Unha ducia de Grandes momentos da televisión en Galicia
Levamos máis de 40 anos de televisión en Galicia. O Centro Territorial de TVE comezou as súas emisións o 25 de xullo de 1971 e catorce anos despois arrancaba a TVG. Dende entón estas dúas cadeas, e máis adiante as canles locais e a TDT, veñen rexistrando a memoria visual de Galicia, ademais de ofrecernos algúns imaxinarios e referentes culturais compartidos por todos os galegos e galegas. De Gayoso ao Xabarín, pasando por Galicia Sitio Distinto ou Tareixa Navaza. Do enterro de Castelao e as tetiñas free a Nunca Máis.
-
01
Nunca Máis no Luar
O Prestige acababa de afundir e o chapapote estaba chegando á costa. Un grupo de persoas interveu durante uns segundos o Luar para pedir a dimisión do Goberno. Un momento que Gayoso sinala como "un dos máis gratos" da súa carreira.
-
02
John Balan, o home orquestra
A televisión galega nos oitenta tería medios escasos, pero moita imaxinación e espazos e momentos realmente sorprendentes. Como eran aqueles nos que aparecía John Balan, que chegou a ter un sketch propio no show Adiviña quen vén esta noite. Manuel Outeda faleceu en 2008.
-
03
Enterro de Castelao en Bonaval
Aínda impresiona ver as imaxes dos incidentes que se produciron ás portas do Panteón de Galegos Ilustres o 28 de xuño de 1984. E escoitar a Tareixa Navaza, que continuou narrando as imaxes (que non se cortaron en ningún momento, por orde de Alexandre Cribeiro, que perdeu por este motivo o seu cargo de director de TVG-G). Durante a retransmisión o poeta Uxío Novoneyra abriu a porta da unidade móbil de TVE e deulle a Tareixa un artigo que levaba para publicar en prensa para que o lera en primicia no directo.
-
04
Sue Ellen non estaba mala
Había que falar de Sue Ellen e de Dallas e desa frase: "Estás bébeda, Sue Ellen", que se converteu nun símbolo das dobraxes da galega, ás veces empregado cun sentido pexorativo. E logo por que non podía falar en galego un multimillonario empresario do petróleo?
-
05
Un sitio moi distinto
Botamos de menos Galicia Sitio Distinto, miramos eses vídeos e vemos un país moderno, creativo, que se arriscaba, que inventaba. O programa, creado e dirixido por Antón Reixa, emitiuse entre 1990 e 1991, e por aí andaban tamén Carlos Blanco, Xurxo Souto, Rodrigo Roel, Cid Cabido ou Bernabé Ndongo. Música, entrevistas e coches de choque e grandes momentos, coma unha entrevista que en 1991 Reixa lle fixo a un camioneiro de Valverde do Fresno, en Cáceres, que si, falaba galego, coma todos naquel val do norte de Estremadura.
-
06
Tetiñas Free
Hai case trinta anos TVE recolleu a tensión que en Baroña e noutras praias se viviu entre algúns veciños, encabezados polo crego local, e grupos de nudistas, encabezados por Miguel Cancio ou Pedro Arias, nun movemento que denominaron Tetiñas Free.
-
07
Moita kaña
No ano 2000 moitos descubrimos o Leo i Arremecághona nunha actuación no Que Serán! de Paco Lodeiro e Xosé Manuel Pereiro. Vestido de faralaes e cunha personalidade escindida entre a copla andaluza e o rock combativo.
-
08
Bombeiros moi ben dotados
Nas televisións locais tamén se atopan grandes momentos televisivos, como estas imaxes de Telecoruña nas que o daquela concelleiro municipal Carlos González Garcés non pode deixar de rir, despois de falar da "dotación" do corpo de bombeiros.
-
09
"Se ponían voluntarias"
Quen non imitou algunha vez a José Tojeiro? Quen non dixo aquilo de "Me echaron droga en el colacao"?. Este home de Cariño converteuse moi ao seu pesar nunha celebridade en youtube.
-
10
As chamadas inoportunas de Gayoso
Gayoso ten malas experiencias co directo, e sobre todo se chama ao chou a un domicilio de Oleiros ás doce da noite.
-
11
Os novos
Os doce capítulos de The Young Ones emitidos a finais dos oitenta na TVG causaron sensación. Tanta que nos anos seguintes ducias de cartas pedíronlle á dirección da CRTVG a súa reposición. Sobre todo despois da vitoria do bipartito en 2005. Así se fixo, iso si, cunha nova dobraxe, debido a un protocolo interno que obriga a gravar de novo as voces das emisións anteriores a 1990.
-
12
Los Enemigos en Galicia
Os concertos que Los Enemigos ofrecerán, a finais de abril en Vilagarcía e en xuño en Ourense, son un bo momento para recuperar esta reportaxe de TVE-G, con Tuchiño como reporteiro.
-
13
O peche, para Akira Toriyama
E se falamos de referentes xeracionais, poucos tan importantes como Bola de Dragón, e esta sintonía de apertura que animaba as tardes da Galega e do Xabarín Clube