Luís Seoane será homenaxeado no Día das Artes Galegas 2019

Luís Seoane © Xosé Díaz Arias de Castro

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) escolleu a Luís Seoane como figura homenaxeada na edición 2019 do Día das Artes Galegas, que se celebrará como todos os anos o 1 de abril. Seoane sucede ao Mestre Mateo (2015), Castelao (2016), Maruxa Mallo (2017) e Alejandro de la Sota (2018). Con este recoñecemento, a Academia busca afondar nas múltiples facetas do artista, nacido en Bos Aires e finado na Coruña en 1979: teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante ou pintor foi "esencial no Laboratorio de Formas e na creación dunha nova imaxe de Galicia baseada na interacción tradición-innovación a través das industrias da memoria, como Sargadelos ou O Castro", destaca a institución.

Seoane foi "esencial no Laboratorio de Formas e na creación dunha nova imaxe de Galicia baseada na interacción tradición-innovación a través das industrias da memoria, como Sargadelos ou O Castro"

A través da vida de Seoane podemos percorrer os grandes acontecementos sociais, culturais e políticos da historia do século XX en Galicia e tamén a evolución das vangardas artísticas. En 1910 naceu en Bos Aires, nun fogar de emigrantes galegos. En 1916 volveu cos seus pais a Galicia, instalándose en A Coruña, onde realizou os seus primeiros estudos. Esquerdista, foi membro do Partido Galeguista e participou na campaña do Estatuto de Autonomía de 1936. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo, mantívose agochado durante uns meses ata que en setembro de 1936 puido exiliarse a Buenos Aires vía Lisboa. Alí fixou a súa residencia e traballou no consulado republicano. Nos anos seguintes foi un gran dinamizador da cultura galega no exilio. En 1940 funda as coleccións “Hórreo” e “Dorna” en EMECÉ Editores e en 1943 a revista Correo Literario e a Editorial Nova, e en 1948 funda a editorial Botella al Mar. Entre 1952 e 1962 funda a revista Galicia Emigrante e a editorial Citania. Foi tamén cofundador do Laboratorio de Formas de Galicia, de Sargadelos e do Museo Carlos Maside.

"A obra de Seoane é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de Galicia, manifestado a través dos petroglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas"

"A súa obra, vasta e diversificada, o seu pensamento aberto, as súas iniciativas, convérteno nun personaxe destacado no panorama da cultura galega e española do século XX, que axudou a construír co seu esforzo, o seu talento e o seu compromiso", destaca a Academia, que sinala que "a obra de Seoane é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de Galicia, manifestado a través dos petroglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas". Na súa primeira etapa como pintor e debuxante viuse influído polo expresionismo alemán (Grosz, Otto Dix), os estudos de Lissitstzky, a metodoloxía da Bauhaus e, en maior medida, polo traballo de Pablo Picasso. Os soportes utilizados para expresar a súa creatividade, alén da práctica da pintura, van desde o gravado en todos os seus aspectos (xilografía, litografía, etc.), o debuxo, o muralismo, o deseño gráfico (carteis, portadas de libros) e mesmo o labor editorial.

Luís Seoane © Xosé Díaz Arias de Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.