"Isto non está montado para que a unha tipa gorda e bollera lle pareza o mellor plan do mundo dedicarse á música"

Lucía Aldao coa súa banda, Pava © Antón & Martiño

 

Pava, a banda liderada por Lucía Aldao, presenta un novo disco o 19 de decembro que se poderá escoitar nas plataformas dixitais

Lucía Aldao di que leva toda a vida facendo o mesmo: xogar coas palabras. A poeta e compositora coruñesa publica o seu terceiro disco como Pava e estrea banda xunto a Analís, David Santos e Pablo Silva. Tras recibir o Premio Martín Códax 2023 na categoría Pop e Indie presentan Pava 3, cinco cancións a non perder que se poderán escoitar só en formato dixital a partir do 19 de decembro. Este domingo actuarán no Mercado da Estrela de Santiago de Compostela e na noite de Reis, o 5 de xaneiro, farán a presentación oficial do álbum na sala Mardi Gras da Coruña. Non haberá formato físico do disco, pero si deseñaron camisolas e unhas carpetiñas cunha pegata moi anos noventa na capa, que dentro leva as letras das cancións impresas en follas olorosas cos seus osiños, casiñas e flores, e mais un póster despregable ao puro estilo da revista Súper Pop coa imaxe de portada de Pava 3, ademais do código de descarga das cancións dende Bandcamp. 

Escoitando Tremendamente coqueta, unha das cancións do novo disco de Pava, decátome de que ten unha letra moi de actualidade, probablemente de maneira involuntaria, porque di “todas queren estar na letra q, e sabes que? só faltas ti querendo máis”.

É unha casualidade tan tremenda que eu mesma, o día que saltou toda a polémica esa, flipei dous minutos e logo xa non volvín reparar no tema. Ademais, é que non ía ser a letra q, ía ser o b, todas bisexuais; pero cando estabamos para gravala pensei que o b non me representaba e que tiña que se o q. No derradeiro momento decidín cambialo, de feito, toda a canción está en feminino e non hai nin un todes, pero tiña que cantar a letra q... E mira ti, ao final, todo o lío do PSOE!

O problema é querer etiquetar dende fóra, non?

Claro, porque que existencias negas con isto? Podes negala para ti, pero aí está a xente. Dádeme todas as etiquetas e logo eu xa as xestiono, sinto que vos moleste tanto pero eu podo ser o que me dea a gana. É unha ranciada máis...

Portada de 'Pava 3' © PAVA

Na actuación polo aniversario do dominio .Gal na Culturgal avanzaches que esa canción, precisamente, leva por título unha frase do exconselleiro de Cultura Román Rodríguez.

Cando lle deran a Gonzalo Hermo o Premio de novela breve Repsol fóramos alí todas as amigas a facerlle acompañamento e recordo que cando entramos non había para sentar todas xuntas, e quedamos dispersas en ocos que había. Comezou falar Román e dixo algo así como “pois que ben estar nesta sala tan tremendamente coqueta”, e a toda a pandilla de poetas pareceunos unha monada de frase. Son cousas que nos pasan acotío á xente que escribimos, que sacamos cousas de contexto para levalas ao noso terreo, ou simplemente porque nos fan graza. Ademais, como non titulo os discos nin os poemas, gústame moito titular as cancións e poñer cousas que –ollo– ao mellor só me fan graza a min. E tremendamente coqueta é unha frase que podería repetir todos os días cincuenta veces. Tamén no disco anterior, que lle puxen a unha canción Abril, cerral, historia de España, un colega avisoume de que Unicornibot teñen un tema que se chama así, e mirei e resulta que ninguén máis en España ten unha canción titulada así, só dúas bandas galegas.

"Hai vinte anos dicía que no mundo da música non tiña nada que aportar, pero claro que tiña, o que pasaba era que tiña medo e inseguridade: isto non está montado para que a unha tipa gorda e bollera lle pareza o mellor plan do mundo dedicarse á música, todo o contrario"

O que segues facendo con Pava é, corrixe se me equivoco, o mesmo que fas na túa poesía, que é unha análise da sociedade ao teu arredor.

Creo que si. Hai moito do meu xeito de observar o mundo. Que conste que cando me preguntan pola relación entre a música e a poesía que eu fago, cambio de resposta cada semana case. No primeiro EP dicía que A do aire musculado era a primeira canción que compuxen na miña vida, e botei con esa mentira anos. Pero fun caendo en que levo toda a vida facendo cancións, só cos anos que botei facendo versións, que por carencias nos coñecementos musicais tiña que facelas diferentes porque non me saían os acordes e, entón, as versións xa non eran versións... Hai vinte anos dicía que no mundo da música non tiña nada que aportar, pero claro que tiña, o que pasaba era que tiña medo e inseguridade: isto non está montado para que a unha tipa gorda e bollera lle pareza o mellor plan do mundo dedicarse á música, todo o contrario. Pero en canto me fun desquitando de cousas e sentíndome máis libre, apostei pola música e estou súper contenta de como se van formando as cancións. Sobre todo agora que teño a Analís na batería, a David Santos no baixo e a Pablo Silva na guitarra. A letra segue sendo totalmente miña, fágoa na casa coa miña guitarra acústica –como se escoita na canción Catastriño– e logo todo medra por estar acompañada por estas persoas marabillosas.

