Os datos do IGE amosan que en relación ao ano 2014 galegos e galegas dedicamos menos tempo a 'Saír ou reunirse cos amigos' (-3,4 puntos), a 'Ler' (-2,9), a 'Escoitar música, ver películas, series...' (-1,8), a 'Facer actividade física ou deportiva' (-1,6) e a todo tipo de pasatempos e manualidades
Se pensamos nos nosos propios hábitos, é probable que nos decatemos de que cada un de nós empregamos o noso tempo de ocio (enténdase como o non ocupado polo traballo, remunerado ou non) de forma diferente a como o faciamos hai unha década. A tecnoloxía e o consumo cultural ligado a ela de seguro van gañando espazo, que perden outras actividade. Esa é, cando menos, a imaxe que presenta o IGE na súa enquisa de Ocio e hábitos culturais publicada nos últimos días, con información estatística sobre o consumo de produtos culturais ou sobre o tempo dedicado a relacións sociais, á actividade deportiva ou a pasatempos diversos.
Os datos do IGE amosan que en relación ao ano 2014 galegos e galegas dedicamos menos tempo a 'Saír ou reunirse cos amigos' (-3,4 puntos), a 'Ler' (-2,9), a 'Escoitar música, ver películas, series...' (-1,8), a 'Facer actividade física ou deportiva' (-1,6) e mesmo a 'Videoxogos' (-2,4). Perden peso sobre todo as actividades de 'Xogo' (-10,8 puntos) e tamén pasatempos coma a xardinaría ou o coidado da horta ou de animais (-6,8), as actividades de manualidades, calceta, costura (-5,4) ou as actividades de artes plásticas como debuxo ou fotografía (-3,9).
A que dedicamos entón ese tempo libre que xa non vai para eses entretementos que perden espazo? Pois, esencialmente, á navegación por Internet, unha ocupación que pasa de ser importante para o 57,7% da poboación galega a selo para o 75,9%
A que dedicamos entón ese tempo libre que xa non vai para eses entretementos que perden espazo? Que actividades son máis habituais agora que hai unha década? Pois, esencialmente, á navegación por Internet, unha ocupación que pasa de ser importante para o 57,7% da poboación galega a selo para o 75,9%, un incremento de máis de 18 puntos.
Cómpre ter en conta que estes datos se refiren á totalidade da poboación galega e que o IGE non ofrece datos desagregados por idade, sen que poidamos saber se este aumento do tempo dedicado a navegar pola rede se debe unicamente á poboación de maior idade, só ás novas xeracións ou a todos os grupos por igual.
No resto de epígrafes sobre o que o IGE preguntou, tan só 'Ir a bares, cafeterías, restaurantes, discotecas' gaña peso de maneira importante (+2,7 puntos), mentres que o 'Facer actividades coa familia' aumenta un chisco a súa popularidade (+0,3).
Medra de forma importante a porcentaxe de persoas que nunca van a festas populares, verbenas ou concertos de orquestras, do 26,8% ao 32,6%
O IGE ofrece tamén información sobre a asistencia da poboación a diferentes espectáculos e eventos culturais e de ocio, dende o cine, teatro ou exposicións ata concertos, festas populares ou citas deportivas. Aquí atopamos situacións distintas en cada un dos sectores e actividades.
Así, por exemplo, na última década aumentou lixeiramente a asistencia habitual ao cine (a porcentaxe de persoas que van algunha vez cada mes pasou do 8,3% ao 9,3%) e a espectáculos deportivos (do 13,8% ao 15%).
Mantense estable a asistencia a museos e exposicións e descende un chisco a asistencia ao teatro e a outros eventos escénicos (circo, monicreques...), de xeito que a poboación que nunca acode a eles aumenta do 72% ao 74%. Tamén medra de forma importante a porcentaxe de persoas que nunca van a festas populares, verbenas ou concertos de orquestras, do 26,8% ao 32,6%
A análise podería ser diferente se a comparación se establece co ano 2006 e non co 2014, que coincindiu cos peores momentos da crise económica da pasada década. En comparación co ano 2006, descende de forma notable a asistencia habitual ao cine (do 13,3% ao 9,3%), ao teatro e a museos e exposicións. E só aumentaría a porcentaxe de persoas que acoden a espectáculos musicais e, sobre todo, a espectáculos deportivos.
Entre os mozos e mozas entre 15 e 29 anos, aumenta a asistencia ao cine e tamén o fai de forma moi importante a popularidade dos espectáculos musicais. Descende en cambio a asistencia ao teatro, a festas populares e tamén a espectáculos deportivos
O IGE ofrece neste caso información desagregada por grupos de idade, o que permite coñecer mellor a distinta evolución que seguiu cada actividade na infancia, na mocidade e no resto da poboación. Así, vemos por exemplo que entre os nenos e nenas de 5 a 14 anos descende a asistencia a todo tipo de eventos culturais, agás o cine, que medra lixeiramente.
No seguinte grupo de idade, formado por mozos e mozas entre 15 e 29 anos, un dos que consome máis cultura e máis eventos ao vivo, a asistencia ao cine tamén medra e tamén o fai de forma moi importante a popularidade dos espectáculos musicais (o 63% foron cando menos a un concerto no ano 2024, fronte ao 58% dunha década atrás). Descende en cambio a asistencia da mocidade ao teatro, a festas populares e tamén a espectáculos deportivos.
A partir dos 50 anos o consumo de espectáculos e eventos culturais é máis reducido pero, iso si, aumentou de maneira destacada nos últimos dez anos
No grupo de idade seguinte, formado por poboación adulta entre 30 e 49 anos, aumentou a asistencia ao cine e de forma moi importante a espectáculos musicais (a porcentaxe de persoas que foron a algún concerto pasou do 47% ao 52%), mentres que descendeu nas restantes actividades, dende o teatro aos espectáculos deportivos ou verbenas.
A partir dos 50 anos o consumo de espectáculos e eventos culturais é máis reducido pero, iso si, aumentou de maneira destacada nos últimos dez anos. Nas persoas entre 50 e 64 anos a asistencia medra en todos os ámbitos agás o das festas populares e faino de maneira notable no caso do cine dos concertos musicais. Por riba dos 65 anos a súa participación nestes eventos aumenta sen excepción, confirmando que cada vez máis persoas superan esta idade con boa saúde e maior apetito pola cultura.