Praza Pública

Unha ducia de imaxes de Castelao na nova web da Fundación

Coincidindo co 137 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a Fundación que leva o seu nome presentou a súa reformada web, un máis do cambios que está a presentar nos últimos meses a institución, presidida dende o pasado mes de outubro por Miguel Anxo Seixas Seoane. A Fundación Castelao reclama unha nova sede en Compostela, a posta en marcha dun museo en Rianxo e que a estación de tren de Santiago tome o nome do intelectual

  1. 01

    Castelao e Virxinia

    A nova páxina da Fundación Castelao ten un apartado dedicado á vida do intelectual, con varias fotografías familiares, entre elas a de Castelao coa súa dona Virxinia Pereira, con quen casou en 1912.

  2. 02

    Castelao pintor

    Castelao, autodidacta, sempre desexou converterse en pintor. Cultivou o realismo, o modernismo, o simbolismo e o expresionismo. En 1914 sufriu unha coriorretinite que lle deteriorou a vista e que o afastou da pintura (tamén do exercicio da medicina). Na imaxe, o cadro Cego con lazarillo, de 1915

  3. 03

    Castelao, humorista gráfico

    Excelso debuxante e caricaturista amais de ilustrador e deseñador gráfico, co humorismo gráfico na prensa "converteuse na conciencia de Galicia", destaca a Fundación. Publicou en xornais moi diversos: Galicia moza, El Barbero Municipal, La Voz de Galicia, El Noroeste, A Nosa Terra, El Sol, Galicia, Faro de Vigo...

  4. 04

    Castelao, escritor

    Relatos (mesmo microrrelatos), novela, teatro, ensaio... Castelao cultivou varios xéneros, especialmente nos anos 20 e no comezo dos anos 30, antes de que a política e o exilio o afastasen un chismo do labor literaio

  5. 05

    Fundación do Partido Galeguista

    Ao ser elixido deputado, en 1931, Castelao entra na política activa. Desde entón copilota o Partido Galeguista con Alexandre Bóveda e coa Fronte Popular gañan as eleccións de 1936, conseguindo o Estatuto de Autonomía. Na imaxe, fundación do Partido Galeguista; Castelao está ao fondo, de pé, o primeiro pola dereita da foto.

  6. 06

    Estampas da guerra

    Desde novembro de 1936, Castelao reside en Valencia, onde está instalado o Goberno da República. Alí concibe e publica os dous primeiros álbums da guerra, con dez estampas cada un, inspiradas en dez relatos dos soldados galegos, fuxidos da Galicia ocupada polo fascismo.

  7. 07

    Castelao no exilio

    Castelao exiliouse en 1938 e en 1940 instalouse en Bos Aires, aínda que durante eses anos realizou estadías en Nova York, Cuba, Montevideo e mesmo unha viaxe á URSS.

  8. 08

    Presidente do Consello da Galiza

    O pasado domingo o presidente do Parlamento anunciou o acordo de todas as forzas da cámara para organizar unha homenaxe a Castelao na súa condición de presidente do Consello de Galiza, entidade creada en 1944 en Montevideo a iniciativa do rianxeiro. Nun primeiro momento estaba formada ademais por Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde

  9. 09

    Ministro do Goberno republicano no exilio

    En 1946 Castelao foi nomeado ministro do Goberno Republicano no exilio, presidido por José Giral, residindo en París ata o ano 1947. Na imaxe, visita do Executivo republicano á sede da UNESCO, en compañía de Picasso.

  10. 10

    Pasamento

    Castelao faleceu dun cancro de pulmón o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires. Na imaxe, concentración de persoas diante do Sanatorio do Centro Galego, o día do seu pasamento

  11. 11

    Enterro

    O día 9 de xaneiro de 1950 Castelao foi soterrado no cemiterio da Chacarita, no Panteón do Centro Galego. Unha ducia de carrozas acuguladas de flores e moitísimos carros particulares paralizaron o tránsito da Avenida Belgrano de Bos Aires.

  12. 12

    Fundación Castelao

    84 persoas formaron parte dende 1984, como membros fundadores, da Fundación Castelao co obxectivo de "estimular e favorecer a lingua e a cultura galega en xeral e, en particular, fomentar a identidade galega na que tanto se distinguiu o xenio de Castelao". Na imaxe, Teresa Rodríguez Castelao asina a escritura da Fundación Castelao en presencia doutros padroeiros fundadores