Jazz de Ría: música para os barrios de Valdoviño, Cedeira, Neda e Narón coa paisaxe da Costa Ártabra de fondo

Romaría do Festival Jazz de Ría na sétima edición © Festival Jazz de Ría

É imposible que non che guste o jazz. A miña experiencia é que sempre hai algo na música que te engancha, nunca vin a ninguén erguerse e marchar dun concerto de jazz porque non lle gustara”, di Aitana Cuétara, directora do festival Jazz de Ría, que se celebra do 16 ao 20 de agosto en escenarios privilexiados de Valdoviño, Cedeira, Neda e Narón.

Nesta oitava edición o festival afonda nas novas sonoridades da música de jazz coa participación do pianista menorquín Marco Mezquida no Pazo da Cultura de Narón, que inicia a festa, ata as interpretacións intimistas de artistas galegas como Antía Muíño e Leticia Rey. O jazz de cuño mediterráneo de Alba Careta Group e Magalí Sare & Manuel Fortià soará o sábado 17 na romaría no parque Freixeiro en Narón, así como o jazz-rock progressivo dos ferrolanos Demo Rumudo e o compostelán Pablo Sanmamed Trío, que desta vez xunto ao óboe e o corno inglés do reputado Benxamín Otero.

Cartaz do Jazz de Ría CC-BY-SA Jazz de Ría

O proxecto vertebrador do Cuarteto Federal estará no parque de San Isidro en Cedeira o luns 19. O programa complétase coas aulas abertas de baile conducidas por Swing On, o curso de palmas flamencas que impartirá Isaías Salazar, un obradoiro de fabricación de instrumentos musicais con material de refugallo a cargo da Escola da vaca, o piano-bar itinerante de Le BarLuthier, e un roteiro musical polos Balcóns do Atlántico cunha intervención do saxofonista Lois Rivera.

"O propósito é poder estar nun espazo bonito, tranquilo, que non haxa impacto ambiental e que a veciñanza non se sinta invadida polo festival", sinala Aitana Cuétara

No Jazz de Ría a programación axústase aos espazos, de gran beleza natural, pero non turísticos. É un festival que sucede nos barrios destes catro concellos da Costa Ártabra, non está pensado para a ‘experiencia’ e a afluencia masiva. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o obradoiro da Escola da Vaca, para o que foi preciso inscribirse.

“Non todos os lugares admiten todo tipo de propostas a nivel loxístico e de produción, por iso primeiro vemos os espazos que temos e despois pensamos, entre todas as cousas que nos gustan, que é o que mellor encaixa en cada sitio. Tamén hai que ter en conta o tipo de público, no caso do Jazz de Ría, aínda que hai moita xente que vai a todos os concertos, é diferente o públicos dos concertos de Narón que o dos concertos de Neda, que son ao mediodía. Alí programamos no barrio mariñeiro da Ribeira de San Nicolás, onde hai moitas veciñas maiores e veciñanza de toda a vida que agradecen que o concerto sexa moi amable, que sexan cousas que poidan identificar. Non poderiamos programar alí un grupo de jazz contemporáneo porque non se sentiría igual. A gran implicación que ten a xente da zona co festival hai que premiala levando cousas que cres que lles van encantar”, debulla Aitana Cuétara.

Leticia Rey © Cris Andina

A directora incide en que no Jazz de Ría o “éxito” non está en lograr grandes cifras de público. “O propósito é poder estar nun espazo bonito, tranquilo, que non haxa impacto ambiental e que a veciñanza non se sinta invadida polo festival. Para min, como cidadá, é algo que me preocupa moito. Conseguimos un público moi fiel, en menor cantidade, que aprecia a calidade das propostas”, conta Cuétara.

Unha desas propostas singulares que marcan o carácter do festival é o roteiro 'Balcóns do Atlántico', que se celebrará o martes 20 ás 19h en Valdoviño. Unha ruta a pé desde a praia de Pantín ata a praia do Baleo, con intervencións do saxofonista Lois Rivera e do escritor Antón Cortizas.

"Teño a sensación de que non fago unha música demasiado popular, pero hai tempo que tomei a firme decisión de ser fiel a min mesma e ao que quero facer", di Leticia Rey

Para o coruñés Lois Rivera foi toda unha sorpresa a chamada do festival. “Estou esperando a chegar alí e ver que me inspira o lugar para saber a música que tocarei”, conta ao outro lado do teléfono. Di que está preparado, leva co saxo desde os 15 anos e, aínda que non cre que poida chegar a vivir do jazz, participa en todos os proxectos que lle interesan. Lidera a formación Lois Rivera Quartet / Lois Rivera Trío, e o quinteto Project.Five. Ademais, participa na Garufa Blue Devils BigBand e no grupo de Dixieland Swing Los Hot Chocolates, o Nani García & Baldo Martínez Quartet e no grupo de fusión Latin-Jazz-Rock Bueno Chico.

O concerto de peche desta oitava edición estará a cargo de Leticia Rey, que cantará en Valdoviño, coa praia do Baleo de fondo. A cantante de Vila de Cruces estará acompañada por Iago Mouriño. “Admiro a moitas das artistas do cartel do festival e é unha ilusión ser parte da mes iniciativa”, asegura. Rey acaba de gravar o seu próximo disco, no que conta cunha banda con novos instrumentos, pero non deixa de compoñer nova música.

Na nova etapa que abre co que será o seu novo disco aposta por un jazz que vira cara ao folk, un pouco lírico e case achegándose ao bolero, no que predomina o vocal. “Teño a sensación de que non fago unha música demasiado popular, pero hai tempo que tomei a firme decisión de ser fiel a min mesma e ao que quero facer. Sei que se fixera outro tipo de música lograría máis repercusión, pero estou rodeada duns músicos incribles e fago o que me gusta”, defende Leticia Rey en conversa con Praza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.