Realismo, o último disco de Xan Campos Trío, é unha reivindicación da realidade fronte ao virtual. E unha reflexión sobre a subxectividade da realidade. Sobre as súas distintas caras. Como no propio disco, no que parece que soa o que en realidade non está. E no que o jazz abre portas a outros estilos sen deixar de ser jazz. Xan Campos, Horacio García e Iago Fernández presentaron Realismo no seu recente concerto no festival Feito a Man, en Santiago. Aproveitamos para falar, despois, con Xan Campos.
Como foi para vós o concerto de Feito á Man?
Estivo moi ben. Ademais tocar na zona vella, nun lugar tan bonito… O aforo era reducido pero non nos vamos queixar. É unha alegría que se poidan seguir facendo cousas, aínda que sexa con estes controis debidos ao coronavirus. Penso ademais que nos fomos afacendo, tanto nós como o público, entón resulta menos frío que ao principio. Foi un concerto especial, desfrutámolo. Se vemos que a xente desfruta, para nós é un pracer…
“O que quería para Realismo non era tres músicos de jazz facendo un pouco de todo. Era facer unha música aberta, flexible a nivel estético, pero coherente co que é a nosa música”
Penso que estivestes en bastantes festivais este verán. Dentro do que hai…
Está sendo mellor este ano que o pasado. Estamos bastante contentos. Dentro das circunstancias, que non son ideais, estamos indo a bastantes festivais. Eu, ademais dos concertos co Trio, teño outros con outros proxectos dos que formo parte. A situación non é para nada boa pero, si, eu estou bastante activo.
Realismo está gravado co Hevi, que estaba con vós no son no concerto do Feito á Man. Como foi o proceso? En que vos fixo mudar a vós a vosa perspectiva?
Ao Hevi coñecíao doutros proxectos. Pareceume unha persoa interesante para incorporar ao novo disco que iamos gravar como trío. O proceso foi moi diferente do que adoita ser nun disco de jazz. Normalmente grávase nun ou dous días: hai un líder que o prepara todo, que fai as composicións, que xunta o resto da xente… Neste disco foi moi diferente. Antes de gravar estivemos dándolle voltas a moitas cousas. E despois gravamos en sete días completos. O Hevi estivo moitas horas experimentando cos instrumentos: probando distintas partes da batería, por exemplo, ou decidindo exactamente onde colocaba os micros. Para nós foi enriquecedor pero tamén duro porque non estamos afeitos a traballar así: pasabamos moito tempo no estudio sen tocar. Mais o Hevi achegou moito. Precisamente porque ten unha visión moi diferente da nosa. É un especialista en son cunha conexión máis directa e orgánica coa música.
No 2016 sacaras ESD, pero con outra banda. Con Xan Campos Trío sacaras Orixe Cero e Ectropía. Que querías que fose Realismo?
Xan Campos Trío é un proxecto que leva bastantes anos e que tivo unha evolución na cal fomos atopando unha sonoridade bastante persoal que conforma a nosa identidade como banda. Eu tiven un tempo de crise despois de Ectropía. Eu ata entón facía as músicas que me apetecía facer. Non pechaba portas a outros xéneros. Pero chegou un momento en que estaba en proxectos moi potentes de diversos xéneros: free jazz, jazz rock, pop… Iso permitíame xa satisfacer a necesidade de tocar estilos que me gustaban.
Pero entón empecei a preguntarme: pero que é o que toco eu? Tampouco atopei unha resposta moi clara, pero si sei que é o froito de quince anos de traxectoria e que quería continuar por aí. O que quería para Realismo non era tres músicos de jazz facendo un pouco de todo. Era facer unha música aberta, flexible a nivel estético, pero coherente co que é a nosa música. E niso foi fundamental o papel do Hevi. El fixo que a música soe como debía soar. Que se manteña a sonoridade dun trío acústico de jazz, pero que sexa algo coherente coa música que facemos.
Realismo reivindica o mundo real fronte ao virtual. É moi comprensible mais, que sería da música feita hoxe sen o mundo virtual?
Cando preparas un disco están dando voltas a uns conceptos e pensas nun título: unha ou dúas palabras que poidan representalos. Escolles unha portada, un deseño… para dar pistas ao oínte do que vai escoitar. Pero a película que eu monto na miña cabeza non ten por que ser a que monta outra persoa. Realismo ten que ver, si, coa reivindicación do físico, o palpable, que estamos perdendo tanto. É verdade que a tecnoloxía ten cousas moi boas, pero tamén que nos afasta da relación coas persoas da nosa contorna. Tamén o feito de facer o disco en vinilo ten que ver con iso.
