Unha ducia de lugares do mundo que marcaron a vida de Castelao
Son moitos os lugares importantes na vida de Castelao. Por suposto Rianxo e Pontevedra, pero tamén Bernasconi na Pampa, Nova York, Bos Aires, Badaxoz, Compostela, París, Moscova ou Madrid. Repasamos aquí algúns deles no inicio do ano 2025 no se que se está a conmemorar o seu 75 cabodano.
-
01
Casa natal
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886. Os seus pais, Xaquina Castelao e Mariano Rodríguez, non dispoñían de casa propia, e nese momento vivían neste inmoble do número 29 da rúa Cabo da Vila (actual rúa de Paio G. Charino), unha vivenda na que Castelao residiu ata os 11 anos
-
02
Bernasconi
O pai de Castelao emigrara á Arxentina aos tres meses de nacer Daniel -como lle chamaban na casa-. Aos dez anos a Castelao e a súa nai marchan á Arxentina ao encontro do pai. Instálanse na Pampa, na localidade de Bernasconi, onde vive ata os 14 anos, momento en que a familia regresa a Galicia, aínda que o pai volvería aínda tres anos despois.
-
03
Compostela
Entre 1900 e 1903 Castelao viviu en Rianxo, pero despois marcha a Compostela a estudar a carreira de Medicina, que cursa ata 1909. Castelao viviu primeiro no pazo de Raxoi (na habitación dun empregado) e máis tarde no número 9 da rúa do Castro.
-
04
Rianxo
En 1909 e 1910 reside en Madrid, onde fixo un curso de doutoramento que non completou. A partir de 1910 instálase de novo en Rianxo, na casa dos avós, e comeza a exercer como médico rural. En 1912 casa con Virxinia Pereira Renda na Estrada, de onde ela era orixinaria. Na Estrada nace en 1914 o seu único fillo, Alfonso Xesús de Braga.
Neste roteiro deseñado por Cultura Galega pódense percorrer os lugares do Barbanza que foron importantes na vida de Castelao
-
05
Pontevedra
En 1915 oposita en Madrid a funcionario do Instituto Xeográfico Estatístico e aprobada a oposición instálase en Pontevedra, onde reside entre 1916 e 1936. A familia viviu en dúas vivendas; a segunda foi esta do número 8 da rúa da Oliva. Dende alí ía camiñando ata o seu traballo nun baixo da Praza da Ferraría.
Neste roteiro de Cultura Galega amósanse os lugares de Pontevedra que marcaron a súa longa estadía na cidade.
-
06
Bretaña
Neses anos desenvolve o groso da súa actividade artística e política. Ademais, nese tempo realiza diversas viaxes. Por exemplo,en 1921 -grazas a unha bolsa de viaxe da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas- viaxou a Francia (París), Bélxica (Bruxelas, Gante, Bruxas e Anveres) e Alemaña (Berlín e Múnic) para estudar a arte deses países.
Ademais, en 1929, cunha nova bolsa da mesma entidade, viaxa coa súa dona a Bretaña para estudar os cruceiros, un traballo que deu lugar á obra As cruces de pedra na Bretaña.
-
07
Badaxoz
Coa chegada da República, Castelao é elixido deputado en Cortes no ano 1931. Porén, no Bienio Negro que seguiu á vitoria das dereitas das eleccións de 1933, a reacción do Goberno que seguiu á Revolución de 1934 termina co desterro de Castelao en Badaxoz, onde Castelao estivo preto dun ano.
Foi unha dura experiencia que el mesmo describiu así nunha carta a Otero Pedrayo: "Badaxoz fáiseme insoportable. O Hotel é triste e cheira a cascudas en vinagre. A Oficiña afógame. ¿Qué podo facer? Durmir, durmir e durmir"
-
08
Madrid
A vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936 abre o proceso que deu lugar á aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía. Castelao, deputado, viaxa a Madrid o 14 de xullo para reunirse do Presidente das Cortes e co Presidente da República e facer entrega oficial do texto estatutario. A viaxe sálvalle a vida, pois probablemente de ter estado en Galicia o 18 de xullo os golpistas teríano executado.
-
09
Moscova
Nos meses seguintes Castelao reside entre Madrid, Barcelona e Valencia, traballando na propaganda a prol da República e na organización das milicias galegas, xunto co Partido Comunista. En abril e maio de 1938 viaxa no marco dunha comisión cultural republicana á URSS, onde visita Leningrado e Moscova, ademais de Ucraína e Acerbaixán.
-
10
Nova York
En xullo de 1938 Castelao exíliase definitivamente no paquebote Ille de France en dirección a Nova York, onde tiña o encargo do Goberno de realizar unha campaña de axuda á República. Nesta estadía visita as principais cidades do país e permanece case un ano en Nova York, no hotel Alamac (na imaxe).
Non foi un tempo agradable para o rianxeiro: (“Eu atópome en Nova York como nunca gaiola de ferro. Loito co inglés, que xa vou traducindo, pero non falo. Non vexo maneira de vivir. Busco e non atopo"), pero desa viaxe xorden os Debuxos de Negros, ademais dunha parte importante do Sempre en Galiza. -
11
A Habana
Dende Nova York Castelao viaxou á Habana en novembro de 1938, unha estadía curta, pero que o marcou profundamente. Cultura Galega detallou o seu paso pola illa neste roteiro, destacando os lugares nos que se aloxou (o Hotel Royal Palm) ou nos que realizou actos públicos. Durante a súa estadía Castelao relacionouse con diferentes personalidades e institucións. Ademais, participou na campaña das eleccións ao Centro Gallego da Habana apoiando á Hermandad Gallega.
-
12
Bos Aires
Por fin en abril de 1940 recibiu a ansiada "Carta de residencia" que lle permitiu instalarse en Bos Aires, onde chega en xullo de 1940. Nos dez anos seguintes a familia residiu no apartamento R do sétimo piso deste edificio do número 2605 da Avenida Belgrano.
-
13
Montevideo/París
Neses anos Castelao só abandona Arxentina para viaxar a París entre 1946 e 1947 para ocupar o seu posto de ministro no goberno republicano no exilio, presidido por José Giral. Ademais, viaxa en varias ocasións a Montevideo, onde o 15 de novembro de 1944 se constitúe o Consello de Galiza, que Castelao preside ata a súa morte en 1950. Na imaxe, Castelao en Montevideo con Xesús Canabal Fuentes e Manuel Meilán Martínez.
O pasado 15 de novembro, na conmemoración do 80º aniversario do Consello de Galiza, Castelao foi recoñecido simbolicamente como primeiro presidente de Galicia.
-
14
Chacarita
O 2 de xaneiro de 1950 Castelao ingresa no Sanatorio do Centro Gallego de Buenos Aires, onde morre o 7 de xaneiro. Foi soterrado o día 9 no Cemiterio da Chacarita (na imaxe, nunha visita de Alfonso Paz Andrade). Unha ducia de carrozas acuguladas de flores e moitísimos carros particulares paralizaron o tránsito da Avenida Belgrano de Bos Aires durante o seu traslado ao camposanto.
-
15
Panteón de Galegos Ilustres
O 28 de xuño de 1984 Castelao regresa a Galicia para ser soterrado no Panteón de Galegos Ilustres, onde na actualidade é homenaxeado.
Unha ducia de momentos do regreso dos restos de Castelao a Galicia en 1984