Unha ducia de curiosidades sobre o Panteón de Galegos Ilustres no 40 aniversario da chegada dos restos de Castelao
O 28 de xuño de 1984, hai 40 anos, os restos de Castelao regresaban a Galicia para ser soterrados entre protestas no Panteón de Galegos Ilustres -agora, á fin, oficialmente de Galegas e Galegos Ilustres-. Este espazo, situado na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela, acolle tamén as tumbas de Rosalía, de Alfredo Brañas, de Francisco Asorey, de Ramón Cabanillas e de Domingo Fontán. Repasamos aquí a súa historia e algunhas curiosidades.
-
01
O Panteón
"O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica, é o espazo físico destinado a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñan contribuído significativamente á afirmación da identidade de Galicia, ao coñecemento desa identidade e á súa defensa, así como ao desenvolvemento do progreso do pobo galego en particular e da humanidade en xeral". Así o destaca o Artigo 1 da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres,, aprobada o pasado ano.
Situado na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela, acolle tamén as tumbas de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Domingo Fontán.
-
02
As orixes
Dende finais do século XIX comezou a xermolar nos círculos galeguistas e tamén nas comunidades de galegos na diáspora a idea de instituír un espazo no que honrar a persoas clave para a identidade do país, como se viña facendo por exemplo en Francia dende 1791.
No ano 1891, por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudantes da Facultade de Dereito da USC, tomouse o acordo, co consentimento de Manuel Murguía e da familia de Rosalía de Castro, de trasladar os restos mortais da escritora desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, ata a igrexa de San Domingos de Bonaval.
A revista La Patria Gallega recolleu o proceso nun número especial que dá conta do traslado e inhumación e que inclúe varios poemas dedicados a Rosalía, entre eles o A Rosalía! de Curros Enríquez
-
03
Rosalía de Castro
Rosalía foi a primeira ocupante do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, nun mausoleo obra de Jesús Landeira Iglesias. O traslado e a construción do mausoleo foron posibles grazas ao apoio entusiasta das colectividades galegas en América.
-
04
Alfredo Brañas
O Panteón comezou a selo coa inhumación en 1906 de Alfredo Brañas, que morrera en 1900, con só 41 anos de idade. O pensador rexionalista foi colocado fronte a Rosalía, cunha inscrición na que se pode ler "Aquí yaz Alfredo Brañas Menéndez, boo cristiano: agarimo d'a terra gallega, sabido maeso na Escola compostelana. Deus o teña no ceo".
-
05
Misas por Rosalía e Brañas no Panteón
O Panteón só contiña nese momento os restos de dous persoeiros. Porén, o galeguismo buscaba converter este espazo nun símbolo da identidade do país. En 1932, por iniciativa dun "feixe de galeguistas de Sant-Yago", comezou a celebrarse o día 24 de xullo "unha misa pol-as almas de Rosalía e de Brañas, na Eirexa onde as súas cinzas agardan a resurrección final", concibida como un acto de "xuntanza da relixiosidade e do patriotismo galego", segundo a crónica do acto publicada no número 104 da revista Nós.
O acto repetiuse nos tres anos seguintes, pero foi interrompido pola sublevación fascista de 1936. As misas votivas por Rosalía regresaron en 1947 e pasaron a celebrarse os 25 de xullo.
-
06
Asorey
O terceiro ocupante - o escultor Francisco Asorey- chegou en 1961, coa particularidade de ser o único que foi directamente soterrado no Panteón, xusto despois do seu falecemento.
-
07
Ramón Cabanillas
O cuarto foi outro cambadés, o poeta Ramón Cabanillas, finado en 1959 e cuxos restos foron trasladados ao Panteón en agosto de 1967. Foi soterrado no chan da capela.
-
08
Castelao
Castelao morreu en Bos Aires e foi soterrado no cemiterio de Chacarita o 9 de xaneiro de 1950. 34 anos despois, a Xunta de Galicia presidida por Fernández Albor leva a cabo -de acordo coa familia do rianxeiro- o proceso para repatriar os restos do líder nacionalista e así soterralo no Panteón. O seu mausoleo atópase nunha capela anexa á principal, a do Santo Cristo, que é a máis antiga da igrexa.
-
09
Chegada dos restos de Castelao
Os restos de Castelao chegan a Galicia coincidindo co aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936, o 28 de xuño de 1984 e entre as protestas dunha parte do nacionalismo. O ingreso do féretro no Panteón foi acompañado de cargas policiais contra os manifestantes que rodeaban Bonaval.
-
10
Domingo Fontán
A derradeira incorporación ao Panteón chegou o 30 de nadal de 1988, co traslado dos restos do xeógrafo Domingo Fontán, cuxa tumba foi situada no chan da capela, entre Rosalía e Cabanillas. Fontán fora soterrado inicialmente no cemiterio xeral de Santiago en 1866.
O DOG do 19 de abril publicara o acordo do Consello de Cultura Galega da apertura dun expediente para declarar a Fontán "galego ilustre, con dereito a ser soterrado no Panteón das meirandes personalidades do País Galego".
No acto estiveron presentes o presidente da Xunta, Fernando González Laxe; o conselleiro de Cultura, Alfredo Conde; o presidente do Consello da Cultura, Ramón Piñeiro; e o director do Museo do Pobo Galego, Antonio Fraguas, ademais do alcalde de Santiago ou o alcalde de Portas.
-
11
E, por fin, a Lei do Panteón
O Panteón sufriu durante décadas o abandono, como foi denunciado publicamente polo Museo do Pobo Galego ou a Fundación Rosalía de Castro, entre outros. Ademais, durante anos era necesario pedir permiso á Igrexa para realizar actos no Panteón, pois unha sentenza do Tribunal Supremo recoñecía que a propiedade do templo correspondía ao Arcebispado.
En agosto do pasado ano o Parlamento aprobou a Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e sentou as bases dunha Fundación que debe conservar o espazo e xestionalo.
Nunha disposición adicional establécese que "tendo en conta o carácter histórico do Panteón sito na igrexa de San Domingos de Bonaval, non se realizarán novos enterramentos nel". Porén, sinálase que o Panteón "honrará as galegas e os galegos que se teñan distinguido durante a súa vida polos servizos prestados a Galicia"
-
12
Os outros panteóns
O Panteón de Galegos e Galegas Ilustres non é o único panteón que se pode destacar en Galicia, aínda que si é o máis recente. Pódese destacar o Panteón Real da Catedral de Santiago, que contén os sepulcros de dous reis e outras destacadas personalidades do Reino de Galicia, como Raimundo de Borgoña, Afonso VII e Berenguela, Fernando II ou Afonso VIII. En 1926 incorporouse a derradeira sepultura, a de Pedro Froilaz, Conde de Trastámara e de Traba.