A conclusión é que no escenario é mellor estar acompañada?

Si, e a poder ser, acompañada de xente coa que teñas unha conexión xenuína e bonita. Xa sei que se di moito que as artistas estamos todo o día de festa coas amigas, pero non é así, é un traballo que require moitas horas de preparación e moi escravo, despois no escenario claro que o pasamos guai, e tamén o paso guai escribindo, non quero darlle ningún malditismo nin escuridade á profesión, pero cando estás nun proxecto destes que son tan esixentes a nivel emocional, non ten prezo facelo con xente coa que te sentes valorada e coa que mantés un respecto e un cariño mutuos. Gústame moito cara a onde está indo o son de Pava, imos tendo bolos e á xente parece que lle gusta. Traballar acompañada si, pero acompañada de quen? Eu neste momento creo que estou coas mellores persoas.

Pava presenta o novo disco o 5 de xaneiro na sala Mardi Gras da Coruña © Antón & Martiño

O son de Pava é o que tiñas na cabeza, ao que querías chegar?

Non, pero porque non buscaba ningún son en concreto. Todas as cancións de todo o que publicou Pava teñen cada unha o seu rollo, pero eu non sabía o que tiña na cabeza. Houbo un Pava e un Pava 2 producidos por Diego Delgado, onde fomos buscando unha sonoridade concreta para cada canción. Agora non somos dúas cabezas, somos seis contando coa de Julián Goikoa –o noso produtor– e a de Gaspar –o noso técnico–. Agora estamos compoñendo enfocando as cancións ao directo, e eu nunca traballara así. Lonxe de ser agoniante, está a ser un proceso de aprendizaxe súper estimulante e bonito.

"A música debe ter outro alcance para que sexa máis ou menos rendible porque eu non vou facer oposicións"

E por que decidiches quedar co nome de Pava agora que sodes unha banda?

Pois como fago tantas cousas, preferín que Lucía Aldao quedase para a escritora de narrativa, poesía, guión e dramaturxias, que imparte obradoiros e dá mogollón de charlas; e que Pava se relacione coa banda de música. Á parte, había un interese grande en colocar este proxecto musical dentro do mundo da música, porque todo ese background meu de poeta e do humor é o que está presente en Pava porque estou eu, pero resultaba confuso para a xente, e eu non podo estar na música co público da poesía porque entón estou facendo esta inversión de tempo, esforzo e cartos para nada. A música debe ter outro alcance para que sexa máis ou menos rendible porque eu non vou facer oposicións.

Alégrome de que digas iso.

Quero deixalo claro, eu quero quedar aquí. Son creadora de cultura, non podemos valer todas para todo.

Á hora de subir ao escenario, hai diferencias entre recitar e cantar?

Si, eu estou moi cómoda porque me sinto así coa xente coa que traballo, que é a que che dá comodidade. Pero a música ten un alcance e un xeito de expoñerse ao público que é diferente ao da poesía. Nós con Aldaolado temos enchido salas e estamos cun pé no mundo da música tamén, pero noto que é moi diferente o feito de estar arroupada polos instrumentos, ese volume e que as cancións sexan unha cousa pechada. As cancións son unha obra de teatro cun guión.

"Na propia letra da canción defínese o que é o catastro, eu vin clarísimo que era unha metáfora moi boa das relacións en xeral"

A canción máis onírica que tes é Unha cadela chamada Por Favor.

É unha balada de desamor de toda a vida.

Pero pasada polo filtro Lucía Aldao.

Total. É esa maxia que ten o octosílabo, non nos decatamos e estamos súper afeitas a expresarnos con esa métrica. Ás veces, as palabras que queres empregar encaixan moi ben nese quebracabezas. É a que me toca máis a pataca porque me parece súper riquiña, e porque a voz de Gloria Pavía é unha marabilla. O que sempre me flipou da música son as voces especiais, fascínanme dende súper pequena. Lembro ter tres ou catro anos e ir flipada co meu avó no coche escoitando Mari Trini.

É imposible non falar de Catastro, unha canción que asocia conceptos que teñen todo o sentido, aínda que nunca antes estiveran relacionados.

Na propia letra da canción defínese o que é o catastro, eu vin clarísimo que era unha metáfora moi boa das relacións en xeral. Onde estou eu con respecto a esta persoa, que valor teño, onde me sitúo exactamente... Pégalle todo: buscar unha parcela no concello do teu corpo.

Pero como chegaches a esa asociación?

Pois lembro que tiña o de “vou buscar unha parcela no concello do teu corpo”, que me facía unha gracia tola, e co dicionario en man cheguei á palabra catastro. Mirei a definición e decateime de que era iso. Era necesario titular a canción Catastro? Non, podía chamala te quiero mazo ou por favor, non me deixes, pero está moi guai titular catastro unha canción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.