"Pinto d'Herbón representa o triunfo de Rosalía"

Cartaz do acto Dominio Público Fundación Rosalía de Castro

A Casa-Museo de Rosalía acolle este sábado un acto titulado Coroa poética para o Pinto d’Herbón, no que distintas persoas da cultura e ligadas ao movemento bravú lle renderán homenaxe a este regueifeiro. Pinto fíxose popular a través do programa Sitio Distinto co tema "Nitramón, 15, 15, 15" e converteuse nun dos símbolos do movemento. É  autor doutros temas como "Paviméntame" ou "A motoserra". Xunto con Luís Correa O Caruncho realiza unha interesante experiencia de obradoiros de elaboración de regueifas entre o estudantado do ensino medio, contribuíndo a espallar a música tradicional galega xunto coa construción de versos en galego.

Pinto será coroado como poeta, como se fixo con Curros Enríquez na Coruña, e será coroado, ademais, cunha coroa de pementos

Os actos comezarán ás 11 da mañá en Herbón, cunha comitiva con gaiteiros que sairá andando desde a casa do Pinto cara a Casa-Museo. Alí, ao chegar á Matanza a comitiva será recibida pola propia Rosalía de Castro rediviva, interpretada por Paola Beiro (Garotas da Ribeira), que conducirá os e as participantes (está confirmada a presenza, entre outros, de Xurxo Souto, Manuel Rivas, Luís Correa O Caruncho ou Carlos Alonso, da Asociación Oral de Galicia) por distintos lugares da casa, lembrando momentos da vida de Pinto d’Herbón. A visita rematará no patín da Casa da Matanza, onde Pinto será coroado como poeta, como se fixo con Curros Enríquez na Coruña, e será coroado, ademais, cunha coroa de pementos. Recibirá o título de gran poeta contemporáneo, e se alguén quere poñelo en dúbida poderá facelo, pero regueifando.

"O acto terá moita vehemencia, pero moito decoro e unha estética e unha beleza formal absolutas", destaca Xurxo Souto, un dos impulsores dunha homenaxe que lle debe moito, sobre todo, a Sofía Tarela, a outra integrante das Garotas da Ribeira. Para Souto, esta homenaxe "era evidente". "El vive a mil metros da casa de Rosalía, polo que tiña que haber un diálogo Pinto d'Herbón – Rosalía de Castro", explica. "Pinto d'Herbón representa o triunfo de Rosalía. No século XIX ela escribe Cantares Gallegos, onde reivindica a literatura popular do entorno. E no século XXI un artista popular do entorno demostra que esa palabra segue viva en clave de creatividade", destaca.

"El vive a mil metros da casa de Rosalía, polo que tiña que haber un diálogo Pinto d'Herbón – Rosalía de Castro"

Xurxo Souto enmarca este acto no conxunto de celebracións polo 20 aniversario do nacemento do movemento bravú, dende a sección que o Festival de Cans lle dedicou ao Bravú, a Festa de Xosefa dedicada a Xosefa de Bastavales e organizada pola Gentalha do Pichel, até a “apoteose” do Festival Revenidas. “Faltaba ese enxeño absoluto que era Pinto d'Herbón, que nos acompañou en tantos momentos, e que foi sempre como un complemento do movemento", sinala, "pero decidimos que tiña que haber un acto no que fose pedra angular. Será a grande apoteose dos actos de celebración dos 20 anos de bravú”.

"Decidimos que tiña que haber un acto no que Pinto fose pedra angular. Será a grande apoteose dos actos de celebración dos 20 anos de bravú”

"Citámonos con Anxo Angueira, Anxo abriunos as portas da Fundación, e decidimos que a de Pinto tiña que ser unha entrada con pompa e esplendor, nunha comitiva, con gaiteiros", lembra Xurxo Souto, que destaca "a lucidez de Anxo Angueira, que entende o talento profundo de Pinto como poeta contemporáneo e que abre a Casa-Museo de Rosalía, que se mostrará chea de vida, fronte a outras visións que podemos ter, máis decimonónicas ou máis académicas". 

"Hai unha visión un chisco elitista da poesía, ligada a institucións, a facultades, os poetas son xornalistas ou profesores. E de súpeto agroma a vida en plenitude, que é Pinto", comenta Xurxo Souto. "A palabra de Pinto non nace dunha academia ou dun obradoiro de poesía, é o pulso da vida. E que o pulso da vida manteña ese diálogo directo con Rosalía é unha vitoria da palabra poética da propia Rosalía, demostra que esa chama segue completamente viva", engade.

"Hai unha visión un chisco elitista da poesía, ligada a institucións, a facultades, os poetas son xornalistas ou profesores. E de súpeto agroma a vida en plenitude, que é Pinto"

Na homenaxe haberá varias sorpresas. Unha delas é que Pinto d’Herbón presentrá en primicia unha canción nova. "Pinto é un talento absoluto, un regueifeiro e un improvisador innato, pero é un home preguiceiro, un creador lento", di Souto, "dende hai case unha década non compuxo unha peza nova, vivimos dos seus clásicos, que imos cantar: A motoserra, Paviméntame, Fertimón 15, 15, 15... Nesta ocasión, encirrado por Sofía Tarela, vaille presentar ao mundo unha peza nova, que se chama Ghasolina".

Na homenaxe haberá varias sorpresas. Unha delas é que Pinto d’Herbón presentrá en primicia unha canción nova

Souto tamén destaca a presenza na homenaxe de Xairo, o fillo de Pinto d’Herbón, e regueifeiro coma el. "Pódese dicir que Pinto creou escola, o seu fillo é un regueifeiro in pectore, absolutamente marabilloso. É moi importante a forma en que Pinto recolle esa vella tradición da regueifa, como contacta cos regueifeiros vellos, como Calviño de Tallo e Costa de Xaviña, e como agora está creando escola no seu propio entorno", afirma Xurxo Souto.

Cartaz do acto Dominio Público Fundación Rosalía de Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.