É un dos maiores procesos policiais e xudiciais contra a explotación de mulleres mediante o proxenetismo en todo o Estado. Estourou hai máis dunha década por orde do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, que naquela altura dirixía a agora sancionada xuíza Pilar de Lara, e a considerada como peza central chegaba esta semana a xuízo na Audiencia Provincial lucense.
A redución das condenas chega tras un acordo entre as partes
Sobre a mesa había peticións de condena da Fiscalía que sumaban máis de 500 anos de prisión para os que, segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, eran os proxenetas que controlaban o negocio, José Manuel G. e José Manuel P. (máis de 200 anos cada un) e mais unha muller encargada de captar as mulleres explotadas, segundo a investigación. No entanto, un acordo entre as partes reduce as condenas a apenas dez anos, tal e como adiantara o xornal El Progreso. Nel tiveron notable peso as dilacións na instrución de De Lara.
Mentres, ás portas da Audiencia lucense, o colectivo feminista Impunidade Carioca esixía "xustiza e reparación" para as vítimas e amosaba o seu rexeitamento ao acordo, este quedaba selado. Serán apenas 6 anos de prisión para o considerado como líder da trama -que seguiu a sesión dende a prisión na que cumpre condena por violencia machista- e algo máis de 3 anos para o seu 'número dous' (que non os cumprirá porque xa estivo máis tempo en prisión preventiva).
O escrito de acusación da Fiscalía atribuía aos procesados delitos contra os dereitos da cidadanía estranxeira, prostitución coactiva, contra os dereitos dos traballadores, ameazas, tenza ilícita de armas e contra a saúde pública
Estas serán, segundo o acordo, os reproches penais por máis de media ducia de tipos cometidos, segundo a Fiscalía, polos acusados. Concretamente, segundo o escrito, debían responder por un delito contra os dereitos da cidadanía estranxeira, 54 delitos (un por vítima) de prostitución coactiva, case unha trintena de delitos contra os dereitos dos traballadores, dous delitos continuados de ameazas, un de tenza ilícita de armas e outro, contra a saúde pública nun establecemento aberto ao público.
É a propia Fiscalía a que resume os feitos que non chegan a ser axuizados. O negocio de ambos proxenetas, dá por probado o Ministerio Público, consistía en "localizar mulleres brasileiras que se atopaban no seu país" en "precaria situación económica, persoal e familiar" para que "viñesen exercer a prostitución nos clubs Queens e La Colina", en Lugo e Outeiro de Rei. A muller acusada no caso, indica o escrito, era a encargada de organizar as viaxes mediante unha axencia de viaxes do Brasil, polas que as mulleres "contraían unha débeda de aproximadamente 3.000 euros".
"Crearon un clima de terror caracterizado pola agresividade dos acusados", segundo o escrito de acusación
O pagamento desa débeda, indica o escrito, debíano realizar exercendo a prostitución nos locais dos acusados, os cales "crearon un ambiente de violencia, xerando un clima de temor, caracterizado pola agresividade dos acusados". Era "habitual", mantén a Fiscalía, que o considerado como líder da trama "portase de forma intimidatoria armas que en ocasións levaba no cinto" ou "lanzase coitelos, atemorizando as mulleres", que "se vían obrigadas a continuar" exercendo a prostitución "ante o temor das consecuencias" no caos de "deixaren o local".
A plataforma 'Impunidade Carioca' censura o acordo e cre que a Fiscalía reduce a feitos puntuais unha rede de "violencia extrema" contra as mulleres
"Dende o ano 2005 e ata o ano 2009", resume o escrito de acusación, "víronse obrigadas a permaneceren no exercicio da prostitución baixo as condicións de horarios e prezos impostas polos acusados" e "carecían de liberdade sobre as condicións" en que o facían, caracterizadas pola súa "extraordinaria dureza". "Dada a dureza das condicións, algunhas mulleres iniciáronse no consumo de droga para poder sobrelevar a situación", resalta antes de describir ameazas, nalgúns casos de morte, contra algunhas das vítimas.
Foi no ano 2009 cando o estourido do caso, no que tamén foron implicados membros da forzas de seguridade -noutras pezas xa arquivadas-, derivou en rexistros e peche dos locais, así como en intervencións policiais nas vivendas dos procesados. Alí foron atopadas fortes sumas de cartos, ademais de armas e drogas. Para a plataforma Impunidade Carioca, o resultado do proceso permite dar por acreditado que o propio Ministerio Público reduce a feitos "puntuais" unha rede de "violencia extrema" e proxenetismo e tamén, censuran, minusvaloran o papel clave das testemuñas, algunhas delas protexidas. O documental Benvidas ao club (Carmen PG Granxeiro, 2018) debullou este caso.