O Noia Harp Fest fai dez anos coa vontade de involucrar á sociedade galega nas bondades da música de arpa

Presentación da décima edición do Noia Harp Fest en Compostela co seu director, Rodrigo Romaní (terceiro pola esquerda) © NHF

Do 3 ao 6 de agosto as arpas volven á rúa. O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia alíase coa Real Filharmonía de Galicia para o décimo aniversario, no que contará con estreas da orquestra SonDeSeu e artistas internacionais como Laoise Kelly e The Poozies

A veciñanza de Noia leva dez anos prendida do son das arpas na rúa, un fenómeno do que gozar grazas ao Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, que este ano contará con artistas de Alemania, Chile, Escocia, España, Francia e Irlanda, reforzará a súa colaboración coas escolas de arpa do noso país e iniciará un proxecto para levar a música en directo ás crianzas do hospital de Santiago.

A décima edición do Noia Harp Fest celebrarase do 3 ao 6 de agosto, pero o seu director, Rodrigo Romaní e mais Beatriz Martínez, que forma parte da dirección artística, presentaron esta semana no Auditorio de Galicia en Santiago os pratos fortes da súa programación, que inclúe varias estreas absolutas e unha colaboración que, como dirían as Tanxugueiras, veu para quedar: a do certame coa Real Filharmonía de Galicia. O obxectivo desta edición pasa por achegar a música de arpa á sociedade galega e atraer a Noia a novos públicos. 

Bleuenn Le Friec tocando a arpa na presentación do festival CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

A orquestra pública interpretará a estrea mundial de Hibrys, a peza do compositor hispano-arxentino Alejandro Civilotti que resultou gañadora da primeira edición do premio internacional de composición Portus Apostoli, patrocinado polo Concello de Noia, pola súa "elevada técnica orquestral, onde a arpa e a orquestra concertan á perfección". A estrea terá lugar na noite do sábado 5 de agosto, ao aire libre, na praza do Tapal de Noia. 

alumnado das escolas de arpa de Galicia participará, por segundo ano consecutivo, nun encontro aberto ao público. Trátase da proposta máis singular deste eido no país, ao por en relación a todas e todos os estudantes do instrumento, que serán os e as protagonistas da apertura do festival co obxectivo de "mirar ao futuro" da presenza do instrumento no país. A xornada inaugural tamén contará cunha foliada de benvida e, de seguido, un concerto do chileno Crístian Rodríguez Cuarteto.

O proxecto 'Boas vibras' levará as arpas a Pediatría do CHUS coa intención de mellorar a humanización na asistencia

A Asociación Noia Harp Fest e a Fundación Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS) de Santiago de Compostela comezan esta primavera o proxecto Boas vibras. Arpistas pola saúdeun programa piloto que nace coa intención de mellorar a humanización na asistencia aos pacientes así como o aproveitamento dos beneficios que supón a música, en concreto a da arpa, para a saúde, estudados e analizados noutras experiencias similares realizadas noutras partes do mundo. 

A experiencia, segundo explicaron na presentación, comezará con doentes de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Cinco arpistas visitarán nas vindeiras semanas aos pacientes, establecendo unha comunicación sonora baseada na personalización da música que se interpreta, centrada na adaptación ás características e á situación de cada persoa, primando tamén a improvisación musical para chegar a provocar cambios positivos e observables na súa evolución, sempre con persoal sanitario presente. 

Participantes na presentación do certame © Noia Harp Fest

Entre as actuacións que encherán a vila de Noia de arpas no mes de agosto tamén está a da orquestra SonDeSeu, que estreará no peche do festival dúas pezas importantes, Escumas Atlánticas de Rodrigo Romaní e Micelio, de Anxo Pintos.

SonDeSeu estreará dúas pezas importantes: Escumas Atlánticas, de Rodrigo Romaní e Micelio, de Anxo Pintos

A irlandesa Laoise Kelly, pioneira nun novo estilo de conducción da arpa instrumental, ofrecerá un concerto na igrexa de Santa María a Nova o venres 4 de agosto. E o dúo franco-alemán de Gilles Chabenat e Daniela Heiderich, coa súa arpa bohemia e a zanfona elctroacústica, evocará melodías de baile e mesmo melodías de manuscritos antigos. 

The Poozies, a agrupación feminina responsable de mudar a escena folk nos anos noventa, será unha das sensacións do Noia Harp Fest, que contará cunha homenaxe especial ao músico e virtuoso Nicanor Zabaleta, considerado o mellor intérprete do instrumento, no trixésimo aniversario da súa morte, da man da Asociación Española de Arpistas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.