“Temos absoluta liberdade para facer o que nos peta, sen prexuízos de estilos ou tradicións”

Sumrrá presenta '7 visións', o seu sétimo disco © Iván Barreiro

Sumrrá teñen novo disco, que é xa o sétimo tras máis de 20 anos de traxectoria. Chámase 7 visións e saíulles tan existencial como redondo. Tan plástico como fondo. Tan poético como heteroxéneo

Sumrrá teñen novo disco, que é xa o sétimo tras máis de 20 anos de traxectoria. Chámase 7 visións e saíulles tan existencial como redondo. Tan plástico como fondo. Tan poético como heteroxéneo. Xacobe Martínez Antelo, LAR Legido e Manuel Gutiérrez percorren neste traballo a inmensidade e o pequeno, o cosmos e o eu interior como parte do universo. Óllanse a si mesmos como formación e a eles mesmos e a nós como especie. Como humanos. Como seres contraditorios e marabillosos. Explícanolo nesta entrevista Xacobe Martínez Antelo, que é tamén o director da Orquestra Galega de Liberación, da que hai tamén disco -o primeiro-.

A portada representa a cabeza dun Deus caída fronte á que se sitúan tres figuras humanas… Podes explicala?

Fíxoa Miguel Duarte. A partir do terceiro disco comezamos a contactar, para facer as portadas, con xente coa que nos apetecía traballar porque nos gustaba o que facía. O que facemos é darlles o concepto do disco e, a partir de aí, traballan con plena liberdade. A proposta que nos fixo encantounos: ten algo de transcendencia, de distancia, de distopía… Non se sabe moi ben en que época nin en que lugar se sitúa, remite un pouco a unha idea de peregrinaxe buscando respostas, pois hai tres figuras humanas que poderían ser tres músicos, os nosos alter egos… Despois ten algo de chiscadela a O Planeta dos Simios, á historia do sapiens sapiens, con esa cabeza derrubada… É un traballo excelente.

É o voso sétimo disco. Supoño que non contabades con chegar ata aquí: máis de 20 anos xa. 

“Somos, afortunadamente, dignos de ser programados por países de todo o mundo e deixamos o listón alto”

Non, claro. Foi todo a raíz de xuntarnos para tocar nas jam session do Dado Dadá. Cando tocabamos os tres producíase unha química moi especial: a xente xa estaba esperando ese momento. A raíz diso, eu unha vez propúxenlles tocar unhas músicas orixinais miñas e comezamos a ensaiar. Foi todo moi natural: unha serie de concertos, un disco, despois outro disco, e outro... e ata hoxe.

Sen planificación, porque a sensación que temos é que non hai un camiño trazado a seguir: nós fomos facendo o camiño. Somos conscientes de que funciona: somos, afortunadamente, dignos de ser programados por países de todo o mundo e deixamos o listón alto… Podemos supoñer que se interese en Sumrrá vai seguir, aínda que neste momento non temos próximos concertos pechados. Temos unha experiencia e unha confianza no que facemos mais, sobre todo, estamos cómodos tocando xuntos e seguimos ilusionados co proxecto.

Sumrrá son Xacobe Martínez Antelo, LAR Legido e Manuel Gutiérrez © Iván Barreiro

En V Journeys xa viaxabades a distintas cidades do mundo. Neste disco propoñedes unha viaxe máis alá, do máis pequeno ao máis inmenso, do eu interior ao cosmos… Tivo que ver coa pandemia? Moito tempo para a introspección…

“Neste disco facémonos preguntas que levan, en realidade, coa nosa especie centos de anos…”

En realidade a idea de coller distancia coa literalidade do día a día de Galicia, de Europa, de 2021, do século XXI… xa viña de antes. Pero o momento que vivimos amplificou, redimensionou todo. Tiñamos a idea de achegarnos a través da física, da literatura, da épica que nos rodea, de coller perspectiva para poder mirarnos a nós mesmos como Sumrrá e como especie.

Como cando miras as estrelas e pensas que navegas nunha bóla polo cosmos. Por iso a idea das sete visións. Foi o que sentimos tocando cidades, ou tocando determinadas mulleres no noso disco anterior: unha enerxía, unha plasticidade, unha cinematografía que nos enganchou. Somos conscientes de que Sumrrá ten capacidade para transportar a xente: a xente viaxa con nós. E ademais neste disco facémonos preguntas que levan, en realidade, coa nosa especie centos de anos…

Nos vídeos vese a cada un de vós separado, pero tocando xuntos. Como foi a gravación?

