Martín Códax, "referencia da esencia da música popular e culta de Galicia", protagoniza o Día das Artes Galegas en 2023

O pergamiño Vindel Dominio Público

Martín Códax será homenaxeado no Día das Artes Galegas do vindeiro ano 2023, que se conmemora o 1 de abril. Así o decidiu a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), que considera que o poeta e músico é un "símbolo cultural" no apartado musical e unha "referencia da esencia da música popular e culta de Galicia". Trátase da primeira vez que a música vai centrar as celebracións do Día das Artes Galegas, unha celebración que naceu no ano 2016 cunha homenaxe a Castelao e que nos anos seguintes centrou os seus actos en Maruja Mallo (2017), Alejandro de la Sota (2018), Luis Seoane (2019), Domingo de Andrade (2020-21) e José Otero Abeledo “Laxeiro” (2022).

O Día das Artes Galegas, que se celebrará o 1 de abril de 2023, céntrase por primeira vez na música

Pouco sabemos en realidade sobre a vida de Martín Códax. Estímase que naceu na segunda metade do século XIII, probablemente na contorna de Vigo (pois hai un gran número de referencias á zona nas súas composicións) e que finou a comezos do século XIV. A Martín Códax coñecémolo a través das súas obras, recollidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana e que o converten nun dos grandes nomes da lírica trobadoresca galego-portuguesa, canda a Johan de Cangas ou Mendinho, cos que no ano 1998 compartiu o Día das Letras Galegas.

Monumento adicado aos poetas, cantores e trobadores da Ría de Vigo, Martín Codax, Pero Meogo, Mendiño e Paio Gómez Chariño, A fada e o dragón de Xaime Quessada, no Paseo de Afonso XII de Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

Dende o 2016 a RAGBA homenaxeou a Castelao, Maruja Mallo, Alejandro de la Sota, Luis Seoane, Domingo de Andrade e José Otero Abeledo “Laxeiro”

Pero, ademais, no pergamiño Vindel consérvase tamén a notación musical destas composicións, o que nos permite coñecelas na súa totalidade, poesía e música. O documento, que se conserva en Nova York, contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. Seis delas inclúen a notación musical, un feito practicamente excepcional pois case toda a notación musical da lírica trobadoresca non se conservou.

No pergamiño Vindel consérvase tamén a musical das composicións de Martin Códax, o que nos permite coñecelas na súa totalidade

"A descuberta das melodías de seis das súas cantigas, por parte de Pedro Vindel a comezos do século XX, supuxo unha revelación para os estudos da música medieval europea de gran transcendencia internacional", destaca a Real Academia Galega de Belas Artes, que subliña que "a grandeza da lírica medieval galega explícase pola conxunción de texto e música, de tal xeito que a música é o vehículo do texto poético".

Cancioneiro da Vaticana: V 884. Dominio Público

"A grandeza da lírica medieval galega explícase pola conxunción de texto e música, de tal xeito que a música é o vehículo do texto poético"

A descuberta de Vindel coincidiu ademais cun momento de eclosión do nacionalismo musical, que xa iniciara no século XIX Marcial del Adalid, que continuaran Juan Montes e Pascual Veiga, e que seguían cultivando José Castro “Chané” e José Baldomir, entre outros. Dentro dese ambiente nacionalista, en 1917 Santiago Tafall (1858-1930), cóengo e Mestre de Capela da Catedral de Santiago de Compostela, publica a primeira transcrición das cantigas de Martín Códax. 

"Ao corpus musical galego que se podería representar simbolicamente na figura de Martín Códax habería que engadir a iconografía musical conservada no Pórtico da Gloria", di a RAGBA

A Academia subliña que "a partir dese momento Martín Códax incorpórase á nómina dos símbolos culturais de Galicia no seu apartado musical, alén do literario", destacando Filgueira Valverde "a continuidade entre a música medieval galega e a popular de Galicia do século XX". 

A RAGBA engade que "ao corpus musical galego que se podería representar simbolicamente na figura de Martín Códax habería que engadir a iconografía musical conservada que ten o seu máis elevado expoñente no Pórtico da Gloria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.