Unha ducia de obras de Asorey, protagonista do Día das Artes Galegas
En 2024 o escultor Francisco Asorey será homenaxeado no Día das Artes Galegas, que se celebra o 1 de abril de cada ano por iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), e que vai xa pola súa novena edición. A relevancia de Asorey, considerado unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica do século XX, é maior se temos en conta a visibilidade das súas obras, distribuídas por un gran número de espazos públicos de varias localidades galegas: Lalín, Cambados, A Coruña, Vigo, Cangas, Compostela, Lugo, Pontevedra, Mondariz ou Samos.
-
01
Monumento a Curros Enríquez (A Coruña)
Unha das creacións máis coñecidas de Asorey é o monumento a Curros Enríquez que preside os Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, unha obra inaugurada en 1934 en homenaxe ao poeta, falecido en 1908. Xa nese ano se creara unha comisión para a construción do monumento, pero ante a falta de fondos o proxecto foi sucesivamente adiado.
A obra de Asorey, inaugurada polo presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora, está formada por grandes bloques de pedra semellantes a dolmens ou aras celtas; a cada lado da escultura hai senllas representacións da vida no campo galego e na parte superior unha muller espida cos brazos ergueitos representa a apoteose de Galicia.
-
02
Monumento a San Francisco (Santiago)
Outra das obras máis coñecidas de Asorey é o monumento a San Francisco que se atopa diante da igrexa do Convento de San Francisco do Val de Deus, en Compostela. Con 12 metros de altura, foi realizada entre 1926 e 1930. O profesor Ramón Otero Túñez considérao como "o máis grandioso dos cruceiros galegos e un modelo inestimable da fusión de estéticas primitivista e románicas, revisitadas baixo o ollo da modernidade"
-
03
Monumento a Eduardo Cabello (Vigo)
Eduardo Cabello foi o enxeñeiro encargado de realizar as obras do porto de Vigo, unha actuación de tal importancia que o Concello da cidade olívica lle encargou a Asorey a realización deste monumento en Bouzas, na alameda que leva o seu nome.
-
04
Monumento a García Barbón (Vigo)
Tamén en Vigo Asorey realizou o monumento a José García Barbón, unha peza inaugurada en 1927 polo rei Alfonso XIII. Inicialmente situouse na propia Avenida que leva o nome do empresario e mecenas, pero posteriormente foi trasladado a unha rotonda da rúa Isaac Peral.
-
05
Busto de Manuel Quiroga (Pontevedra)
O violinista Manuel Quiroga Losada, nacido en Pontevedra en 1892 e finado na mesma cidade en 1961, é un dos músicos galegos que máis sona adquiriron na historia. O busto realizado por Asorey foi encargado en 1949 polo Concello de Pontevedra, que xa lle dedicara ao violinista unha rúa en 1919, cando Quiroga tiña apenas 26 anos.
-
06
Monumento a Manuel Barreiro Cabanelas (Pontevedra)
Manuel Barreiro Cabanelas, nacido na Lama en 1867, emigrou moi novo a Brasil, onde fixo fortuna, un capital co que financiou un gran número de obras na súa parroquia natal de Covelo. A raíña María Cristina tramitou para el o título nobiliario de conde. Tamén financiou dúas salas do Hospital Provincial de Pontevedra, onde se atopa a estatua realizada por Asorey na súa honra.
-
07
Monumento a Loriga (Lalín)
En Lalín Asorey ten dúas obras significativas. A primeira, o monumento a Joaquín Loriga, pioneiro da aviación en Galicia e famoso por participar na Escuadrilla Elcano que completou en 1926 unha viaxe aérea entre Madrid e Filipinas. Loriga, nacido en 1895 na capital do Deza, finou en 1927 nun accidente aéreo. En 1933 inaugurouse o monumento encargado a Asorey.
Asorey tamén realizou en Lalín un monumento dedicado a outro dos fillos ilustres da localidade, o matemático Ramón María Aller Ulloa, unha obra inaugurada a finais dos annos 50.
-
08
Monumento ao Médico Rodríguez (Mondariz)
En 1925 Asorey realizou en Mondariz este monumento a Maximino Rodríguez Fornos, o 'Médico Rodríguez', que naceu nesa localidade en 1854. Foi co-descubridor do manancial da Fonte do Val en 1892, e médico do Balneario de Mondariz. Ademais, doi alcalde entre 1909 e 1923, ano do seu falecemento.
-
09
Monumento a Soage (Cangas)
En Cangas Asorey realizou un monumento ao filántropo José Félix Soage, que fixo fortuna na súa emigración á Arxentina e financiou a praza de abastos da localidade, entre outras actuacións. A estatua foi inaugurada en 1924.
-
10
Monumento ao alcalde López Pérez (Lugo)
No parque Rosalía de Castro de Lugo pode verse este monumento ao alcalde Ángel López Pérez, un político conservador que foi rexedor da cidade en catro períodos diferentes entre 1905 e 1931. A estatua foi inaugurada en 1958
-
11
Monumento ao Padre Feijóo (Samos)
O monumento ao Padre Feijóo atópase no centro do claustro do Mosteiro de Samos, onde foi monxe o ilustrado Benito Jerónimo Feijóo y Montenegro. A inauguración da estatua, encargada en 1935, foi adiada ata os anos corenta por mor da guerra.
-
12
'Santa', de Asorey
Non podía faltar nesta escolma a escultura da 'Santa', realizada por Asorey en 1926 para a Exposición Nacional de Belas Artes en Madrid. A obra non foi premiada, pero provocou un enorme escándalo que chegou ás portadas dos xornais da época. A escultura foi adquirida pola Casa de Galicia no ano 1951, sendo trasladada en barco dende Vigo. Durante as sete décadas seguintes exhibiuse na Sala de Sesións da institución.
Aínda que dende a Transición houbo varios intentos de que retornase a Galicia, non o fixo ata a súa breve estadía en Compostela no ano 2019. No verán de 2020 regresou a Montevideo, destacando as autoridades da entidade que ía pasar a ser exposta nun "lugar privilexiado" no museo que ía abrir no sanatorio.
Porén, os problemas económicos que presentou a entidade e que levaron ao peche e posterior venda do sanatorio, xeraron dúbidas e polémica sobre o futuro da escultura, entre demandas á Xunta para que asegurase a súa protección. Finalmente, o Goberno galego adquiriu A Santa e outros bens culturais que foran propiedade da Casa de Galicia e hai dúas semanas a a Xunta acordou co Goberno do Uruguai que A Santa de Asorey se exhiba no Museo Zorrilla de Montevideo.
-
13
Réplica de "Naiciña" feita polo seu discípulo, Xosé Cao Lata (Cambados)
Finalemnte, unha mención a Cambados, onde Asorey naceu en 1889. Na localidade pode verse o monumento que o escultor realizou en homenaxe a Ramón Cabanillas, o outro veciño ilustre da vila, e do que Asorey foi un grande amigo.
Pero, ademais, na Praza de Francisco Asorey, o seu discípulo Xosé Cao Lata levou a cabo un monumento de homenaxe que inclúe unha réplica de "Naiciña", unha das obras máis sinaladas do seu mestre, que foi realilzada por Asorey en 1922.