“Este disco si tivo unha preprodución longa: tivemos tempo para darlles voltas ás músicas antes de gravalas”

O de tocar separados no estudio é algo moi normal, non foi pola pandemia. É unha cuestión de captación do son de cada instrumento. Si foi algo complicado no sentido de andar coas máscaras, cos salvocondutos… como estaba todo o mundo. Máis alá diso, foi un proceso moi natural. Estabamos ensaiando cando veu o estado de alarma, polo que tivemos que parar e retomar despois, pero así tamén puidemos concentrarnos no disco porque, claro, non había concertos nin xiras. Este disco si tivo, nese sentido, unha preprodución longa: tivemos tempo para darlles voltas ás músicas antes de gravalas. Nos discos anteriores o proceso era probar cousas en directo e despois gravar. Esa foi a diferenza principal.

Din de vós que facedes jazz europeo, vangardista, técnico, lírico, profundo… Con que te identificas ti?

“Non temos prexuízos de estilos, de tradicións… Facemos o que nos dá a gana”

O que dicimos nós é que somos un trío de jazz, de piano, que conecta coa tradición de jazz de piano-contrabaixo-batería. A partir de aí, todo o que digan de nós para nós está ben: que facemos jazz galego, español, europeo, experimental, free-jazz… Non sei se é música de vangarda ou non, pero si sei que é a música que queremos facer, tan singular como calquera outra porque todas as persoas somos singulares, únicas. A cuestión é que, como dicía antes, nós facemos o noso propio camiño. Non temos presións discográficas, nin seguimos unha escola concreta: temos absoluta liberdade para facer o que nos peta, polo que nos move esa liberdade e o autocoñecemento. Non temos prexuízos de estilos, de tradicións… Facemos o que nos dá a gana.

O tema Ra ten que ver co Deus sol…

É a figura do sol como astro-rei, o sol como algo fundamental para todas as civilizacións. Pareceunos un concepto fisicamente moi potente, algo moi suxerente: un referente divino para todas as civilizacións que habitan o planeta. O sol como fonte de vida, como elemento que dá orde ao sistema planetario… É o tema que abre o disco, tamén polo xogo co noso nome: Ra de Sumrrá…

Periferia universal seremos nós, supoño, como periferia… 

“Como cidadáns, como axentes creadores de cultura, temos esa sensación de periferia, de corpos periféricos que habitan esa superposición de periferias”

Pois investigando conceptos tan grandes e tan pequenos como os que tratamos no disco saíu esta idea. O sistema solar non está no centro da galaxia, senón na periferia. Dentro do sistema solar, a Terra tampouco está no centro. Dentro da Terra, Europa tampouco é o centro. En Europa, España tampouco é o centro e Galicia tampouco o é o. Como cidadáns, como axentes creadores de cultura, temos esa sensación de periferia, de corpos periféricos que habitan esa superposición de periferias. É moi poético… Ademais, as vangardas, xa que antes falabamos de vangarda, non adoitan vir do centro, senón da periferia. Somos moi conscientes de onde estamos, desa conexión cósmica…

E Asuán Alexandría 7 graos

Asuán e Alexandría son dúas cidades separadas por 800 km. Eratóstenes, un matemático do ano 300 a.C., puxo á mesma hora e o mesmo día do ano, en anos distintos, un pau en Asuán e outro en Alexandría. Observou que a sombra que facían era distinta. Calculou que a diferenza eran sete graos e a partir de aí calculou a circunferencia da Terra. E acertou: con dous paus, a sombra e o sol. É unha historia tan linda e tan potente… Unha historia sobre o empeño no coñecemento que nos leva á idea de coñecemento e tamén de ignorancia, porque no mundo de hoxe, coa ciencia tan avanzada, hai máis terraplanistas ca nunca…

Unha idea que suxiren os temas do disco é a de exploración…

“O que facemos é buscar, lanzarnos a unha travesía, explorar…”

Pode ser, e igual se acrecentou neste disco un carácter nese sentido que xa tiña a nosa música. Nós somos músicos, non científicos. Somos tres rapaces que se poñen a explorar uns conceptos e que poden fracasar, pois non se espera de nós que resolvamos as preguntas. O que facemos é buscar, lanzarnos a unha travesía, explorar… E si, pode ser que iso se acentúe neste disco.

