'Antes de nós' xa está nas salas de cine de toda Galicia. Dirixida por Ángeles Huerta con guión de Pepe Coira, achégase a dous momentos da vida de Castelao e Virxinia Pereira, interpretados por Xoán Fórneas e Cris Iglesias
O filme Antes de nós achégase a dous momentos da vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira Renda, o seu regreso á Medicina del, para exercer como médico en Rianxo ante a crise da gripe española, que provoca a mudanza desde Pontevedra; e a súa experiencia como pais que perden ao seu único fillo, Chuchiño, con tan só 14 anos. Os coidados, a empatía e o amor sobresaen nesta historia que tamén é política, a pesar de que quede ás portas da celebración da I Asambleia Nazonalista en Lugo.
As responsabilidades e os retos eran múltiples á hora de afrontar un filme con Castelao no centro, pero o equipo da película trouxo o mito á terra e dialogou co home de ti a ti para contar esta historia con guión de Pepe Coira e producida por Zaza Ceballos. A directora, Ángeles Huerta, e os dous actores protagonistas, Xoán Fórneas e Cris Iglesias, pasaron días pechados documentándose e lendo a correspondencia de Virxinia, esposa de Castelao e un piar imprescindible para que as súas ideas políticas chegasen ata os nosos días. “O que tal choramos con Cris lendo en voz alta a primeira carta de Virxinia a Otero Pedrayo despois da morte de Castelao!”, lembra Huerta.
"Esta é unha película que está en proceso de secularizar a Castelao"
“Ao final é que o propio reto se acaba convertendo nun aliciente. Precisamente pola deificación de Castelao parece que é particularmente pertinente secularizalo. Entón, si, esta é unha película que está en proceso de secularizar a Castelao. Despois, penso que, como lin no proceso de documentación da película, á parte de ser un personaxe histórico, Castelao é unha conversa aberta da que o propio Castelao participou, en certa medida, durante un tempo. Antes de nós quere participar desta conversa porque ten que ver con quen somos como nación, cara a onde vai Galicia e que é ser galego ou galega mesmo a día de hoxe”, salienta a cineasta Ángeles Huerta.
Nesta ficción, afastada do biopic, o actor Xoán Fórneas interpreta ao home, sen deixarse levar polo mito. “A miña responsabilidade como artista está en emocionar o público, en comunicar como é debido esta historia. Loxicamente, hai unha responsabilidade grande por encarnar a este home, pero logrei desquitarme diso, fíxeno co corazón”, asegura.
"Un dos moitos obxectivos da película é o de coñecer toda esta parte íntima entre Castelao e Virxinia, pois ela fica como unha absoluta descoñecida"
Para Cris Iglesias o reto está en presentar a Virxinia Pereira a quen non a coñeza, e alimentar a curiosidade sobre ela para que a película axude a colocala no lugar da Historia que merece. “Un dos moitos obxectivos da película é o de coñecer toda esta parte íntima entre Castelao e Virxinia, pois ela fica como unha absoluta descoñecida a pesar de que forma a parte do mundo de Castelao no eido persoal, como artista, como político e mesmo como personaxe. E tamén como personalidade comprometida coa lingua e coa política, aínda que isto é algo que sucede máis tarde do que conta o filme, porque aquí vemos dous momentos, que son o da gripe española e cando van á Bretaña francesa. Son momentos moi importantes polo sufrimento e polo cambio tan radical de vida que teñen a causa das súas perdas”, explica a actriz.
“Tratábase tamén de trazar un historial de vida de Virxinia como é debido, dunha señora que á parte de ser muller de Castelao, é moitas outras cousas. Á parte de ser nai e de estar sempre vencellada a un home, como era típico naquela época, era unha muller que viña dunha familia moi concreta, con estudos. Unha muller que sabe apreciar todo ese relato de Castelao como reflexión política e que sabe cambiar, adaptarse. As mulleres dos anos vinte eran sempre correctas, perfectas, non falaban, non tomaban decisións fóra do estabelecido; e de repente, ela cambia a súa ideoloxía, a súa forma de entender a vida, cambia de lingua. Virxinia é moitas máis cousas das que se ven no filme, aquí intentamos dar unha primeira pincelada de alguén que estivo moi invisibilizada”, engade a intérprete coruñesa.
Antes de nós está nas salas de cine de toda Galicia desde este venres. Durante toda a fin de semana o equipo participará en coloquios e presentacións do filme para acompañar a quen asista ás proxeccións.
“Empezamos a película cun Castelao moi centrado en si mesmo, na súa arte, na súa política... E precisamente estar na primeira liña da guerra contra a gripe do 1918 humanízao moitísimo”, apunta a directora. Como impactou esa experiencia na vida de Castelao sabémolo polos seus debuxos e anotacións, pero agora, a través desta ficción, tamén o miramos aos ollos mentres el mira para a súa muller doutra maneira e cun “como vas?” resolve todo o que lle quere dicir; mentres ela, contida, recibe con naturalidade a pregunta a pesar da sorpresa.
