Un disco de amor a un amigo. Algunha vez os integrantes de Chicharrón definiron dun xeito tan sinxelo todas as cousas que agacha o seu álbum de debut, un disco homónimo que naceu como homenaxe a Alberto Gende, o deseñador carballés finado en 2013, con só 40 anos de idade. Alberto Martínez Vecino (ex Franc3s), Rubén Domínguez (ex Telephones Rouges) e Diego Gende deron forma a un feixe de cancións que navegan entre a dor e a superación desa dor, profundas, rotundas e ao mesmo tempo moi sutís e fráxiles, un dos mellores traballos da música do país no pasado ano.
Chicharrón será unha das bandas galegas da edición 2015 do Festival do Norte, que a vindeira fin de semana se celebrará na Illa de Arousa, acompañando a Trajano, Alex Casanova ou Cazador. Falamos con Alberto Martínez Vecino sobre o álbum, o futuro da banda e a súa propia relación con este festival.
Utilizouse xa algunhas veces a figura de "Franc3s en acústico" para definir a música de Chicharrón. A finais do 2013 a ruidista formación carballesa anunciaba a súa disolución, comezando pouco despois Alberto M. Vecino este novo proxecto coas cancións que comezara a escribir para Alberto Gende (e co nome, ademais que o propio Gende pensara para unha banda que daquela era máis conceptual que real). Aínda que nunha primeira escoita os estilos de Chicharrón e Franc3s están moi afastados, dá a impresión de que cando ás cancións de Franc3s lle comezas a quitar capas de son e de ruído, o que queda, o núcleo, está moi preto da actual proposta de Alberto M. Vecino. "Podo entender en parte que algunha xente pense que Chicharron é un Franc3s desenchufado porque as cancións en Franc3s eran miñas ao igual que no primeiro disco de Chicharrón" -di- "Pero por outra banda paréceme unha mirada demasiado simple e unha infravaloración do tremendo traballo do resto; os arranxos de guitarra de Diego e os teclados, batería e produción de Ruben teñen unha importancia vital no disco e non teñen nada que ver con Franc3s".
"É completamente necesario escoitalo como obra completa" -destaca- "O disco ten un principio, un desenrolo e un final"
Trátase dun disco conceptual que adquire un significado propio como conxunto, máis aló da suma das súas cancións e que en certa maneira esixe unha escoita completa e na orde na que foi pensado e publicado. Unha proposta que nada a contracorrente na era do single, das cancións soltas e do random, na que seica o álbum perdeu o seu sentido. "É completamente necesario escoitalo como obra completa" -destaca- "O disco ten un principio, un desenrolo e un final. Son consciente de que a día de hoxe escoitar un disco deste xeito require un esforzo por parte do oínte, pero realmente ese é o tipo de oíntes que nós queriamos ter e do que nos importaba ter a valoración e a crítica. De feito, no directo, antes de ter cancións novas seguíamos estritamente a orde do disco".
Preside todo o álbum o recordo a Alberto Gende. "Axudáronche estas cancións a asumir a súa perda, a mantelo, dalgún xeito, vivo?", pregúntolle. "A música explica cousas que non se poden contar doutra forma, así que sería unha parvada tratar de explicala. Foi un disco que simplemente necesitaba facer", responde. "É un disco alegre ou triste?" "Iso é algo que ten que decidir cada quen que o escoite. Ata o de agora oín todo tipo de opinións e iso paréceme estupendo".
"A música explica cousas que non se poden contar doutra forma, así que sería unha parvada tratar de explicala. Foi un disco que simplemente necesitaba facer"
A disolución de Franc3s sorprendeu sobre todo polo momento no que se produciu. Non é fácil asomar a cabeza neste mundo, e xusto cando despois de anos de traballo o grupo comezaba a facelo, soando en toda España e contando con colaboracións de auténtico luxo, anunciou a súa separación. Xa cunha certa perspectiva para valorar o proceso Alberto destaca que "o que menos me interesa da música é o negocio da música e iso era onde nos estabamos metendo, así que sobre iso non teño ningún tipo de nostalxia. Prefiro catro millóns de veces tocar no Liceo Mutante ou na Casa Tomada que no Low Cost de Benidorm". "O que si sinto foi rematar do xeito no que o fixemos, tanto por nós como por Limbo Starr, que apostou por nós e sempre nos tratou moi ben", engade.
"O que menos me interesa da música é o negocio da música e iso era onde nos estabamos metendo. Prefiro catro millóns de veces tocar no Liceo Mutante ou na Casa Tomada que no Low Cost de Benidorm"
"Volverá o ruído aos novos temas de Chicharrón? Ou continuaredes con estas estruturas máis espidas, máis acústicas?". "Volverá ao Festival do Norte e ao Sereas e Piratas" -responde- "Apetecíanos probar as cancións neste formato e sempre facemos o que nos apetece. Con respecto ao que faremos mais adiante, non temos nin idea". Alberto adianta tamén que quedou aparcado, de momento, o anunciado proxecto de publicar un EP de catro cancións en galego, unha proposta que mesmo se podería chegar a converter en álbum longo: "Chegamos a gravar cancións, pero tiñamos tantas e custábanos tanto elixir que decidimos agardar un pouco máis e facer outro disco".
"Para min este é sen dúbida o mellor momento da historia da música en Galicia" -di Alberto- "E estamos moi orgullosos de formar parte activamente del"
Unicornibot, Elvis Negro, Puma Pumku, Linda Guilala, A Veces Ciclón, Trajano, Disco las Palmeras, Músculo, Carrero Bianco, Novedades Carminha..., por non falar de Triángulo de Amor Bizarro. "Bos tempos para a música galega?" "Para min este é sen dúbida o mellor momento da historia da música en Galicia" -di Alberto- "E estamos moi orgullosos de formar parte activamente del". Con todo, sempre houbo bos grupos, e dá a impresión de que o que en moitos momentos faltou foi unha estrutura (salas, festivais, selos discográficos e promotoras, medios de comunicación...) que rodease as bandas e lles dese estabilidade. Festivais coma o propio Festival do Norte, o Sereas e Piratas, o Osa do Mar ou o WosInc; selos coma DiscoPorno, Discos da Máquina, Matapadre ou Work on Sunday; e espazos coma o Liceo Mutante ou a Casa Tomada semellan avances na boa dirección. "Non só creo que van na boa dirección, senón que creo que é a dirección a seguir. Os colectivos que existen actualmente en Galicia son a mellor das estruturas, porque todo o que fan, fano por amor e non co afán de gañar cartos", destaca Alberto M. Vecino.
"Nun momento da madrugada Alberto chegou a dicirme que algún día Chicharrón tocaríamos no FDN, e ao final será certo"
O Festival do Norte vai xa por 15 edicións, que deixaron un innegable pouso nos afeccionados á música en Galicia, e tamén entre os integrantes de Chicharrón. "Como é a túa relación co festival, como artista e como espectador? Que momentos e concertos lembras especialmente?", pregúntolle a Alberto: "Aínda que vin concertos incribles coma por exemplo algún de Los Planetas, de Hidrogenesse ou o dos Vaselines, quedo co recordo do último ano no que tocamos Franc3s e o ben que o pasei con Alberto Gende" -di- "Foron tres días marabillosos de risas (venme agora á cabeza cando saímos do festival para ver un Barça-Madrid, ou cando acabamos a bebida e asaltamos o camerino doutro grupo mentres tocaba), pero tamén de confesións e revelacións de plans... Nun momento da madrugada Alberto chegou a dicirme que algún día Chicharrón tocaríamos no FDN, e ao final será certo".