Galegos e galegas lemos menos, imos menos ao cine, ao teatro, a museos e bibliotecas, pero -iso si- acudimos a máis concertos; facemos menos deporte e quedamos menos cos amigos, pero navegamos máis por Internet
A pasada semana o IGE publicou os datos do módulo de Ocio e hábitos culturais da súa Enquisa estrutural a fogares, con cifras referidas ao ano 2024 sobre hábitos e consumo cultural da poboación galega a partir dos 5 anos. Os grandes titulares desta achega estatística poderían ser que galegos e galegas imos menos ao cine, ao teatro, a museos e bibliotecas, pero -iso si- acudimos a máis concertos; facemos menos deporte e quedamos menos cos amigos, pero navegamos máis por Internet.
Outro dos hábitos que semella que se resentiu nos últimos anos é a lectura. Galegos e galegas lemos menos que hai unha década e o descenso provén sobre todo das novas xeracións, dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos e dos mozos e mozas ata os 25 anos.
Iso si, a enquisa do IGE fai fincapé nun feito: os fillos e fillas de pais e nais que len habitualmente teñen unha maior probabilidade de seren lectores e lectoras frecuentes, ao contrario dos nenos e nenas que medran en familias nas que non se le. En todo caso, tanto nun grupo coma no outro está a reducirse a porcentaxe de crianzas que len.
Descenden os lectores habituais e aumentan as persoas que nunca len. O descenso provén sobre todo das novas xeracións, dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos e dos mozos e mozas. Entre os adultos ata os 50 anos tamén se le menos e, en cambio, entre os maiores de 65 anos cada vez hai máis lectores habituais
En primeiro lugar, os datos xerais: a porcentaxe de persoas que len a diario descendeu do 17% ao 15% entre 2014 e 2024, mentres que as persoas que nunca len pasaron do 45% ao 48%.
Con todo, nestas estatística cómpre diferenciar a evolución que se deu por unha banda, nas persoas de máis de 65 anos, un colectivo no que a porcentaxe de persoas non lectoras diminuíu do 72% ao 66%. De igual xeito aumentan as persoas que máis de 65 anos que len a diario.
Mentres, os datos das persoas entre 50 e 64 anos apenas non variaron. E por debaixo dos 50 anos de idade os índices de lectura redúcense de forma importante, especialmente entre os 5 e os 14 anos, un grupo de idade no que a porcentaxe de lectores diarios pasou do 37% ao 26%.
De igual xeito, a proporción de nenos e nenas que nunca len case se duplicou, do 15% ao 29%. As variacións nos grupos de idade entre 15 e 29 anos e entre 30 e 49 anos son tamén notables, pero acadan unha menor magnitude.
Os nenos e nenas de 5 a 14 anos cuxas nais e pais son lectores son tamén maioritariamente lectores habituais (67,6%). En cambio, dos nenos e nenas da mesma idade que medran en familias non lectoras apenas o 40,6% le habitualmente, unha diferenza de 27 puntos porcentuais
Que pasa entón entre os nenos, nenas, mozos e mozas? Os índices de lectura caen de forma abrupta especialmente na infancia, entre os 5 e 14 anos; ademais, descende de forma importante entre os 15 e os 19 anos, e de maneira máis leve entre os 20 e os 24 anos. O IGE ofrece os datos cruzados cun factor de importancia: o feito de que eses pequenos e pequenas medren en fogares onde as súas nais e pais len de forma habitual ou non.
As diferenzas nos hábitos de lectura das crianzas son enormes, sobre todo ata os 20 anos. Os nenos e nenas de 5 a 14 anos cuxas nais e pais son lectores son tamén maioritariamente lectores habituais (67,6%). En cambio, dos nenos e nenas da mesma idade que medran en familias non lectoras apenas o 40,6% le habitualmente, unha diferenza de 27 puntos porcentuais. A fenda é semellante no seguinte grupo de idade, de 15 a 19 anos, (47,4% fronte a 24%) e redúcese entre os mozos e mozas de 20 a 24 anos (43,3% fronte a 28,5%).
