A letra de Castelao: a tipografía que virou "emblema de galeguidade"

A tipografía creada por Castelao, na capa da conferencia 'Arte e galeguismo' © RAG

No marco da divulgación da súa vida e obra polo Ano Castelao, a RAG destaca o traballo tipográfico do artista e político como "unha das súas grandes achegas ao noso patrimonio gráfico"

A letra de Castelao. Non é difícil que moitas persoas visualicen de que tipografía falamos ao escoitaren ou leren esta expresión sen necesidade de ollaren a imaxe ningunha. E o máis probable é que vencellen esta tipografía co país, coa expresión artística galega ou coa nosa estética. Coa galeguidade.

No marco das lembranzas da vida e obra do artista e político rianxeiro neste Ano Castelao, a Real Academia Galega vén de poñer o foco nela a través do sitio web creado para a efeméride. Porque a tipografía de Castelao, destaca a RAG, é "unha das súas grandes achegas ao noso patrimonio gráfico" non só por "renovar o deseño galego". Tamén por constituír "en si mesma, un emblema de galeguidade".

Castelao, asinando un libro en 1940, nunha imaxe do arquivo da Fundación Rosalía de Castro incluída no Arquivo Dixital de Galicia CC-BY-NC-ND Fundación Rosalía de Castro / Galiciana

A letra creada por Castelao, sinala a RAG, inspírase en formas altomedievais. Por exemplo, "nas epígrafes que estaban presentes en moitas igrexas galegas". E, sobre todo, ten a "evidente" influencia da tipografía dos linteis do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, que estudou a través a obra El Pórtico de la Gloria: estudio sobre este célebre monumento de la basilica compostelana, editada por Antonio López Ferreiro en 1893.

As letras deseñadas por Castelao forman "un conxunto coherente" co resto da súa vida e obra porque "comparte con eles as mesmas intencións políticas e de reivindicación da identidade galega", subliña a Academia

Dende a procura dun "estilo propio" tipográfico acompañando unha caricatura de Valle-Inclán na revista Galicia Moza (1909) ata a que a RAG considera "primeira mostra" da súa tipografía en sentido estrito, na cabeceira d'A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala (1917), estas letras forman "un conxunto coherente" co resto dos seus feitos creativos e de pensamento. Porque, subliña a institución académica, "comparte con eles as mesmas intencións políticas e de reivindicación da identidade galega".

A RAG custodia algunhas mostras senlleiras da tipografía de Castelao, como a empregada na cuberta da súa conferencia Arte e Galeguismo. Nalgúns casos, a letra é "unha ferramenta ao servizo da plástica", coma un debuxo ou ilustración, caso da capa O Diputado por Veiramar, de Gonzalo López Abente. Andando o tempo, Castelao converteuna en protagonista "absoluta" en deseños de cubertas, amosando "o seu gusto polo minimalismo, unha tendencia vangardista inxustamente pouco recoñecida ao artista rianxeiro.

A tipografía de Castelao, nas capas de senllas obras de Ramón Cabanillas e Xosé Filgueira Valverde © RAG

"Nun primeiro momento" esta tipografía "non contou con apoios na industria editorial", salienta a análise da RAG. Non obstante, agregan, "esta reinterpretación de formas epigráficas medievais logrou instalarse no imaxinario colectivo galego e serviu de inspiración a outros artistas e deseñadores". Foi o caso "de Camilo Díaz Baliño e, sobre todo, no de Isaac Díaz Pardo a través do seu programa tipográfico do Laboratorio de Formas de Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.