Mil cartas polo Nadal para que os maiores dunha residencia "comprendan que a súa vida segue tendo sentido"

Exterior da residencia de maiores Campolongo de Pontevedra © Google Maps

O centro de maiores Campolongo de Pontevedra pon en marcha unha campaña para que os seus residentes reciban unhas palabras de agarimo nas festas de Nadal, "o tempo máis triste" para eles, para o que contan coa colaboración do alumnado da UNED

As residencias de maiores están moito máis presentes no debate social desde a pandemia da COVID, na que experimentaron a peor parte dun virus para o que as persoas de maior idade foron especialmente vulnerables antes da chegada das vacinas. Agora, no contexto das celebracións do Nadal, unha residencia de Pontevedra fai un chamado a non esquecer ás persoas maiores que están alí e non teñen familiares cos que pasar as festas

A residencia pública da terceira idade de Campolongo, en Pontevedra, impulsa a campaña 'Mil cartas en Navidad' coa colaboración da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) para transmitirlle aos maiores que viven alí que non están sós. "Quero unha choiva de agarimo en forma de cartas, de mensaxes, de felicitacións, de fotos. Misivas cheas de agarimo nas que lles fagades saber que contan convosco, que non os esquecedes. Fotos, recordos, amor a granel para que comprendan que a súa vida segue tendo sentido. Mil pingas de amor que xeren unha choiva que os empape de nova enerxía. Dicídelles que non están sós. Dicídelles que sodes nós, que somos vós!", pide o director do centro, Juan José López Peña.

Desde o centro de maiores de Campolongo animan á poboación a dirixirse aos seus residentes para "xuntos, atopar de novo un camiño común que nos faga máis libres e nobres. Cantos libros podemos escribir coa nosa vida? Por que nos empeñamos en crer que o onte pesa máis que o mañá? Non podemos seguir soñando cun mundo perfecto?".

Din que o Nadal é "o tempo máis triste" alí, por iso piden recibir mil cartas dirixidas aos residentes da residencia de maiores de Campolongo no seu enderezo: Avda. María Victoria Moreno, número 26 - 36003 Pontevedra. 

"Vós, rapaces, sodes invencibles. Non tedes máis que futuro, pero a vida é só un instante e, co paso dos días, todos empezaredes a notar que o peso de pasado e do futuro equilíbranse. Logo, ao final, a vida é como un libro calquera, coa maioría das páxinas lidas. É entón cando constatamos cos dedos o final que irremediablemente se achega. Que nos falta? Non nos falta vida, asegúrovolo. Non nos faltan ganas, alegría, risas nin esperanzas. Neste universo noso non nos falta nada; seica nos doe o que nos sobra: soidade", debulla o director de Campolongo nunha carta aberta na que pide que a sociedade non volva mirar cara a outro lado e esquece aos maiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.