De Curros Enríquez á 'Santa': o escultor Francisco Asorey protagoniza a edición 2024 do Día das Artes Galegas

Monumento de Asorey a Curros Enríquez nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña CC-BY-SA Fernando Losada Rodríguez

O escultor Francisco Asorey será o protagonista do Día das Artes Galegas na súa edición do vindeiro ano 2024, que celebrará os seus actos centrais o 1 de abril

O escultor Francisco Asorey será o protagonista do Día das Artes Galegas na súa edición do vindeiro ano 2024, que celebrará os seus actos centrais o 1 de abril. Así o anunciou este luns a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), organizadora da homenaxe, que chega á súa novena edición.

Nacido en Cambados en 1889, está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Autor de obras tan coñecidas coma o monumento a Curros Enríquez na Coruña ou a escultura da Santa, Asorey “é a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado”, destaca Manuel Quintana Martelo, presidente da RAGBA.

Francisco Asorey © RAGBA

Nacido en Cambados en 1889, está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX

Nado en Fefiñáns, Francisco Asorey González estudou no colexio dos Salesianos en Sarrià (Barcelona) e logo foi profesor de debuxo na escola que tiñan en Barakaldo (Bizkaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entrou en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agradou moito. Alí coñeceu e fixo moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e comezou os seus primeiros traballos artísticos de relevancia. 

En 1918 gañou por oposición a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago, cidade á que se trasladou definitivamente a vivir. Alí casou con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e montou un taller de escultura na rúa Caramoniña, xunto ao convento de San Domingos de Bonaval. Deste taller saíron as obras en madeira policromada tituladas ‘Picariña’, ‘Naiciña’, ‘O Tesouro’, ‘Ofrenda a San Ramón’, ‘A Santa’ e ‘San Francisco’ (1ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid).

Asorey “é a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado”, destaca Manuel Quintana Martelo, presidente da RAGBA

Na década de 1930 trasladou o seu taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Neste lugar creou os grandes monumentos de ‘Loriga’, ‘Curros Enríquez’ ou a ‘Virxe de Tanxil’. A represión da guerra civil acabou coa vida de moitos dos seus amigos, como Camilo Díaz Baliño, e viviu eses anos nun plano discreto. Asorey adaptouse á nova situación e seguiu traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixía, pero tamén afrontando encargas de gran calidade, como a ‘Piedade’ para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona. 

'Santa', escultura de Asorey © Consello da Cultura Galega

O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, homenaxeando ese ano o Mestre Mateo

Foi proposto como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes por José Baldomir Rodríguez, Narciso Correal y Freyre de Andrade e Eladio Rodríguez González, nomeado por unanimidade o 23 de abril de 1944 e tomou posesión o 9 de novembro de 1947 na sede da Academia. En 1957 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega.

A pasada semana a Xunta acordou co Goberno do Uruguai que A Santa de Asorey se exhiba no Museo Zorrilla de Montevideo

Nos últimos meses estivo de plena actualidade a escultura de 'A Santa', realizada por Asorey no ano 1926, cando o escultor a presentou na Exposición Nacional de Belas Artes en Madrid. Non foi premiada, pero provocou unha enorme controversia que chegou ás portadas dos xornais da época e mesmo o escándalo da raíña Victoria Euxenia, muller de Afonso XIII. “Desde o primeiro momento, críticos e público identificou a Santa como unha representación da muller galega e, por extensión, da propia Galicia e da súa situación na época. E a peza mergullouse nun gran debate estético ao redor de como se representaban as mulleres na arte, pero tamén político, ao redor da propia situación de Galicia”, destacan os responsables da mostra ‘Galicia, un relato no mundo’.

A escultura foi adquirida pola Casa de Galicia no ano 1951, sendo trasladada en barco dende Vigo. Durante as sete décadas seguintes exhibiuse na Sala de Sesións da institución. Aínda que dende a Transición houbo varios intentos de que retornase a Galicia, non o fixo ata a súa breve estadía en Compostela no ano 2019. No verán de 2020 regresou a Montevideo, destacando as autoridades da entidade que ía pasar a ser exposta nun "lugar privilexiado" no museo que ía abrir no sanatorio. 

Busto do violinista Manuel Quiroga, en Pontevedra CC-BY-SA Mariasorey

Porén, os problemas económicos que presentou a entidade e que levaron ao peche e posterior venda do sanatorio, xeraron dúbidas e polémica sobre o futuro da escultura, entre demandas á Xunta para que asegurase a súa protección. Finalmente, o Goberno galego adquiriu A Santa e outros bens culturais que foran propiedade da Casa de Galicia e a pasada semana a Xunta acordou co Goberno do Uruguai que A Santa de Asorey se exhiba no Museo Zorrilla de Montevideo.

Martín Códax, Laxeiro, Domingo de Andrade, Luís Seoane, Alejandro de la Sota, Maruja Mallo e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foron os outros homenaxeados e homenaxeadas

O Día das Artes Galegas foi creado pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015, homenaxeando ese ano o Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixira a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. De aí que o Mestre Mateo fose o primeiro persoeiro en ser distinguido na primeira edición da conmemoración e que se escollese precisamente esta data para celebrar as artes galegas

Neste ano 2023 a figura homenaxeada foi Martín Codax, sucedendo o pintor lalinense José Otero Abeledo “Laxeiro”, homenaxeado no ano 2022. Nos anos anteriores os protagonistas foran o arquitecto do Barroco galego, Domingo de Andrade (2020-21), Luís Seoane (2019), Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.