Imaxe promocional de Sumrrá © Iván Barreiro

Hai temas nos que está máis presente o contrabaixo, outros nos que é máis protagonista a batería… É normal nun disco dun trío de jazz, pero parece que se buscou o equilibrio entre instrumentos, estilos… 

“Sempre estamos preguntándonos que é o que non fixemos aínda. Porque non queremos repetirnos” 

Un dos traballos máis interesantes que facemos como formación é buscar toda a gama de cores, texturas, planos… Temos tres elementos básicos, que son o piano, a percusión e o contrabaixo, e con isto levamos feitos moitos temas, concertos, gravacións… Sempre estamos preguntándonos que é o que non fixemos aínda. Porque non queremos repetirnos, non queremos estar sempre a gravar o mesmo disco. Por iso, claro, buscamos equilibrios entre os distintos instrumentos, tipos de músicas… Este disco pode soar nalgúns momentos como un trío de jazz estándar, como electrónica experimental noutros… E esta comunidade de cores é algo que sucede tamén no directo.

Antes citaches a palabra cinematografía. É un disco moi creador de atmosferas, de imaxes, que lembra nalgún momento tamén a música de cine… 

Iso é algo que nos din moito. Que facemos unha música plástica, narrativa, figurativa, cinematográfica. Hai xente que pecha os ollos para escoitarnos nos nosos concertos. Como dicía antes, a xente transita con nós a outros lugares: outras cidades… Prodúcense encontros co público moi suxerentes, moi interesantes. Conceptos aparentemente sinxelos como os que escollemos poden ser elaborados, amplificando ese efecto.

As forzas gravitatorias era o seguinte tema no disco. 

Hai unhas forzas gravitatorias que afectan a todas as entidades corpóreas, desde as plantas ás persoas. E nós non quixemos simplificar conceptos coma este, senón estiralos e expresalos musicalmente. Estamos no medio dunha eterna danza planetaria, do efecto dunhas forzas físicas que fan que as cousas se acheguen e se separen…

Despois vén Sapiens, Sapiens.

O animal divino, o Deus animal tan contraditorio e marabilloso que é o Sapiens Sapiens. As contradicións, a espiritualidade… o que somos como especie.

13.700 millóns de anos despois é o título da penúltima.

É o tempo que pasa entre o Big-Bang e a conformación da Terra. O proceso de conformación da nosa casa.

Acaba o disco con Espazo interior

“Despois de acceder ao universo do que formamos parte, a outros tempos e espazos, volvemos ao universo que levamos dentro, pois somos po cósmico”

Despois de acceder ao universo do que formamos parte, a outros tempos e espazos, volvemos ao universo que levamos dentro, pois somos po cósmico. Dentro de nós está todo: a materia, a nada, o baleiro, o cosmos… Este é o tema máis experimental. Leva edición, mestura, polo que tal como está só pode escoitarse no disco.

Dicías antes que non tedes á vista datas de concertos. 

É que está todo parado. En Galicia a contratación xa vai sempre moi ao día: faise con pouca antelación. Estamos agora esperando a ver o que di Sanidade porque o que pasa na música é que ata que poida haber aforos razoables vai estar todo moi parado. No teatro é case todo contratación institucional, pero na música a maioría é contratación privada. E a iniciativa privada non vai volver ata que poida haber aforos razoables, polo que é a grande prexudicada das artes vivas. Unha vez máis.

Acaba de saír tamén o primeiro disco da Orquestra Galega de Liberación, que presentarades no festival Plataforma. 

É a gravación do concerto que fixemos no Plataforma. Tiveramos xa a sensación de que fora fantástico e, ao escoitar a gravación e ver o que sucedera -porque era todo música improvisada- soubemos que tiñamos que compartila, que alí pasara algo histórico. Coa Orquestra temos xa algunhas datas para o verán. Estamos moi contentos.

Houbera antes experiencias parecidas, pero non sei se queda algo vivo…

Penso que nin en Galicia nin en España. E nós temos unha idea de continuidade, claro. Os músicos metémonos en proxectos que nos interesan e nunca sabemos que feedback imos recibir. Pero coa Orquestra a repercusión foi moi boa: entrevistas, visionados dos vídeos… Foi xenial. A gravación ten tamén unha calidade moi boa. A Orquestra é un proxecto grande e non é moi doado movelo pero iso tamén lle dá valor, pois é único. Xuntamos as distintas familias de improvisadores de Galicia, agora vaise incorporar xente nova… Agardo que teña longa vida. Polo momento, hai moita xente interesada. Os aforos son limitados e a xente quere velo en directo…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.