O Día das Artes celebra a Maruja Mallo, a gran vangardista galega

Arquitectura humana, de Maruja Mallo Dominio Público Consello da Cultura Galega

Vangardista, moderna, comprometida e, sobre todo libre. O Día das Artes Galegas celebra e reivindica este 1 de abril a vida e a obra de Maruja Mallo, a universal pintora galega nada en Viveiro en 1902, protagonista da explosión de creatividade dos anos previos ao golpe franquista e cuxo talento seguíu desenvolvendo ata os últimos anos da súa vida, que remataba en 1995 en Madrid.

Os desprazamentos por traballo da familia de quen legalmente se chamaba Ana María Gómez González -a artista tomou o segundo apelido do pai- levaron a Maruja Mallo a Madrid a principios dos anos 20, onde desenvolveu na Real Academia de Bellas Artes os coñecementos que comezara a adquirir na Escola de Artes e Oficios de Avilés, en Asturias. Naqueles anos a pintora galega entra en contacto e tece estreitas relacións con quen comporían a Xeración do 27.

Foi así como Mallo comezou a figurar como sinónimo de liberdade e conexión coas vangardas artísticas internacionais xunto a Federico García Lorca, María Zambrano, Luis Buñuel ou Rafael Alberti. Maruja Mallo pintaba, pero tamén ilustraba portadas de libros e colaboraba en revistas como La Gaceta Literaria ou Revista de Occidente. Así, a finais dos anos 20 a súa obra, xa encadrada no surrealismo, adquire unha gran sona con traballos como a serie Cloacas y campanarios que, como reflicte María Luisa Sobrino no Álbum das Mulleres do Consello da Cultura, xurdiu do seu traballo na chamada Escuela de Vallecas, na que se achegou á contorna dos arrabaldos madrileños.

Tras unha estancia en París, na que a súa obra é coñecida de primeira man por artistas como René Magritte, Joan Miró, André Bretón ou Picasso, Maruja Mallo regresou ao Madrid da II República, onde amosou ás claras o sueu compromiso político e social. Foi docente en varias institucións mentres a súa obra pictórica evolucionaba e era apreciada en numerosos puntos de Europa. A súa implicación coas escolas da República foi o que provocou que no momento en que estoura o golpe franquista estivese en Galicia, como membro das Misións Pedagóxicas, e que puidese saír cara a Portugal en 1937.

Mentres a ditadura de Franco se instaura en España a obra de Maruja Mallo é ocultada pero, pola contra, é recibida en Sudamérica con honras acordes á sona que acadara nos anos preivos. Conferencias, homenaxes e actos públicos salfiren uns anos de exilio que foron tamén de enorme creatividade. Mallo sería unha exiliada ata 1961, cando retorna a Madrid, onde tras trinta anos de ditadura é case unha descoñecida para o público, se ben esa ocultación é detectada "pola crítica máis nova", que a valora especialmente, destaca María Luisa Sobrino.

Mallo foi, ao cabo, subliña a Academia de Belas Artes, unha das inspiradoras do "concepto de nova muller", unha creadora "poderosa, irreverente, valente, atrevida" e "coprometida cos ideais de liberdade que a levaron ao exilio". Foi pintora, pero tamén escribiu, traballou a cerámica, a escenografía ou o mural. En Galicia, no entanto, a súa primeira gran exposición non chegaría ata 1993, cando a súa obra foi exposta no Centro Galego de Arte Contemporánea, se ben o seu delicado estado de saúde non lle permitiu presentala como desexaba.

Maruja Mallo © Real Academia Galega de Belas Artes
Homenaxe a Maruja Mallo en Montevideo en 1940 Dominio Público Publicado en 'España democrática'
'La sorpresa del trigo' Dominio Público Maruja Mallo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.