"O bonito do Castelao do 1918 é que ten unha mestura de inxenuidade e entusiasmo xuvenil moi forte"
“O bonito do Castelao do 1918, que interpreta maxistralmente Xoán e que creo que ten moita verdade porque Xoán ten moito diso, é que ten unha mestura de inxenuidade e entusiasmo xuvenil moi forte”, defende Ángeles Huerta, que incide no seu recoñecemento ás interpretacións dos protagonistas: “Son dous actores de trinta anos que non son o futuro, son o presente do cinema galego. Dous actores que van facer época non só en Galicia, tamén en España, pero que eu os collo con trinta anos neste proxecto e é algo que lle dá moitísima verdade á película”.
Ambos intérpretes destacan a dificultade de atravesar grandes conflitos e condensalos en pílulas para o espectador. Traballan con grandes conflitos dramáticos como as relacións amorosas, a morte, o sexo, a relación coa enfermidade... “É moi difícil meter todo iso nunha secuencia, nunha frase; pero ten que estar”, di Iglesias. “Levar toda esa carga, que aínda que non se vexa literalmente na escena, ten que estar nesa mochila emocional e mental. Traballamos moito nesa liña, incluso improvisando escenas que logo non estaban na película pero que nos axudaron a entender de onde viñan e onde ían os personaxes”, sinala Fórneas.
"É precisamente esa vulnerabilidade a que o fai tomar decisións éticas que configuran o Castelao político"
A película escolle contar dúas circunstancias ligadas á vida persoal de Castelao e Virxinia, pero iso non significa, como apuntamos, que deixe atrás o político, pois tamén mostra a capacidade de liderado do rianxeiro e apunta ao home político que está agromando cando trata o conflito do Hórreo da Fincheira.
“Penso que queda moi clara esa viaxe de Castelao cando na primeira etapa en Rianxo empeza a visitar esas casas, esas cociñas, onde empeza a ver a miseria do seu pobo. É precisamente esa vulnerabilidade a que o fai tomar decisións éticas que configuran o Castelao político. Por iso, cando soluciona eses problemas de saúde, inspírano para defender a súa xente e comprometerse realmente, porque é un Castelao político. Precisamente, despois desa etapa en Rianxo, vai á primeira asemblea nacionalista das Irmandades en Lugo”, debulla Xoán Fórneas.
“O contacto que ten con a xente máis humilde como médico, a maneira de traballar que ten, entrando nas casas da xente, mirando a morte aos ollos, é algo que como funcionario en Pontevedra non estaba ao seu alcance. Como non o vai marcar?”, pregúntase Ángeles Huerta. “Penso que tamén tiña medo, creo que é en Retrincos cando di isto de ‘por amainar a conciencia guindei co meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer’. El non quería saber nada diso, quería estar aí porque quería axudar, pero como persoa tiña os seus medos. Ser médico non era a súa vocación, está claro, pero conéctao con ese perfil político”, apunta o actor de Lugo.
“Iso salvounos. Todo é político, pero hai algo que tamén te salva. Cando hai un descoñecemento do futuro e un medo tan grande, a ideoloxía e estar no lugar correcto da Historia, sálvante. É algo que creo que está moi vixente a día de hoxe, de que lado te pos? Hai algo aí que te salva desa dor, desa inxustiza, dese odio e dese maltrato que vivían”, afirma Cris Iglesias.
"Para min é marabilloso amosar este Castelao novo, guapo e cheo de vida, e esta Galiza na que todo está aberto e todo está por facer"
A directora avisa de que coa película non tratan de informar, convencer ou documentar a vida de Castelao. “O único que nos interesa é ver que nese chegar á alma de Castelao, chegamos á alma dos espectadores; e que esas epifanías que teñen Castelao e Virxinia ao longo do filme constitúen tamén epifanías propias dos espectadores. Non é tan importante o que a película poida contar sobre Castelao, como o que a película poida contar sobre nós mesmos, sobre todos e cada un, porque estamos intentando facer arte”, defende.
Para Ángeles Huerta resulta especialmente emocionante poder rodar esta parte da historia vital de Castelao, “que realmente acaba mal, é unha historia de derrota”. “Pero para min é marabilloso amosar este Castelao novo, guapo e cheo de vida, e esta Galiza na que todo está aberto e todo está por facer”, asevera. “Sería moi bonito facer un Despois de nós e retratar ao Castelao e á Virxinia do exilio”, engade. Cris Iglesias e Xoán Fórneas apúntanse, queren repetir na pel destas dúas persoas que tanto fixeron polo país.