A porcentaxe de lectores e lectoras habituais de 5 a 14 anos baixa dende o 2014 tanto nas familias lectoras coma nas non-lectoras. O descenso é maior nos fogares nos que as familias non len habitualmente
Iso si, tanto unhas crianzas coma outras len menos do que lían os nenos e nenas da mesma idade unha década atrás. A porcentaxe de lectores e lectoras habituais de 5 a 14 anos baixa dende o 2014 tanto nas familias lectoras (do 76% ao 67,6%) coma nas non-lectoras (do 59,4% ao 40,6%).
O descenso, como se ve, é maior nos fogares nos que as familias non len habitualmente. En cambio, no grupo de idade de 20 a 24 anos o descenso é maior nos mozos e mozas criados en fogares lectores (do 47,8% ao 43,3%) que nas outras familias (do 29,4% ao 28,5%).
As mulleres len máis que os homes. Mentres que o 18% das galegas le todos os días, tan só o fai o 11% dos galegos. De igual xeito, hai un 54% de homes que nunca le, fronte ao 41% de mulleres
O IGE explora algunhas outras características demográficas das persoas lectoras. Como vén sendo habitual neste tipo de estudos, fica claro que as mulleres len máis que os homes e, por exemplo, mentres que o 18,2% das galegas le todos os días, tan só o fai o 11,2% dos galegos. De igual xeito, hai un 54,4% de homes que nunca le, fronte a un 41,4% de mulleres que non le nin sequera de maneira esporádica.
Iso si, o estudo non desagrega datos por idade, polo que non podemos saber se esta diferenza se dá en todos os grupos de idade e, por exemplo, entre a infancia e a adolescencia. O que si vemos é que tanto homes coma mulleres len menos que hai unha década, sen grandes diferenzas entre a evolución seguida por un e outro sexo.
As persoas cun maior nivel educativo len máis que as persoas que non teñen estudos ou que só completaron o ensino primario. Os datos amosan que é o nivel educativo e non o socioeconómico o que determina un maior hábito lector
Como era esperable, as persoas cun maior nivel educativo len máis que as persoas que non teñen estudos ou que só completaron o ensino primario. Ao redor do 45% das persoas con estudios superiores len varias veces por semana, fronte ao 5% das persoas con estudos primarios. Iso si, de novo aquí o descenso da poboación lectora prodúcese en todos os grupos, de xeito que a proporción de persoas con estudos superiores que len todos os días cae do 30,4% ao 25,1%.
Tamén se constata -probablemente ligado ao anterior- que as persoas con máis ingresos len máis que as persoas que gañan menos cartos. Porén, aquí as diferenzas son menores, o que apuntaría a que é o nivel educativo e non o socioeconómico o que determina un maior hábito lector.
As novelas son o único xénero cuxa lectura aumenta na última década
E que tipo de libros len galegos e galegas? Segundo os datos do IGE, maioritariamente novelas (o 69,6% das persoas lectoras le algunha novela ao longo do ano), que de feito é o único xénero que incrementa a súa popularidade na última década, a diferenza da literatura infanto-xuvenil, o teatro e a poesía, os cómicos ou o ensaio.
O IGE amosa un descenso na porcentaxe de persoas que acode ás bibliotecas. 3 de cada 4 galegos e galegas non usan os seus servizos
O IGE pregunta tamén polo uso que galegos e galegas fan das bibliotecas e amosa un descenso no uso dos distintos servizos ofrecidos por estas instalacións. A porcentaxe de persoas que nunca acuden a unha biblioteca medra do 70,6% ao 75,7%. Nenos, nenas e adolescantes empregan máis os servizos das bibliotecas, pero tamén entre estes grupos de idade os datos experimentan unha continuada redución.