Non o tedes tamén en CD?
Si, e pódese escoitar tamén en dixital, pero foi pensado para facelo en vinilo. Queremos animar a xente a que escoite o vinilo con calma, sen estar facendo outra cousa ao mesmo tempo. O título Realismo responde tamén a outro concepto, que é que a realidade é subxectiva e etérea, non obxectiva. Tamén por iso a foto de portada, que é unha realidade vista desde un punto de vista diferente: unha foto dun polen vista ao microscopio. A nosa música, neste disco, é un traballo de microfonía, de pedais de efectos, de traballo co son… que pode parecer o que non é. Nalgún momento pode parecer que hai un sintetizador, por exemplo, pero non o hai. Só temos instrumentos acústicos. Polo que o propio disco tamén é realidade distorsionada, presentada doutro xeito.
“A nosa música, neste disco, é un traballo de microfonía, de pedais de efectos, de traballo co son… que pode parecer o que non é. Nalgún momento pode parecer que hai un sintetizador, por exemplo, pero non o hai”
Pois si que parece que hai un sintetizador.
O que hai son pedais de efectos. Delays, reverbs, efecto freeze -que conxela o son-.
Que foi o que usastes na última canción no Feito a Man? Porque ti erguícheste e o piano seguía soando.
Nese caso é un looper. Fas que o son se grave, se repita, e podes seguir tocando por enriba. Usámolo en Espello de auga, que é un palíndromo, un tema simétrico a distintos niveis: nos acordes, no uso dun looper e da reversión... Un dos aspectos máis difíciles deste proxecto foi levar ao directo todas estas cousas que experimentamos no estudio.
Horacio García e Iago Fernández acompáñante no trío. De Iago, polo menos, din que era un virtuoso xa sendo adolescente…
Iago é un dos meus músicos favoritos do mundo e ademais é un amigo de toda a vida. Os nosos pais, antes de nós nacer, xa eran amigos. A nosa carreira musical sempre estivo ligada.
“Iago é un dos meus músicos favoritos do mundo e ademais é un amigo de toda a vida”
Estudastes xuntos aquí no conservatorio?
Estudamos no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e despois no País Vasco, no Musikene. Despois os dous fomos a Europa, pero a países diferentes. A Horacio coñecémolo precisamente no Musikene e conectamos moi ben.
Din os críticos que se nota moito o equilibrio entre vós, a harmonía.
É que un concerto é como unha conversa. E está moi ben coñecer xente nova que che fala de cousas interesantes. Pero non é o mesmo que falar cos amigos de toda a vida. Nós temos unha conexión de moitos anos, de total confianza. De estar completamente cómodos.
Ti empezaras a tocar sendo neno. Teu avó era músico…
Meu avó, que agora ten 93 anos, foi quen empezou a ensinarme música. Non había visita á casa de meus avós sen lección de música. Despois estudei no conservatorio e desde os 11 anos entrei en contacto co jazz, a través da Big Band de Luís Carballo en Cangas. E despois xa co Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, con Abe Rábade e Paco Charlín. Do Seminario saíron moitos jazzistas galegos: Virxilio da Silva, Max Gómez… Despois fun facer a licenciatura en jazz ao País Vasco e despois fixen un Máster que era itinerante: Copenhague, Amsterdam e Berlín. Cidades moi diferentes que me ofreceron experiencias moi distintas. En Amsterdam quizais foi onde máis me integrei na escena do jazz.
“Meu avó, que agora ten 93 anos, foi quen empezou a ensinarme música. Non había visita á casa de meus avós sen lección de música”
Xa que falas de jazzistas galegos, como está a situación agora para vós en Galicia?
Coa pandemia está todo raro. Bótase en falta o concepto do club, do bar, do lugar no que facer jam sessions. Iso é o que crea comunidade. É onde nacen os proxectos que despois levamos aos festivais. Canto á escena galega do jazz, está claro que nos últimos vinte anos foi medrando e cada vez hai máis músicos e de mellor nivel. E máis público, máis consciente e con máis oportunidades de escoitar jazz. Tamén é un momento novo para o jazz. A tradición sempre vai seguir sendo importante, pero hai 30 anos a música dos 60 xa era de había 30 anos e agora é de hai 60. A nivel internacional está a facerse moita busca, moita investigación. O jazz está conectado con outras músicas.
Xa que mencionas iso, un dos temas de Realismo, Mochi, é tan bailable que se achega á música electrónica. Perdón por dicir isto.
