O Noia Harp Fest volve encher as prazas da vila de músicas e músicos de todo o mundo unidos pola arpa

Actuación de Formiga e Cigale na pasada edición do Noia Harp Fest © Noia Harp Fest

O único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, reunirá en tres xornadas ateigadas de talento, música e pluralidade estilística a bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, que amosarán a súa calidade artística en eidos como a música clásica, o folk ou mesmo o jazz

Do 8 ao 10 de agosto, figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk son parte dun cartel que, como é habitual, tamén integrará artistas e colectivos galegos. O certame, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, contará con máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do evento, á fin de poder ofrecer desde concertos íntimos até propostas máis amplas. A programación desenvolverase cada xornada en dous recintos diferentes, á fin de espallar a proposta musical pola localidade. A entrada de todos os directos é de balde e de acceso libre ata completar capacidade.

A ucraína Solomiia Savchuk © NHF

A 11º edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia reúne do 8 ao 10 de agosto a bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, que amosarán a súa calidade artística en eidos como a música clásica, o folk ou o jazz

A 11º edición do Noia Harp Fest comeza co encontro do alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos do país, que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos). 

Un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaian e comparten os seus coñecementos desde primeira hora da mañá deste xoves no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este 8 de agosto, ás 13 horas, no mesmo Liceo.

A xornada inaugural pecharase ás 20 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na Rúa do Curro, que se estrea como sede do festival. Nesta folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final virá da man da banda do NHF. 

O venres 9 a programación transitará polas músicas de raíz. A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta e cuxos vídeos contan con millóns de visualizacións na plataforma Youtube, ofrecerá un recital ás 19 horas en Santa María A Nova, nunha cita na que se poderán escoitar temas dos seus álbums en solitario. 

Cartaz da 11º edición do certame CC-BY-SA NHF

O venres pola noite a música trasládase ao Teatro Coliseo Noela. Solomiia Savchuk, unha moza ucraína residente en Ferrol e destacada intérprete de bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laúde, actuará ás 21 horas. A continuación, o dúo escocés formado por Rachel Hair & Ron Jappy achegará un dos directos máis esperados do festival. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e darán a coñecer o seu álbum máis recente, élan (2023), un traballo no que presentan unha animada mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e a Illa de Man.  

O peche desta edición será a partir das 22 horas do sábado na Praza do Tapal co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora (a arpa de África occidental) e atrevido compositor

A última xornada desta edición chegará o sábado 10, día no que a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do evento ás 19 horas. Será un concerto íntimo no que o público poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha intérprete que, ademais de ter actuado con diversas orquestas nas principais salas europeas, ten colaborado con artistas internacionais como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger

A partir das 21 horas do sábado, a emblemática Praza do Tapal de Noia acollerá directos marcados pola experimentación. O trío Descofar, que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”, presentará o seu LP Chimera, no que mestura composicións orixinais, temas tradicionais e cultura rock. 

O peche desta edición será a partir das 22 horas do sábado co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora (a arpa de África occidental) e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, a kora, o violín, o violonchelo, a percusión e a voz de Maiga ofrecerán unha viaxe sonora a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.

A programación desenvolverase cada xornada en dous recintos diferentes de Noia © NHF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.