"Este barco ven cangado de xudeus. Son os que acapararon as prazas, corrompendo con diñeiro aos axentes consulares e aos empregados da compañía de Navegación (...) No barco, como en todas partes, gañaron a antipatía de todos os non xudeus. Lástima grande que os demócratas sinceiros empecen a odiar aos xudeus, porque pol-o camiño que van chegarán a coincidir con Hitler. A culpa é dos propios xudeus". En 1947, nun fragmento dos seus Cadernos, Castelao amosa unha visión moi negativa sobre os xudeos, que se repetirá en moitos outros textos.
"Non representa ningunha excepción dentro do seu contexto histórico, político e cultural ao expresar semellante antisemitismo"
O número 202 da revista Grial, dedicado ao rianxeiro, Craig Patterson publica unha investigación -"Delito e pecado. Castelao, Galicia e o antisemitismo"- na que analiza a relación de Castelao co antisemitismo e as súas posibles orixes. Patterson (que está a rematar a edición inglesa de Sempre en Galiza) percorre os escritos do autor e atopa numerosos exemplos de expresións e opinións negativas sobre os xudeus e a cultura xudea, as máis delas moi superficiais, baseadas nos estereotipos habitualmente ligados a esta comunidade (avaricia, control da política e das finanzas). Patterson sinala a este respecto que Castelao "non representa ningunha excepción dentro do seu contexto histórico, político e cultural ao expresar semellante antisemitismo. Aínda que nos resulta repugnante hoxe día, ou debería, o seu antisemitismo resulta ser perfectamente coherente con aqueles tempos, desafortunadamente".
Por suposto, Castelao rexeita rotundamente non só as políticas raciais do nazismo, senón mesmo certas consideracións teóricas dunha parte do nacionalismo centradas na raza: "para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con todal-as razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado. Endexamáis medimos os diámetros do noso cráneo, nin llo medimos a ninguén". Porén, si que nunha ocasión realiza unha crítica de maior calado cara aos xudeos, criticando o seu internacionalismo: "O rexurdimento das nacionalidades é un feito e os mesmos xudíos, sostendo c-oa súa intelixencia e os seus cartos o internacionalismo, non fan senón defenderen a súa raza, seu territorio. Os xudíos son os únecos nemigos verdadeiros do nacionalismo".
"Con optar por un Castelao menos sagrado e máis humano, podemos todos optar por ser cidadáns galegos máis éticos e menos dogmáticos"
O pasado ano Patterson publicou unha análise sobre as visións negativas expresadas por Castelao cara aos negros, unha investigación na que destacaba como a súa opinión fora evolucionando co tempo, até posicións máis abertas, nunha caste de "redención". O autor aposta pola "desmitificación" do escritor, artista e político galego, pois "con optar por un Castelao menos sagrado e máis humano, podemos todos optar por ser cidadáns galegos máis éticos e menos dogmáticos".
Era Castelao antisemita? En que o deixa ver?
Si, foi. Expresa en diversos lugares do seu traballo un antisemitismo social, cultural, económico e político. Os seus comentarios sobre os xudeus ou a cultura xudía ou son neutros, ambivalentes, ou directamente despectivos.
De onde procede? Lendo algúns dos fragmentos semella que incorre sobre todo en certos estereotipos (a riqueza, a avaricia, o desexo de control mundial...), sen excesiva análise.
Dunha banda, non sabemos. Conxeturo se Castelao tivera contacto cos xudeus durante a sua infancia en Bernasconi, Arxentina, e é máis que probable, aínda que nos faltan datos. Doutra banda, Castelao expresa as mesmas ideas e prexuízos sobre os xudeus e cultural xudía que atopamos en tantos outros escritores e contextos na cultural europea e occidental. Ademais, tivo contacto con eles durante as súas diversas viaxes e estadías noutros países. Sabemos, por exemplo, que non lle caían ben os xudeus de Nova York cando viviu brevemente ali porque cría que o lobby xudeu o trataba mal no tocante a compra e venda da súa obra artística.
Castelao evoluciona dende posicionamentos racistas até outros máis abertos. Sucede o mesmo coa súa visión dos xudeus?
Non, para nada. Cos negros e coa negrofobia de Castelao, acontece un tipo de redención coa que identifica humanamente coa cultura e sociedade negra, de tal maneira que supera de maneira moi conmovedora os seus prexuízos anteriores, aínda non deixa de facer comentarios despectivos por completo. Non obstante, non hai semellante mudanza no tocante ás súas actitudes cara á cultura e xente xudía. Notamos un desprezo por non dicir odio constante ao longo da súa obra, cartas e escritura.
