Unha ducia de vídeos, documentos e webs sobre Castelao para celebrar o seu 75 cabodano
Hai uns meses presentouse a web castelao2025.gal, impulsada polas institucións e entidades que forman parte da comisión para a celebración do 75 cabodano de Castelao. A páxina, que dá conta das actividades organizadas co gallo da conmemoración, inclúe tamén un apartado de recursos de todo tipo -vídeos, textos, enlaces...- para afondar na vida e na obra do rianxeiro. Velaquí algúns deles.
-
01
Castelao e os irmáns da liberdade
Castelao e os irmáns da liberdade é un documental realizado no ano 2000 por Xan Leira que inclúe entrevistas con Xaime Illa Couto, Antón Fraguas ou Francisco Fernández del Riego.
-
02
Unha recreación do discurso "Alba de gloria" de Castelao
Este outro vídeo busca reproducir o ambiente da primeira lectura de Alba de Gloria, o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires, onde causou un grande impacto na audiencia. Foi producido para a exposición Alba de Gloria. Unha experiencia, inaugurada en 2018 na igrexa de San Domingos de Bonaval.
-
03
Consello de Galiza, o goberno galego no exilio
O documental Consello de Galiza o goberno galego no exilio analiza nos seus 45 minutos o proceso que deu lugar á constitución deste órgano o 15 de novembro de 1944 en Montevideo. Conta con testemuños de históricos galeguistas e republicanos coma Lois Tobío, Mariví Villaverde, Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, Santiago Carrillo, Elixio Rodríguez e de expertos como Miguel Anxo Seixas Seoane.
-
04
Castelao. De chumbo a verba
Castelao. De chumbo a verba é un documental ficcionado dirixido en 2017 por Miguel López que mestura recreacións con imaxes de arquivo. Miguel Pernas, Uxía Blanco e Iago Novoa son os intérpretes, nun filme que conta cunha pequena actuación da cantante Maria do Ceo
-
05
Buenos Aires, capital do libro galego no exilio
Outro dos vídeos que se destacan entre os recursos sobre Castelao é estoutro documental, Buenos Aires, capital do libro galego no exilio, que aínda que non trata directamente sobre o rianxeiro, recolle ben o ambiente cultural da emigración e o exilio galego na capital arxentina durante os anos nos que Castelao viviu alí.
O documental, realizado en 2021, conta cos testemuños de Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luis Axeitos, Xosé Neira Vilas, Maruxa Seoane, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Arturo Cuadrado ou Mariví Villaverde.
-
06
Visita virtual ás salas de Castelao no Museo de Pontevedra
A obra plástica de Castelao está presente nun gran número de museos e coleccións de toda Galicia (por exemplo en Afundación) e tamén protagonizou varias exposicións, como por exemplo a Castelao maxistral da Cidade da Cultura ou a xa referida Alba de Gloria do CCG.
Pero sen dúbida o Museo de Pontevedra conserva a parte máis importante do seu legado artístico, un total de 1.800 pezas, das que se expón unha parte no edificio que leva o seu nome. Entre elas, algunhas das súas mellores obras pictóricas e tamén os contidos do Álbum Nós, adquirido polo Museo en 2021.
Pódese realizar unha visita virtual polo Museo de Pontevedra para percorrer as salas dedicadas ao rianxeiro.
-
07
Castelao: o retorno a Galicia, 1984
O pasado ano celebrouse o 40 aniversario da chegada a Galicia dos restos de Castelao, que dende 1984 descansan no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval. Con ese motivo, o Museo de Pontevedra organizou Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, unha exposición comisariada por Xosé Enrique Acuña composta por 52 imaxes tiradas ese día polo fotógrafo para A Nosa Terra.
Nese momento publicamos unha ducia desas fotografías, que retratan varios momentos daquela histórica xornada.
-
08
Fotogalería na web da Fundación Castelao
Son tamén numerosas as imaxes que retrataron en vida a Castelao, amosando tanto a súa vida persoal como a súa traxectoria cultural e política. A Fundación Castelao recolle na súa web unha escolma desas fotografías, que tamén destacamos hai un tempo nestoutra ducia.
-
09
Roteiros
A vida de Castelao decorreu por moi diversos lugares, por distintos motivos. Por suposto Rianxo, Arxentina e Pontevedra, pero tamén Nova York, Bos Aires, Badaxoz, Compostela, París ou Moscova.
Na web pódense atopar varios roteiros que seguen os seus pasos por Rianxo, polo conxunto do Barbanza e tamén Pontevedra. E mesmo pola Habana.
En Praza fixemos tamén esta ducia, que percorre algúns dos lugares que marcaron a vida de Castelao.
-
10
Especial de 'Opinión gallega' (1961) no undécimo aniversario da morte de Castelao
Na web dos actos de conmemoración do 75 aniversario da morte de Castelao recóllense tamén algúns documentos significativos, como o número especial publicado en 1961 por Opinión gallega no undécimo cabodano do rianxeiro. Trátase dun xornal publicado entre 1945 e 1965 polo Centro Orensano e polo Centro Pontevedrés en Bos Aires e no que o propio Castelao colaborou nos seus inicios.
-
11
Discurso de ingreso de Castelao na RAG en 1934
Tamén se destaca o discurso de ingreso de Castelao na Real Academia Galega, que tivo lugar o 25 de xullo de 1934 na Coruña. Castelao leu o estudo As cruces de pedra na Galiza, nunha intervención respondida por Antonio Villar Ponte.
-
12
Un ollo de vidro
O Consello da Cultura no marco do seu proxecto Seara, no que se publicaron en inglés e galego textos destacados da historia da literatura galega, incluíu Un ollo de vidro, de Castelao, nunha iniciativa que buscaba chegar a unha "comunidade internacional de lectores e lectoras".
Esta edición de Un ollo de vidro / A glass eye inclúe un audio de Luís Iglesia lendo o relato. O CCG tamén recolle na súa web as locucións de Santiago Prego, Avelino González e Cándido Pazó lendo contos de Castelao nun audiolibro publicado no ano 2000.