Unha ducia de obras de Laxeiro para trazar a vida do renovador da arte galega
Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, foi o protagonista este ano do Día das Artes Galegas que organiza a Real Academia Galega de Belas Artes, un recoñecemento que nos últimos meses incidiu na relevancia da obra do artista de Donramiro (Lalín), un dos principais responsables da renovación da arte galega no século XX. Repasamos a súa traxectoria a través dunha ducia das súas creacións
-
01
Busto de Laxeiro en Vigo
Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, naceu en Donramiro (Lalín) en 1908. Os seus pais emigraron a Cuba, pero el ficou en Lalín coa súa avoa. Dela coñeceu relatos fantásticos e mitolóxicos da tradición oral galega, que marcaron posteriormente a súa pintura. A formación artística chegoulle en Cuba, onde finalmente emigrou con 13 anos, aínda que catro anos despois regresou a Galicia, xa decidido a dedicarse á arte, aínda que a súa primeira ocupación foi barbeiro de feira. E, de feira en feira, foi iniciándose no debuxo
-
02
'O Tolo. Retrato de Juan de Santos' (1931)
En 1931 e 1932 obtivo bolsas de estudos do Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra, coas que puido viaxar a Madrid para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, o que tamén lle permitiu visitar con frecuencia o Museo do Prado e coñecer as obras dos máis grandes, que se converteron na súa inspiración: Velázquez, Tiziano, O Greco, Goya e Rembrandt.
-
03
'Carnavalada' (1931)
En 1933 regresou a Galicia, e comezou a relacionarse cos artistas que estaban a forxar o Movemento Renovador da arte galega. En 1934 leva a cabo a súa primeira exposición individual, na que conta coa axuda de Seoane e Maside. Tamén entra en contacto co galeguismo e o republicanismo
-
04
'Trasmundo' (1946)
Na Guerra Civil foi recrutado forzosamente para o bando franquista. Ao remate, instálase primeiro en Pontevedra e despois en Vigo, con certo medo pola súa militancia no Partido Galeguista. Neses anos realiza moitos retratos por encargo e murais en tabernas, cafés e cines e completa unha das súas obras clave, Trasmundo, na que están presentes gran parte dos elementos que marcarán o seu estilo e os seus referentes temáticos.
-
05
Laxeiro, Díaz Pardo e Seoane en Bos Aires en 1955
Entre 1951 e 1970 viviu en Bos Aires, onde entra en contacto coa intelectualidade galega no exilio, especialmente con Luís Seoane, Blanco Amor, Dieste ou Lorenzo Varela, e tamén con Díaz Pardo, nos antes que este pasa en Arxentina.
-
06
'Autorretrato' (1952)
Nesa época o seu estilo evoluciona cara ao expresionismo e á abstracción, como deixa ver o seu 'Autorretrato' de 1952. A obra ilustra o impacto que a cidad de Bos Aires causó no artista, pois modificouna ao chegar a Arxentina, dándolle esta nova fasquía que marcaría o seu traballo nos anos seguintes.
-
07
'A barca espacial' (1961)
Laxeiro autorretrátase nesta obra, tocando o violín
-
08
'Vella caixa de música' (1962)
Esta obra, na que adquiren gran peso as formas xeométricas, amosa a influencia da pintura latinoamericana desa época, especialmente a do uruguaio Joaquín Torres García.
-
09
'A cidade mergullada' (1964)
Neses anos Laxeiro practica un estilo diverso, movéndose entre o expresionismo e o cubismo, ás veces máis abstracto, ás veces máis figurativo. É unha época, ademais, na que realiza moitas exposicións, tanto na Arxentina como en España e na que, así mesmo, ilustra A esmorga de Eduardo Blanco Amor en 1961.
-
10
'Señora Perditil' (1965)
En ocasións Laxeiro deixa ver unha clara influencia picassiana (por exemplo no cadro 'Homenaxe a Lala'), noutras unha proximidade aos 'Novos Salvaxes' alemáns e noutros achégase ao estilo que nese tempo desenvolvían os artistas nucleados ao redor do grupo El Paso, como Saura.
-
11
'O amigo poeta' (1972)
En 1970, despois dunha importante Retrospectiva na Art Gallery International de Bonos Aires, Laxeiro decide regresar definitivamente a España, residindo entre Lalín, Vigo e Madrid. Na capital do Estado instálase enriba do Café Gijón. Nese momento comeza a ser recoñecido no seu país, recibindo a Primeira Medalla Bienal de Pontevedra en 1973, e reservándose para a súa obra unha sala monográfica no Museo Quiñones de León de Vigo.
-
12
'Os Deuses' (1970)
En 1981 o colectivo Atlántica dedicoulle unha exposición antolóxica con máis de trescentos cadros, recoñecendo a influencia de Laxeiro e a súa importancia para relanzar a arte galega cara a unha nova renovación. Coincide esta homenaxe cunha reivindicación xeral da súa xeración, do grupo de 'Os renovadores', do que tamén formaban parte Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Luis Seoane, Xosé Eiroa, Fernández Mazas ou Manuel Torres
-
13
'Sen título' (1977)
Os seus últimos anos son un tempo de recoñecemento, con múltiples exposicións, antolóxicas (coma a que lle dedicou o CGAC en 1996) e premios de todo tipo (Medalla Castelao, Pedrón de Ouro...). Laxeiro finou en 1996 aos 88 anos de idade e deixando máis de dúas mil obras nunha traxectoria que percorreu todo o século XX