O Hematofesti revoluciona Vigo do 4 ao 8 de novembro: Ignatius Farray, Héctor de Miguel, Teresa Rabal, Paula Carballeira, Noel Ceballos, Luz Casal, Touriñán, Yolanda Castaño, Bea Lema, Javier Jaén, Lucía Aldao, Bea Gregores, Grande Amore, Eva Mejuto e moitas máis estarán no festival
Ignatius Farray, Héctor de Miguel, Teresa Rabal, Paula Carballeira, Noel Ceballos, Luz Casal, Touriñán, Yolanda Castaño, Bea Lema, Javier Jaén, Lucía Aldao, Bea Gregores, Grande Amore, Eva Mejuto... A listaxe de creadoras e creadores que forman parte da segunda edición do Hematofesti, que se celebra en Vigo do 4 ao 8 de novembro, é case tan longa como a rede de afectos creada arredor deste festival de humor e literatura infantil.
O Hematofesti naceu o ano pasado como unha homenaxe a Miguel Ángel López, coñecido como O Hematocrítico, escritor, mestre, divulgador e paradigma do internet amable, recoñecido postumamente coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes 2023.
O festival, dirixido pola escritora viguesa Ledicia Costas e codirixido polo director de cine coruñés Alberto Vázquez, busca manter vivo o seu legado, fundado na bonhomía, a creatividade e o uso da sorpresa e o humor como "lubricantes marabillosos para calquera tipo de ensino".
Tras o éxito da I edición en 2024, que lle valeu a entrada directa no informe anual do Observatorio da Cultura como unha das iniciativas culturais máis relevantes do ano, Hematofesti regresa con figuras destacadas do humor, a literatura, o cine, a música, a cultura e a creatividade para ofrecer actividades para todo tipo de públicos, facendo especial fincapé no infantil e no familiar.
O humorista Ignatius Farray liderará unha residencia de comedia e participará na Hematogala; a cantante Luz Casal intervirá nunha conversa sobre economía e cultura; e a artista e presentadora Teresa Rabal recibirá o Premio Lenda do Recreo da man de Manuel Bragado, primeiro en ser recoñecido con este galardón.
O Hematofesti aposta con decisión polo público infantil e familiar ofrecendo 250 prazas de balde para actividades gratuítas en talleres e contadas
A programación tamén inclúe nomes de relevancia como os ilustradores Javier Jaén e Bea Lema, os autores Pedro Mañas, Susanna Isern, Antonio M. Fraga ou Eva Mejuto, o humorista Xosé Antonio Touriñán, os músicos Lucía Aldao, Silvia Superstar, IGMIG e Grande Amore, o xornalista Noel Ceballos, e as escritoras Yolanda Castaño e María Lado.
O Hematofesti aposta con decisión polo público infantil e familiar ofrecendo 250 prazas de balde para actividades gratuítas en talleres e contadas. Entre as sesións de contos e obradoiros, que terán lugar todos os días do festival en distintas librarías e espazos sociais e culturais de Vigo, haberá obradoiros de fanzines, xoguetes ópticos, ilustración e costura da man de recoñecidos artistas como David Rodríguez, Diego Estebo, Bea Lema, Carmen Pintos, Iván R., Natalia Umpiérrez, Bea Gregores, Rena Ortega ou Berto Fojo.
Antonio Manuel Fraga, Lois Pérez, Gabriel Romero e Óscar Reboiras presentarán no marco do festival as súas últimas obras infantís publicadas. Ademais, a exposición Hematocrítico Ilustrado por Alberto Vázquez abrirá as súas portas na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo coincidindo co inicio do festival.
O xogo e a imaxinación son eixos inalienables do Hematofesti e o xigante xaponés dos videoxogos, Nintendo, volve colaborar co festival cun Espazo Gaming no Centro Comercial Vialia aberto de xoves a sábado e que inaugurará a súa actividade o xoves 6 cun encontro entre a desenvolvedora e escritora de videoxogos Concepción López Agulla e o autor de Anna Kadabra, Pedro Mañas, que conversarán co xornalista especializado Noel Ceballos.
O mesmo xoves 6, no Auditorio Mar de Vigo, celébrase a Hematogala, un grande evento presentado por Xosé Antonio Touriñán e María Lado que contará coas actuacións de Grande Amore, IGMIG, Ignatius Farray, Noel Ceballos, Nus Cuevas, Silvia Superstar e Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín). Ademais, esa mañá, o Auditorio Municipal vigués será escenario da gravación en directo con público de Hora Veintipico, programa da Cadena SER presentado por Héctor de Miguel.
A Hematogala, presentada por Xosé Antonio Touriñán e María Lado, celébrase o xoves 6 no con actuacións de Grande Amore, IGMIG, Ignatius Farray, Noel Ceballos, Nus Cuevas, Silvia Superstar e Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín)
O festival tamén inclúe encontros profesionais baixo o lema Economía e Cultura: O Binomio Fantástico, que se desenvolverán o martes 4 e o venres 7 de novembro no Auditorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo. O primeiro consistirá nunha conversa entre Luz Casal e Ledicia Costas, moderada por Lucía Aldao, arredor da acción cultural como ferramenta económica e social.
O venres celebrarase unha xornada completa na Zona Franca con mesas e entrevistas nas que participarán Alberto Vázquez, Alejandro Pérez, Noel Ceballos, María Moya, Xosé Antonio Touriñán, Elena Ferro, Ledicia Costas, Yolanda Castaño e Lucía Aldao xunto con representantes da parte empresarial que inviste en cultura, coma Bodegas Martín Códax, VIALIA ou Deleite.
A programación completa do Hematofesti pode consultarse aquí. O acceso é de balde ata completar aforo na maioría das actividades, pero para algunhas é preciso reservar praza ou mercar entrada.