"Noto unha postura un tanto defensiva da súa figura, incluso de investigadores rigorosos e en gran parte obxectivos, e unha tentativa de desculpar esas actitudes con referencia ao contexto socio-cultural máis amplo"
A súa posición é explicable ou desculpable polo contexto histórico?
Non creo que nunca podamos desculpar o indesculpable, aínda que o podemos contextualizar, comprender e situar nun contexto perfectamente humano, demasiado humano. Con todo, Castelao non representa ningunha excepción dentro do seu contexto histórico, político e cultural ao expresar semellante antisemitismo. Aínda que nos resulta repugnante hoxe en día, ou debería, o seu antisemitismo resulta ser perfectamente coherente con aqueles tempos, desafortunadamente. O antisemitismo de Castelao non é nada lixeiro cando afirma que os propios xudeus evocan a antipatía que senten por eles os demócratas que acabarán coincidindo con Hitler, idea expresada por Castelao en 1947. Tampouco esquezamos que a postura de Castelao no relativo aos xudeus ten moito que ver en carácter, non en alcance, coa de Vicente Risco; a única diferenza respecto da xudeofobia de Risco estriba en que a do ourensán é un chisco máis extrema e se expresa con máis frecuencia. Tampouco esquezamos as tendencias antisemitas do franquismo e a proximidade incómoda das ideas expresadas por Castelao coas fontes do antisemitismo do nacionalismo católico e as súas raíces. Daquela, espero que no futuro aqueles, sexan analistas, investigadores ou políticos, que critican a Risco por iso tamén fagan referencia a Castelao. Outra cuestión, claro, é a fidelidade de cada un á causa galeguista e antifranquista a pesar destas proximidades, e neste caso resultan dous exemplos ben distintos.
Hai uns meses publicaches unha investigación sobre o racismo en Castelao. Lembro un comentario teu nas redes sociais no que aclarabas que non tiñas intención de atacar a súa figura, senón todo o contrario. Que feedback estás recibindo?
En xeral, ben. A maioría da xente descoñece esa faceta de Castelao, porén parécelles moi interesante a análise que realizo nestes traballos. Non é de sorprender que noto unha postura un tanto defensiva da súa figura, incluso de investigadores rigorosos e en gran parte obxectivos, e unha tentativa de desculpar esas actitudes con referencia ao contexto socio-cultural máis amplo. Con todo, de momento non recibín ningún correo anónimo, agresivo ou ameazador en relación a eses traballos, cousa que me pasaba a veces cando publicaba algún artigo de opinión na prensa galega.
"Non podemos relacionarmos cunha icona absolutamente impecable e irracionalmente perfecta"
Os aspectos positivos na obra, na vida e no pensamento de Castelao compensan sobradamente os elementos cos que podemos ser críticos, coma este? Unha excesiva mitificación reduce a Castelao á superficialidade ou, peor, a un mito moldeable por calquera?
Castelao non é un deus. Foi un ser humano extraordinario, complicado e acomplexado como somos todos. Agora é todo un legado identitario nacional. Daquela, representa ese legado unha ferramenta potente que se debería empregar por ben do país como colectivo e coa máis absoluta transparencia e honestidade ética, sen glorificar dogmaticamente a súa figura ata o punto de perder esa figura toda a súa humanidade complexa e polo tanto universal. Sabemos relacionarmos con el precisamente porque nel vemos nós mesmos tanto os nosos momentos magníficos coma os feos. Non podemos relacionarmos cunha icona absolutamente impecable e irracionalmente perfecta, construción feita a base da manipulación ideolóxica de calquera partido político ou agrupamento que sexa.
Si, Castelao foi antisemita, ademais de expresar ideas claramente racistas sobre os xitanos e posturas cuestionábeis sobre a cuestión de xénero. Con todo, nunca deixará de ser, se cadra á beira de Rosalía, a figura que mellor plasma a identidade galega coas súas arelas políticas e sociais. A súa maneira de reivindicar o dereito galego de decidir o seu propio futuro e destino nunca deixará de conmover ao lector que se achega á súa obra coa mente aberta. Cousas segue sendo unha meditación profundamente tenra e humana. Sempre en Galicia causa arrepíos ao lector ao decatarse dos moitos problemas daquela que aínda existen hoxe, sen atopar solución hoxe en día, tantas décadas despois. Castelao non deixa de ser un defensor absoluto de Galicia, o galego e da galeguidade, cun poder expresivo tanto potentísimo como conmovedor. Concordo co que a mellor forma do patriotismo consiste na disidencia, e con optar por un Castelao menos sagrado e máis humano, podemos todos optar por ser cidadáns galegos máis éticos e menos dogmáticos.