Ledo é académica da Real Academia Galega dende 2009.
"É moi poliédrica, moi polifacética e sempre moi innovadora. Cunha óptica feminista desde o principio da súa carreira, pensemos que é a persoa que deseña, por exemplo, a capa do primeiro número da revista A Festa da Palabra Silenciada, que temos recollida nos fondos do propio Consello da Cultura, no CDIF", agrega Carme Adán, para engadir que este recoñecemento "é moi merecido" e, incluso, se cadra chegue un pouco tarde.
A militancia de Margarita Ledo levouna a ter que cruzar a Portugal para salvar a vida e a uns anos de exilio que marcaron a súa vida. Puido traballar como xornalista en Catalunya, onde tamén continuou a súa formación e se achegou ao eido audiovisual. Ela é, como destaca Carme Adán, unha das primeras mulleres que participa activamente en política na Transición. Unha testemuña próxima do que significa a palabra represión e de como combatela, tamén nestes tempos.
"É moi poliédrica, moi polifacética e sempre moi innovadora. Cunha óptica feminista desde o principio da súa carreira", salienta Carme Adán sobre Margarita Ledo
"No feito está inscrita a experiencia da mirada. O punto de vista que sabe das palabras, pero tamén dos corpos e dos afectos. Escrita, cine e política da experiencia. Así poderiamos sintetizar anos de traballo incesante, de abrir camiños para a democracia e o recoñecemento nacional de Galicia. Abrir camiños para as mulleres cineastas, para un xornalismo de país que recolla nos feitos os puntos de vista daquelas que respiraron nas marxes", explican no CCG sobre a xornada.
Este xoves están previstas dúas conversas: na sesión da mañá Furar os silencios, moderada por Rexina Vega, coa participación da cineasta Xisela Franco e das escritoras Lorena López e Rosa Aneiros; e pola tarde A doa que rola, coa xornalista Tareixa Navaza, a escritora e poeta Eva Veiga (colaboradora en moitos dos filmes de Ledo), a profesora da área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC Soliña Barreiro e a produtora creativa de Illa Bufarda Adriana Villanueva moderadas por Belén Puñal.
Ademais, a antropologa Mariám Mariño Costales presentará na xornada O punto de vista involucrado no feito unha Cartografia de Margarita Ledo Andión. Toda a información sobre o programa e a inscrición previa (de balde) pode consultarse no sitio web do CCG.