Non, se está ben. Nas orixes do jazz, nos anos 30 e nos anos 40, xa había esta converxencia de distintas tradicións musicais. O jazz sempre estivo aberto a influencias e hoxe mantense e mesma filosofía. Sempre foi unha música espontánea e aberta. Por iso, se queremos respectar a tradición do jazz, non podemos pretender tocar o mesmo que hai 80 anos. O que definiu o jazz sempre foi esta mentalidade aberta. Mais, indo a Mochi, a verdade é que era un gatiño que tiven e que desapareceu. Teño moi bos recordos del, dos bos momentos que pasei con el. Se é unha persoa non é tan fácil quedar cos bos recordos, pero eu con este gato conseguín quedar co bo. Por iso é un tema alegre, divertido. A parte final que, si, é máis como de discoteca, non tiñamos claro se deixala así. Pensamos que se cadra nos estabamos pasando. Pero Hevi e eu mirámonos e dixemos, por que non? Se é onde nos levou a música, por que cambialo.
“O jazz sempre estivo aberto a influencias e hoxe mantense e mesma filosofía. Sempre foi unha música espontánea e aberta”
Amoria e Teorías teñen algo de pop, cunha batería moi rítmica e marcada.
Son bastante popeiras, si. E aí nótase tamén o traballo co son. Se as tocásemos como nos discos anteriores soaría a un grupo de jazz tocando pop, que é o que dicía antes. Pero co traballo do Hevi, aínda que o contido teña algo de pop, somos nós. Amoria é se cadra a máis pop das dúas. Normalmente nunha banda de jazz trabállase cos ventos arriba, logo as harmonías (o piano, por exemplo) e logo as bases (baixo e batería). O que notas neste tema é que a batería está máis presente. Somos un trío de piano pero o piano non ten por que estar sempre diante nas mesturas. Pode estar a batería, por exemplo.
1991 é, pola contra, pausada e melancólica. Por que?
Correspóndese cun dos meus primeiros recordos. A primeira lembranza que teño da felicidade. Pode ser algo melancólica por iso, porque me leva á infancia. É un tema acústico, dun trío de piano máis austero.
Espello de auga soa igual de diante para atrás que de atrás para adiante. Como se fai iso?
Ten simetría a diferentes niveis. Conseguímolo a través da composición e da gravación. En realidade a reversión faise polo menos desde a música barroca. A novidade no noso caso é que revertemos na composición e na gravación. Dámoslle a volta á gravación, é dicir, poñémola de atrás para adiante. E logo gravamos por enriba e logo volvemos darlle a volta… En fin, que é igual de diante para atrás que de atrás para adiante.
“En realidade a reversión faise polo menos desde a música barroca. A novidade no noso caso é que revertemos na composición e na gravación”
O título doutra canción, Fame Noir, fai pensar en Fame Neghra. E ten un cambio polo medio que parece empezar outra canción.
O título neste caso é do Hevi… O tema é como un sandwich. Comeza coma unha balada, con moito aire, moito espazo, e logo polo medio comeza a loucura, cos pedais de distorsión no piano. Gústame ese descontrol, esa distorsión…
Palinestesia é harmónica, equilibrada…
Leva unha base cun punto rapeiro e elementos moi de jazz, cun solo de piano, con melodías que lembran a música galega. A base rítmica é moi rapeira: aínda que tampouco é rap, porque o rap é catro por catro e o noso é nove por catro. Non é bailable coma Mochi. Se a bailas, igual rompes un pé.
Non pensaba. E seguro que Vontades non leva sintetizador?
Ese efecto estraño que notaches é a batería gravada do revés. Hai outras partes do disco gravadas e dadas a volta. Vontades, coma Teorías, foi feita alí, no estudo de gravación. Son temas moi concretos, que producen unha sensación e acaban…
“Ese efecto estraño que notaches é a batería gravada do revés. Hai outras partes do disco gravadas e dadas a volta”
A crítica especializada fala de influencias claras de músicos de jazz. Que opinas diso?
Algo do que si me decatei ultimamente é da influencia da música clásica que escoitei de pequeno. Hai cousas que me marcaron moito: a lóxica das frases musicais… Despois, eu escoitei moitos músicos e estilos, como Radiohead, Grizzly Bear… Músicas que tes na cabeza e que acaban saíndo ao compoñer. Mesmo ás veces dinme que teño influencias de músicos aos que nunca escoitei. Mais si, son moitas linguaxes e moitas influencias ás que non hai que pechar as portas.